Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foguetes para a chegada do cura

martes, 07 de mayo de 2019
Contáronmo nantronte nun xantar, non vou dicir o lugar porque non ven a conto, pero non bote contas ó respecto porque o máis doado é que se poida equivocar.

Quen o contou foi o propio protagonista e como, logo da resaca electoral estatal, xa comezan a prender a mecha dos días que faltan para as municipais e seguramente que moitos -e moitas- de tódalas formacións posibles andan a pensar por onde se vai á casa do fogueteiro co fin de ter á man cando menos unha ducia de foguetes para estouparllos nos morros ós perdedores na devandita noite electoral, vou contar o sucedido porque ten a súa gracia e así, ademais de pensar un pouco, tamén brincamos un pouco, que non é só cousa de chorar.

Repito. O relato foi narrado no transcurso dun xantar entre xentes de diversas procedencias profesionais, polo propio crego ó que lle aconteceu. Un crego, debo dicir de paso, coas ideas moi moi claras sobre cal é o seu papel na sociedade á que este serve, nun lugar, máis que perdido no corazón dun entorno rural e avellentado, situado nun entorno de montaña, onde os invernos alonga os seus meses ata practicamente os inicios e os solpores do verán.

Contou el, cunha década á fronte da parroquia principal á que foi enviado polo seu superior clerical, que cando chegou a outra das varias parroquias que lle tocan atender nos arredores da principal, a veciñanza daquel lugar foron mercar un fato de foguetes de sete estralos para conmemorar a chegada do novo abade e estoupalos mentres o crego concelebraba tamén a súa chegada ó lugar.

O que segue non son quen de asegurar que acontecese deste xeito literal. En todo caso, o que si é certo é que, cando o cura escoitou os primeiros estrondos nas alturas da aldea, colleu o micrófono co que estaba a concelebrar a eucaristía inaugural e díxolles ós seus novos parroquianos: "Non os consuman todos, que seguro que algúns vanos precisar para cando marche".

Todos riron a cachón a fina retranca do abade e polo de agora aínda non os tiveron que utilizar porque el continúa á fronte da parroquia e máis que aínda ten pensado continuar.

Pois ben, como non é a primeira vez que o escoito, tanto dos da banda de Laíño coma dos da banda de Lestrove, cando a noite pecha o balbordo das xornadas electorais, suxeriríalle eu a moitos -e a moitas- se é que agardan seren recibidos polos seus correlixionarios con carga de foguetería de luces cando decidan facer entrada triunfal na Casa Consistorial, que non os consuman todos porque se cadra, como ben dicía o cura, é posible que os seus colegas os precisen para cando o remitan para o máis alá. Son os signos dos tempos, que hoxe brillan. E mañá..., quen sabe como brillarán mañá!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES