Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A emoción de Castelao en Notre Dame e Galicia

miércoles, 08 de mayo de 2019
Os aínda recentes ecos do desastre da catedral de Notre Dame encheron de saudades e lembranzas moitos amantes da arte, da relixiosidade e mais da historia. Chegaron naturalmente tamén onda nós, os galegos, entre eles por exemplo os que desde a proximidade ás Cíes vivimos no mesmo solpor de Europa, pois continuamos a manter os tradicionais vencellos da vella Galicia histórica coa cultura propia do continente europeo máis alá das propias fronteiras.

É sabido que o noso gran Castelao non podía faltar á cita con este fito, ferido agora mais esperanzado, da cultura europea, que é Notre Dame. Quixo lembrárnolo con agarimo entre outros o xesuíta P. Xaime Seixas Subirá hai xa varias décadas nunha alocución pronunciada por el no templo de San Domingos de Bonaval de Santiago o 3 de febreiro de 1980 co gallo da celebración do trixésimo cabodano do gran rianxeiro. Non era este ningún estraño para Seixas, pois xa de mozo o escoitara falar nalgún dos seus mitins políticos. Lembraríao el mesmo no ano 1986 tras lle ser concedida a el no ano anterior xustamente a medalla Castelao:

“O mitin no que escoitei a Castelao foi o máis importante da República [...] Foi impresionante, era como un místico non somente na súa expresión, tamén fisicamente [...] Nós en Castelao tiñamos un líder. Especialmente a xuventude. Eu daquela tiña dezaseis anos”.

Na aludida alocución do ano 1980 faría referencia o P. Seixas a algúns dos apuntes que Castelao tomara trala súa visita á catedral de Notre Dame. Pódense ler no volume titulado “Diario 1921” de Castelao, que foi editado en 1977 por Galaxia. Como sospeito que ó lector destas liñas seguramente lle compracerá que lembremos aquí, por mor dos lamentábeis acontecementos relacionados coa catedral parisiense, esas notas tomadas por Castelao o 14 de febreiro de 1921 trala súa visita a Notre Dame (hai agora xa preto dun século), velaquí as presento de novo, tal e como entón Castelao as escribiu:

“Eu tíñalle medo a París [...] non sei como foi; pero o fado levoume primeiramente a Notre Dame [...] Sería cousa de contar que eu viñese a París pra que en min rexurdise aquila fe relixiosa que eu tiña cando era rapaz. Sempre fun ¡iso si! fondamente relixioso porque sempre coidei que a eisistencia de Deus era necesaria...; mais, agora, eiquí en París, adequerín a seguridade de que Deus eisiste e, o que é aínda máis grave, que tamén existe o demo. Eu ¿porque non decilo se é verdade? vou á Notre Dame sempre, e naquela escuridade morna que fai mais brilante a armonía dos côres dos ventanals, penso na miña Terra e canto teño de querido nela, penso e choro sen saber a razón. Ollando os capelos, pendurados do teito, dos defuntos cardeales de Paris (o derradeiro aínda está novo, os outros xa son farrapos) sinto unha tristura sen forma que somentes podería esplicar se fose músico. Nun curruncho escoitéi o órgao, que me fixo estremecer e logo moitas, moitas voces de homes erguéronse valentes e solenes pra cantar un himno relixioso. Eu non agardaba aquilo e rompín a chorar coma se fose un neno [...] En Nôtre Dame eu síntome dino de sere home e choro [...] Pidinlle a Deus que non me mate nin me deixe cego namentras non remate a miña obra, a obra que xurdirá cando desenrole todalas posibilidades da ialma que El me dou”.

Poderiamos case dicir, xa que logo, e a teor deste último parágrafo de Castelao, que esa por el chamada “miña obra” (á que non pode ser allea toda a súa futura e sobranceira acción literaria, artística e política a prol de Galicia como país e nación de seu) nace en certo modo á calor da emoción, relixiosa e humana, dun Castelao que, na soidade consigo mesmo e cos seus propios internos sentimentos, se fai plenamente consciente do seu persoalísimo e inaprazábel destino.

Galicia e Notre Dame manteñen, pois, entre si, por obra e graza de Castelao, un secreto vencello.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES