Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falar da terra

miércoles, 08 de mayo de 2019
Eran xente da terra, que só quería vivir da propia terra, á que sempre lle arrincaran os froitos do mar. Eran mariñeiros , mariscadoras e labregos que só esixían seguir vivindo no seu e do seu propio medio: a marisma á que unha empresa chamada “Baldayos S.L.”, (que logo se converterá en S.A., nunha manobra xurídica auspiciada pola UCD para aparentar un interese público que nunca existiu) amparada nunha concesión franquista da Axudantía de Mariña de A Coruña, lles prohibiu o acceso. 

Tratábase da privatización caciquil dunha praia para a extracción de area por parte desta empresa que viña funcionando dende os anos 40 e que chegou a facer unha pista na praia para que os camións entraran con maior facilidade. A mediados dos 70 as extraccións acadaron proporcións insostibles para o medio natural e a empresa prohíbelles aos veciños mariscar. Conta co apoio da Garda Civil que con moita violencia vela por dito impedimento. O 8 de maio do 77 mariscadores e mariscadoras maniféstanse polas rúas de Carballo polo seu dereito a vivir da praia decidindo rematar cunha ocupación pacífica da mesma. Isto non foi posible xa que a Garda Civil cargou contra o pobo.

Hoxe o país é outro, unha democracia sólida (non exenta de vaivéns) goza dunha atmosfera máis respirable. A tranquilidade que dá a liberdade moitas veces lévanos a baixar a garda ante os aniquiladores do patrimonio natural que tratan de privatizar disfrazados de progreso. Poñamos dous exemplos actuais:

-Pranta de tratamento de lodos de Portomarín. Íase construír no lugar do Cotiño (Caborrecelle) pola empresa Atlántica de Negocios Integral (El Progreso 3 de abril 2008). O que suporía a extenuación das nosas terras e o correspondente fin da actividade agrogandeira. Por sorte a presión popular rematou con esta ameaza.

-Mina de Corcoesto ondea multinacional mineira Edgewater tiña entre mans un megaproxecto mineiro en Corcoesto, que afectaría a 7400 hectáreas (que segundo a Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños se tratan de lograr amedrentando os veciños) nas que, entre outras cousas, se cultiva unha das mellores patacas que produce a nosa terra. Segundo a plataforma “Salvemos a Cabana”, a explotación da mina terá consecuencias irreparables na agricultura, producindo contaminación no aire, nas augas e no chan. Neste sentido tamén se recorda que os materiais utilizados para as detonacións, como o arsénico e o cianuro, son altamente tóxicos e prexudiciais para a saúde da comarca e dos seus veciños. Estes argumentos veñen avalados tamén polo campo da bioloxía, dende o que se fala dun posible desastre.Os beneficios do proxecto, segundo o periódico La Voz de Galicia, do 24-05-2013, serían 1628 postos de traballo por un ano, que quedarían reducidos a 168 postos directos e 147 inducidos ao longo da vida da mina. O que non se calcula é a destrución de emprego que se producirá nos sectores endóxenos propios da economía da zona, por certo con máis horizonte temporal...

Despois destes exemplos coido necesario falar da terra. Convertela nun recurso educativo, cultural e socioafectivo para coñecela, coidala, aloumiñala e protexela. Protexela sobre todo dun capitalismo salvaxe que, como o rei Midas, nunca entenderá que o ouro non se come.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES