Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pensando no traballo no seu día: balsa de lodos de Alcoa

lunes, 06 de mayo de 2019
Hai un par de días, un amigo guioume polas beiras de Alcoa S. Cibrao a descubrir algúns lugares senlleiros. O máis significativo para min foi a balsa de lodos. Por varias razóns. A primeira, por tomar conciencia presencial de que, 'iso' son residuos industriais tóxicos, en cantidades case inimaxinables. A segunda, por confrontar que se presentan algo así como un toma-daca a cambio de postos de traballo. Outra, por constatar como nestes momentos está claro que houbo xa un aumento de capacidade recente da balsa a base de aumentar a altura dos seus muros. Non son as únicas razóns, pero non é necesario continuar, xa abonda confusión levan consigo as razóns anteriores. Cada unha delas.
Pensando no traballo no seu día: balsa de lodos de Alcoa
Estamos nos arredores do un de maio, a 'festa do traballo' como se lle chama parece que para esquecer a súa orixe de loita e vidas perdidas. Mais que sexa esa data senlleira ou non pouco importa para a repetición dun clásico: a confrontación postos de traballo-esixencia calqueira presentada como ineludible pola empresa correspondente. Sexa o eucalipto presentado como especie non invasora a cambio de postos de traballo (e cartos para as madereiras), ou seguindo no mesmo sector, a prolongación da contaminación de ENCE en Pontevedra como 'mal menor' fronte á ‘perda’ dos postos de traballo que 'produce' (e os millóns de euros de ganancia da empresa), sexa no caso de Alcoa o rebaixe do prezo da electricidade, ou o desentenderse dos lodos acumulados na balsa, pois están en xogo postos de traballo (din que non é rentable senón...), sexa o que sexa, fronte a unha situación de oferta/demanda de traballo controlada polas empresas, os argumentos presentados pasan a ser o de menos, calquera sirve e debilita á sociedade en conxunto e ás persoas que dependen directamente da empresa en partricular.

No caso da balsa de lodos, a constatación de que o volume da balsa é limitado a pesar das ampliacións-parche feitas, en curso ou que se pretendan facer, implica unha consecuencia para o traballo: de xeito independente a outras consideracións, como o prezo da enerxía, e a falta de alternativas na actualidade (como o uso dos lodos como materia prima noutros procesos), se non hai unha nova balsa de lodos, a empresa rematará en algo parello ó afogamento na súa propia merda. Vista a balsa, diría que un prazo de cinco anos de funcionamento só se conseguiría en base a incumprir máis medidas de seguridade na contención dos lodos. É dicir, isa sería duración da fábrica -mesmo con electricidade gratis-. Tomo nota de que máis importante que o prazo concreto, con datos estimados que poden ter un erro considerable, é o peche por unha limitación física, eaínda lembrando que nin se están a xulgar cousas como a toxicidade do material.

De calquera xeito, segue a estar claro que os postos de traballo serán empregados mentres dure a fábrica para obter vantaxes de todo tipo, mesmo nas contraprestacións da empresa a cambio do traballo, comezando polo soldo.

Si, e... alternativas? Evidente: as alternativas non saen da nada, e se son alternativas, sono porque marcan diferencias claras co anterior. Para ilustralo, véñenme a bote pronto dúas situacións destes últimos anos que se poderían contrapoñer. Unha a nivel estatal e outra lonxe, no estranxeiro. A primeira, o plan E, en plena crise do ladrillo, foi aproveitada polas institucións ás que ía dirixido, os concellos, para máis ladrillo, como o amaño de rúas. Algo que podía (ou non, segundo casos) ser necesario, pero que tiña como efecto inmediato o manter o sistema que contribuiu a crear a crise, baseado na construcción (a máis de que nalgún caso, os cartos empregados na propaganda correspondente eran equiparables ós usados na mesma actuación prevista). A segunda, o paso de China de ser un país atrasado e agrícola a ser, nunha xeración, referencia mundial en comercio electrónico, telefonía móbil, superordenadores ou intelixencia artificial. É evidente que se seguiran facendo o mesmo, o cambio non tería tido lugar.

E ambos casos ilustran diferencias abismais mesmo dentro dun sistema, o capitalista, que está demostrado que está levando ó planeta e a nós a puntos límite en moitos campos, e que se non é substituído, como mínimo, terá que sufrir fortes cambios para poder sobrevivir. Pero eses cambios non van xurdir da nada: seremos nós quenes teremos que impulsalos como afectados, poñendo o noso gran de area. Mentres, en troques de seguir a defender cada un dos postos de traballo de xeito inmediato, o que leva a afundirnos máis nos brazos asfixiantes das condicións actuais, habería que poñer máis fincapé no conxunto da Terra e da sociedade, no reparto e nas condicións de vida de mañá e pasado mañá, que tamén van ser nosas.

Nota: datos actuais (estimados) da balsa.
Medio millón de m2 de superficie.
Lonxitude da barreira principal: 900 m
Altura da barreira principal: 70 m
Volume ocupado na actualidade: 15 000 000 m3
Para facerse unha idea, unha cantidade cunha masa maior que toda a mercadoría embarcada no porto ribadense de Mirasol en toda a súa historia.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES