Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luis Cordeiro

jueves, 27 de diciembre de 2007
Hai un par de anos tivemos a honra de compartir con Javier Rivera a presentación do libro de Luis Cordeiro, “Fume de pallas”. Hoxe, en lembranza e mínima homenaxe persoal ó amigo desaparecido, transcribímos o que, amais doutras cousas, dixemos textualmente naquela ocasión:

“Luis Cordeiro é un focego de adopción. Aquí leva entre nós mais de 40 anos, e aquí colaborou, coa complicidade decisiva de Mari Carme, á supervivencia e ó incremento da nosa poboación indíxena. Por eso o libro ten un fondo palpitar focego e polo tanto, con independencia de identificarse ou non co seu contido total ou parcial, estamos ante unha nova e importante aportación á bibligrafía do noso pobo.

As facetas variadas da súa dedicación, fan de Luis un bó coñecedor do talante das nosas xentes. Él, desde o día que chegou a Santa Cilla como mestre, mergullouse na nosa sociedade, na do rural, e na mariñeira. Participou activamente en moitas das actividades culturais, sociais e lúdicas, chegando ó coñecemento e dominio da personalidade do focego mais carismático e singular, colectivamente considerado, que inexorablemente tiña aires mareiros. Nalgunhas descripcións que fai de determinados personaxes populares reflíctese esa sensibilidade do autor para captar certas peculiaridades que moitas delas, atribuídas a determinados suxeitos, son en realidade patrimonio común dunhas xentes que se formaron no mesmo hábitat e que ó longo de xeracións recibiron as mesmas influencias do medio, chegáronlles os mesmos golpes de mar, respiraron idénticas brisas e enchoupáronas os mesmos salitres.

Nunha mirada retrospectiva, á que somos tan dados cando acadamos certas idades, nós quedámonos co Luis Cordeiro, amigo e compañeiro de ilusións xuvenís: daquel co que compartimos horas de lecer que ocupábamos maioritariamente con inquedanzas culturais naquela incrible emisora que emitiu alá polos anos 60; nas páxinas da Revista “A Rapadoira”; nos festivais pro-asilo nos que a nosa ousadía levounos incruso, con outros deportistas de tal guisa, a alinear nun equipo de fútbol e, sen nengún rubor, exhibir as nosas dotes negadas para toda práctica deportiva..

Quedámonos co Luis Cordeiro das longas tertulias arredor das brancas tazas de riveiro, nunha práctica habitual que fixo que don Ramón Fernández Mato, o político republicano e escritor, entón residente na nosa vila, nos definise como “taciturnos”. Co Cordeiro das conversas amenas e enxeñosas, agudas, retranqueiras e irónicas. Coa persoa culta, intelixente, dialogante e tolerante, adxetivos apenas aplicables á fauna de políticos que merodea polos nosos campos…

Quedámonos co Luis, mestre en Santa Cilla, ou co excelente director do Colexio Público Nº1; admiramos ó magnífico escritor, dominador da linguaxe e da sabenza popular, onde reflicte con naturalidade tódalas características que apuntamos como conversador. Recoñecemos nél ó home traballador, ordeado, responsable no cumprimento das súas obrigas e aínda ó home madrugador, vicio que endexamais compartimos. ¡E cómo non; ó avó-canguro!

É sabido que Luis Cordeiro foi home da política, na que acadou postos de relevo. Pero é esa unha faceta que nos resulta a menos atractiva da súa personalidade. E ésta apreciación nosa non implica ningún xuízo de valor sobre a que foi a súa xeira en tal actividade. Sinxelamente non nos interesa, nin en Luis nin en ninguén. A decepcionante experiencia acumulada fainos ser, neste terreo, absolutamente escépticos. Interésanos a política, pero non os políticos, que non é o mesmo. A política anda como anda porque temos os políticos que temos.

Polo tanto un quédase co home, co vello amigo ó que, como focego, agradecemos a súa aportación ó noso acervo cultural, con este libro ameno, enxeñoso, irónico pero amable, tan pulcramente editado. Gracias, Luis”.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES