Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (15)

martes, 07 de mayo de 2019
.../...

A porta Falsa volveu a ser Santa despois dunha semana de pasala e de repasala no máis absoluto silencio. Pegáraselles a lingua entre o eslamiado dos novos estudos e maila fatiga funcionarial pois, canto máis sabían, canto máis estudiaban, cando máis observaban obxectivamente a marcha do país, máis conscientes se tornaban de que alí dentro, se algo se facía, se algo se avanzaba, aquel ritmo non era suficiente para entusiasma-lo ambiente, de séculos desilusionado. Tamén habería que engadir algunha que outra desavinza doméstica, atribuídas ás súas, normais, disparidades de criterio e de procedencia, cando o fondo da cuestión estaba máis ben en que lles faltaba o contrapunto dun neno nas pallas do barrelo. Aínda na terraza do Multi, Romeu colleu da man á súa adorable, que non sempre adorada, Xulieta:

-Vai a modo, que temos que falar, ou non che quedou saliva despois das túas porfías co Xefe?

-As do Xefe lévoas ben, pero as túas son as que me amolan. ¿Cando conseguirei dominarte…, máis ou menos como fixo a miña homónima, aquela de Verona?

-¡Cando sexas capaz de adorarme…, que por algo son o teu Romeu!

-Abre os ollos, paspán, que pouco faltou para que nos atropelase ese coche…

-Os ollos que os abra el, que nós estabamos cruzando polas raias, aínda que, de ben pensado, se algo che pasase, o seu seguro íate pagar por boa, que nestes casos non piden certificados de boa convivencia!

-Agora que estamos ao abeiro da porta, fala!

-Falarei, muller, que sempre se dixo de dous rapaces que ían camiño do sacramento, “Eses fálanse…, aínda!”.

-O sacramento imprime carácter, así que, demóstramo!

-Claro que cho vou demostrar…, propoñéndoche unha enésima lúa de mel para…, para engraxa-las bielas! ¿Lémbraste?

Xulieta deixouno falar.

-Mañá, venres, en vez de ir á casa de túa sogra, ou en todo caso despois de comer, segundo prefiras, necesitamos un recreo, un descanso, que é igual a dicir, un traballo grato, e pensei que, de paso, podemos achegar ideas para ese anteproxecto do Claustro Novo de Mosteiro, pois os nosos vellos van tirar do arquitecto cara a fórmulas antigas, cando será máis de futuro compaxinar tradicións con tendencias. ¡Xa sabes, algo señorial, e á vez, funcional!

-¿A onde me levas?

-A Vidago, nena; nada menos que ao Palace Hotel de Vidago, á mellor escola de hostalería moderna, que tamén teñen campo de golf… ¡Para nós, para este proxecto no que nos meteron os nosos gardiáns, os nosos provisores, o modelo ideal, tanto no edificio como nas maneiras, pois os portugueses se de algo están contaminados é do Bailando na punta dun fuso (15)señorío inglés, con algo de perfume francés, así que…, aí temos o mellor guión para a nosa película de grandezas actualizadas!

Ourense, Verín, Chaves, Vidago…, ¡Unha boa ruta para lúas de mel; outra, outra máis, desas que dan calor aos amoríos, por xélidos que anden! ¿Piscina? ¡En Mosteiro, tamén! ¿Spa? ¡En Mosteiro, tamén! ¿Campo de golf de 18 furados? ¡En Mosteiro, tamén! A maiores, nós temos o río Azúmara!
...


-¿Apagamos os radiadores? ¡Imos arder, pois, entre a calefacción e maila túa fogaxe…!

-¡Se nos couberan no coche, mellor era arrincalos, e levalos para Mosteiro, que aquí están de máis…!

-De máis é o que lle levamos roubado a Portugal, que incluso lles arroubamos a idea de chegar ás Indias por Occidente…

-Xulieta, cariño, que nesta ocasión o único que realmente lles quero roubar, ao menos pola miña parte, son as ideas, as súas ideas de señorío e de confort. ¿Concordas comigo?

-Si, en todo; en todo menos nisto de tanto sobarme, ¿ou pensas que aínda estás no San Martiño da Lúa?
-.-


-¡Ten coidado, que te vas queimar…!

-¡Non me interrompas, que estou falando con Deus, ou mellor dito, El dita, e eu escribo!

-¡Muller, terás razón, que levas catro horas dándolle ao teclado, e chega a calor que desprende ata aquí, aquí mesmo, á miña mesa! Fíxate con quen falas, que se identifique, pois o diabro tamén dá calor, máis aínda!

-Aarón, ten calma e paciencia comigo, que estou ocupada nunha labor social. Tiven a idea esta mañá, na propia catedral, así que é un sopro divino: ¡Pedinlle a Deus o que ninguén lle ten pedido, que me indique as táboas da lei económica en canto sexa aplicable á crise española…, a ver se saímos con ben do deserto; do económico, pero tamén da desertización desta pel de touro, tan reseca e tan explotada que a temos!

-¿Daquela…, estás no Sinaí?

-Máis cerca: Estou no Miradoiro da serra da Ferradura, que desde aquí vese perfectamente Lugo, as súas grandezas, pero tamén as súas miserias. Vouche ler o que levo escrito:

A Moisés díxolle: Amarás a Deus sobre tódalas cousas. E a min: En materia económica, amarás e gardarás o euro por encima de tódolos antollos. Para iso deberás ter presente que hai gastos necesarios e/ou rendibles, e por parte, gastos e dispendios superfluos, que incluso atentan contra a lei divina por canto supoñen un mal uso da xenerosidade de Deus con esta humanidade dilapidadora. Aos gastos rendibles chamaraslles “Insumos”, porque se meten dentro, porque entran, porque se subsumen en produtos novos, algo así como a multiplicación do pan e dos peixes!

De segundo ordenoulle: Non tomarás o nome de Deus en vano. E a min: Non xogarás co euro, tal que avergoñándote da túa moeda, e escondéndoa en paraísos fiscais para usar dela cando os veciños non te vexan. Se non te fías das Caixas de Aforros, aforra na túa faldriqueira, tal que nunha caixa forte fixada na parede do teu dormitorio, e por diante, para non escandalizar, ponlle unha imaxe da Inmaculada. Se os gardas con estas precaucións certo é que non estarán producindo, nin para ti nin para o teu país, pero se os depositas no estranxeiro daquela mesmo comezan a producir para os competidores do país que che facilitou ganalos. En todo caso, se non tes mellor cousa que facer con eles, merca terras baldías, e planta castiñeiros, para que as novas xeracións teñan madeira, e castañas, dous elementos básicos en tódalas civilizacións, pasadas, presentes e futuras.

En terceiro lugar mandoulle santifica-las festas. E a min, que lles predique aos políticos que se deixen de festas, de homenaxes e de auto condecorarse; que estudien Economía, e que obriguen a cumprila; que estudien leis, e obriguen a cumprilas; que estudien enxeñería, e que ensinen a producir, maiormente bens exportables.

De cuarto, honrarás a teu pai, e máis aínda á túa nai, que por algo e para algo te aleitou con leite maternal, e non da vaca pinta, que todo é auga! Nesta honra entra ao amor á terra que te criou, ao Cura que te bautizou, ao Profesor que te instruíu, e ao Exército que te defende, sempre e cando o faga de inimigos exteriores, pois inimigos interiores nunca os houbo, e se algún Xeneral dixo o contrario, mentiu!

De quinto condenei as matanzas, pero moi mal o debeu explicar Moisés xa que tantas houbo desde entón. No político, este mandamento significa que é gravísimo, imperdoable, digno de ir irremisiblemente ao inferno, aos catro infernos, á vez, aquel mandante, aquel mangante, que mate de fame ao seu pobo mentres el e maila súa camarilla, en vez de administrar, en vez de repartir, peidan, de cheos que andan! ¡Coa calor do inferno estouparalles o bandullo, e daquela, como non coman brasas…!

Para o sexto, Deus ordenou evita-los actos impuros. En canto a nós, a estes que andamos ao redor da política, mándanos poñer nos despachos respectivos un gran cartel no que digamos: “Estimado cidadán, se observas que cometo actos impuros, inxustizas, prevaricación e/ou torpezas, denúncianos, tanto ante os medios de comunicación coma no xulgado. E no sucesivo non lles deas voto aos defraudadores; se non queda en quen elixir, a anarquía é mellor que un mal goberno”.

De sétimo, non roubar. O que debedes facer cos ladróns acreditados, unha vez respectada a súa presunción de inocencia, e reunirvos na rúa un grupo de prexudicados, e alí mesmo, diante do público, quitarlles a roupa, incluso a interior, e queimárllela cun tizón; con toxos, con gasolina non, que tedes que importala.

Para o octavo díxenlle a Moisés: Non deas falsa testemuña nin mintas. E para os españois engado: ¡Basta de promesas falsas, basta de propósitos que non se poda, ou non se queira, cumprir; nese caso a solución é, ¡dimitir!

O noveno tamén é rotundo: Non consentirás pensamentos nin desexos impuros. Aplicado á economía, a tradución pode ser: ¡Se non es puro, de bos propósitos, nin te presentes ás eleccións, pois día chegara no que se levanten os oprimidos, e brearante a patadas, maiormente en salva sexa esa parte, que é onde máis doe!

O décimo segue de actualidade: Respecta os bens alleos; e pensa que os Presupostos recollen un diñeiro en réxime de administración; ¡non son teus!

En definitiva, que estes dez mandamentos encérranse en dous: ¡Todo pola Patria, pero sen abusar da Patria! ¿Que che parece, Montesquieu, quero dicir, Montesquiño; con isto sabido, aprobarei Económicas?

-¡Muller, depende do profesor que che toque! Pero se che coincide ese paisano noso, o florentino, ese tal Bernardo dei Machiavelli, nin Deus te salva, por Deus que sexa!

-¡Blasfemo, que Deus é Deus!

-¡Xa; pero os maquiavélicos teñen por patrón a Lucifer, e ese, tan pronto alguén abre os ollos, con iso de que foi príncipe da luz, e conserva certos poderes, polo menos os políticos, ao que se desmanda, cégano! Ti tes uns ollos moi guapos, preciosos, así que mira para o Ceo, e déixalles a terra aos nosos administradores; iso antes de que che pasen o seu tizón, o tizón infernal, que destrúe pero non crea!
Bailando na punta dun fuso (15)
Xulieta, decepcionada deste mundo no que lles tocou vivir, rompeu a chorar, desconsolada, inconsolable.
-.-


-¡Ai, Deus, que pouco nos vemos, e iso que vivimos na mesma cidade! –Exclamou aquel venres a señora Montesco, nada máis sentarse á mesa, na súa casa, que aquela semana tocáballe a ela face-los honores, rodeada de fillos e de consogros.

-Mamá, este mundo non hai quen o entenda, –argumentoulle o fillo, -pois as nais, unha boa porción delas, devecen por casa-los fillos, para que nos independicemos, ou por se chegan a escasear os bos partidos, que así pásanlles o embolado ás noras, e que tomen o relevo, que nos aguanten outras; ¿si, ou non si?

-¡Ai, fillo, parece mentira que digas iso, pois eu ben che dicía que casases na casa, que non collésedes piso, pois se a casa dos Capuletos é algo reducida, aquí, nesta, ben cabemos os catro, e aínda que teñades catro fillos, tamén!

A todo isto a consogra, sempre celosa de que a súa recíproca asumise ou monopolizase o papel de nai rica e amorosa:

-Muller, non os queiras para ti soa, que eu tamén parín, e por conseguinte teño dereito a criar neles, que se o noso non é grande, luxoso e ben situado si que está, e tamén nos sobra para comprar outro, de oito ou dez habitacións que sexa, pero o malo é ter que estira-la muralla, que por aquí dentro, estes de Lugo, tan aproveitados que sodes, aproveitan tanto os solares que xa non hai casas grandes, nin queda onde facelas, e para mercar dúas ou tres, e unilas, quéroche un conto!

-¿Un conto de rèis, non si miña sogra? ¡Menos mal que as dúas sodes ricas, ricas en tódolos aspectos, pois do contrario, quen vos vería rifar! –O xenro, coas dúas intencións: facer paces, e á vez gozando con aquelas competicións, pero a sogra, non se deu por ofendida. ¡Menos mal!

-Ía dicir, pero non o dixen, que me interrompeu este ocorrencias, con iso que aprendeu aló en Portugal… Ía dicir, e digo, que non fai falta velos acotío para quererlles; e logo está iso de que, fillos casados, traballos dobrados; ¿non estamos traballando para eles, día si e día tamén, maiormente desde que nos metemos nesas obras do turismo rural, que ata penso que é pouco intelixente que nos matemos a traballar nós, catro sesaxenarios, cando debéramos estar gozando coma xubilados, ¿ou é que o de xubilados non vén de xúbilo? ¡Canto máis lles deixemos, máis traballos van herdar, que ata non lles quedará tempo para durmir, entre o cargo e mailas propiedades! E tamén hai outra: Que estamos fabricando un lugar de recreo para que se recreen os fillos de quen, ao mellor, nada se esforzou por ter, por ter de seu, casa no campo e todo iso!

O vello Montesco, que aínda sendo do PSOE sentíase máis empresario cós Capuletos:

-Os turistas gozarán do noso proxecto, da nosa obra, que para iso se fai; ¡certo é!; pero máis gozarán os nosos…, cobrándolles! Claro que para cobrar, primeiro hai que pagar, e ben que o estou facendo estes días, coa cabeza, coa carteira…, e incluso coas mans, que ben lle estou dando ao calo, axudándolles aos obreiros, incluso…, mentres outros gozan ao lonxe, coma quen ve unha película!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES