Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No ámbito do amor

domingo, 05 de mayo de 2019
Ó estarmos como estamos, nesta igrexa dos Apóstolos, tan preto do mar, case á beira da nosa fermosa ría de Vigo, o relato deste domingo (ben centrado na tarefa da pesca no lago de Tiberíades) debería sernos doado de entender. O de Xoán de hoxe tampouco pode ser considerado coma un relato estritamente fotográfico ou histórico do ocorrido. Porque os outros evanxelistas, ó nos falaren da pesca milagrosa, colocan a escena antes da morte de Xesús, mentres que Xoán a sitúa despois da súa resurrección. Unha vez máis, o que a Xoán lle interesa é profundar na continuidade real, máis alá da crucifixión, entre o Xesús co que conviviran durante a súa vida e o Xesús resucitado que os seus discípulos senten e experimentan como vivo de moi diversas maneiras.

É un relato moi fermoso e emotivo. Isto último polo que se refire ás preguntas que lle fará Xesús a Simón Pedro antes de lle confiar o coidado dos seus primeiros discípulos. Fermosa, detallada e reflexo vivo do traballo da pesca é a escena que se nos refire antes sobre a fracaso da pesca nocturna no lago. Estaban cansados, frustrados e faltos de humor cando empeza a romper o día e na barca non había un rabo de peixe. Porque cómpre ter en conta que a pesca non era para eles, como o pode ser hoxe en día para moitos afeccionados a ela, un deporte ou unha evasión. Para eles era o seu traballo, a súa humilde profesión, temporal polo menos. E dese traballo dependía que puidesen comer ou quizais comerciar algo con outros para adquiriren cousas que precisasen. Ese seco “Non”, co que lle responden a aquel descoñecido que pasea tan cedo á beira do lago, reflicte moi ben o seu estado de ánimo. Non teñen humor para latricar máis con el.

Aínda que, claro, ese descoñecido se vai converter de súpeto en coñecido para o que o ama. Son esas intuicións mutuas que sobre si mesmas teñen as persoas que se queren, que conxenian entre si. Calquera pequeno detalle é sempre revelador. Isto foi o que lle pasou con Xesús a Xoán por moito que estivese este cansado de toda unha noite traballando e sen poder pegar ollo.

O pequeno detalle foi en calquera caso moita cousa. Ben saben os que teñen algunha afección á pesca dos soños e fantasías que tantas veces lles veñen á cabeza sobre unha grandísima troita ou robaliza que pescaron ou van pescar... O que ocorre é que tales soños ou traballos imaxinativos non adoitan converterse en realidade.

Ver diante dun, xa que logo, non só imaxinados senón reais, moitos grandes e fermosos peixes pescados por un grazas á simple indicación dun descoñecido e poder contalos amodiño un tras outro, iso si que ten que ser un acontecemento que non se pode esquecer doadamente. Xoán, un dos afortunados pescadores, dinos que contaron exactamente 153 peixes grandes. Na súa vida esquecería Xoán xunto cos seus compañeiros de pesca o preciso e concreto número de peixes pescados: 153.

Foi este exceso de éxito, absolutamente inesperado, no seu traballo de pescadores o que lle fixo ver ou intuír a Xoán que quen andaba pola praia non podía ser outro máis có Mestre. Primeira lección: a amor ten poder para aguzar a vista. Mais o amor de Xoán a Xesús é sempre posterior, consecuencia, do amor que Xesús lle tiña a el. Para podermos amar temos que recibir antes o impacto de alguén que nos quere, temos que ser amados antes por outro, en último termo por Deus, creador e amador de todo canto hai. Cando Xoán coloca a escena da pesca de hoxe no contexto de Xesús resucitado está a dicirnos que é a fe na Resurrección de Xesús a que nos fai ver, verdadeiramente e a fondo, as cousas da nosa vida, do noso traballo, dos nosos fracasos e dos nosos éxitos.

A outra escena de Xesús con Pedro apréndenos tamén unha que podemos chamar segunda lección do Xesús resucitado. Comentando no anterior domingo, en relación cunha viñeta dun irmán meu de Brasil, que fora o Amor o que resucitara Xesús, diciamos que se Deus non fose esencialmente Amor, non existiría resurrección: nin a de Xesús nin a nosa. Só podemos vivir sen deixar nunca de continuar a vivir se hai Alguén que, á parte de ter poder para tal cousa, nos quere tanto que non permite que a morte sexa a nosa fin.

Agora ben, o Xesús resucitado non nos garante só a vida, a resurrección, despois da nosa morte individual, senón tamén unha vida plena –en certo modo podemos dicir que inicialmente xa “resucitada”- na nosa vida actual. Pois acaso podemos chamar vida unha vida vivida sen amor? Vivir sen amor vén sendo como estar morto. Por iso, o Xesús Resucitado vaille insuflar verdadeira vida e resurrección a Pedro, dándolle amor e comprobando ó tempo se Pedro o ama verdadeiramente. Vai comprobar se Pedro corresponde con amor ó amor que Xesús lle ten a el a pesar dos seus fallos e fracasos. Esas reiteradas preguntas (ata tres veces) que Xesús lle fai a Pedro sobre o seu amor a el non poden menos de nos lembrar aquel fermoso dito do santo de Ávila, San Xoán da Cruz: “Á tarde examinarante no amor”. Si. O Xesús resucitado compórtase con Pedro de maneira semellante a unha nai que preguntase ó seu fillo pequeno se a quere. O neno quedaría case desconcertado e non sabería case que lle responder á súa nai. Como non a vai querer, se el non é nada sen ela? Mais Pedro é unha persoa adulta e ó final non sabe tampouco como responder, limitándose a replicar: “Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero”.

Unha resposta que ten máis de admiración sobre a grandeza e o amor de Deus que de estrita contestación. Unha reacción, a de Pedro, que seguramente nos lembra aquela outra de Tomé do anterior domingo: “Meu Señor e meu Deus!”.

Unha aclaración aínda. O amor que lle pide Xesús a Pedro é un amor que non se dirixe a un “Deus” abstracto, senón ó Xesús concreto no que se manifesta o Pai Deus. Un Xesús que é tan divino coma humano. En Xesús estamos todos representados. De modo que, unha vez máis, non pode haber amor a Deus que non pase polo amor ás persoas humanas concretas.

E, para rematar, como por unha parte Deus non só é Pai senón tamén Nai -tal como comentou algunha vez o papa Xoán Paulo I- e, por outra parte, no primeiro domingo de maio adoita celebrarse tamén o Día da Nai, lancemos entón un quente biquiño de amor e agradecemento a tódalas nais do mundo, que fixeron e fan presente ós seus fillos o amor do Deus, Pai e Nai de todos. Que Deus as bendiga a todas!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES