Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 01 de mayo de 2019
Noto...

Pingas de OrballoTeño frío na cabeza porque me rapei e nótoo. Tamén noto o aire fóra. Porque funga. Notar ata noto a presencia dun espírito que vai e vén por entre os compases da música de Milladoiro; neste caso, o espírito de “Rosalía”. Tamén noto como unha nube negra pasa empurrada por unha nube branca. De cando en vez hai nubes que se mesturan como as pingas de orballo cando caen sobre o asfalto. Noto un alento que aboia por entre as palabras dun verso. Quizais mellor dun poema. Noto, sinto, escoito, oio a trompeta de Chet Baker e deixo que os pés leven o ritmo polo liña recta dunha sensación. Hai instantes no tempo, na vida que non precisamos de curvas... e facemos o camiño dereito e longo. Noto a nostalxia que se pega na miña pel, ou mellor aínda, nun sentimento que baila por entre as follas dun salgueiro. Porque hai momentos nos que todo flúe tan mansamente que a señardade déitase sobre a cama da miña ánima. Noto como pasa o tempo e nada queda, nada se detén. Porque o tempo é un continuo ir e vir pola memoria de toda unha existencia; a miña existencia, a vosa existencia. Noto unha ansia que me arde no estómago e que me sobe polo peito para meterse nas páxinas dunha novela; da miña novela. Esta acouga no estante do meu tempo.

Dándolle ó penedo

Dous debates políticos polas televisións. Non vin ningún. E xa podían celebrar un cento deles, que seguiría sen ver ningún. Eses catro candidatos non me representan. Polo que, por moito que os vise, non me convencerían. Porque xa teñen falado moitas veces e teñen ordenado outras tantas e aquí sigo, a velas vir. Se os vira cabrearíame; e a escritura, a lectura e ver películas fanme feliz. Optei por isto, claro. Non quero meter a man no lume (por iso de que non os vin), pero estou por apostar que ningún dos catro nomeou a Galicia para nada. Entón, por que os vou votar? Se nos deixarán das mans de deus. Sempre nos deixaron. Deixáronnos os que podían facer algo por ser galegos e nin así. Imaxino entón o que farán estes por nós. Despois si, despois queixarémonos de que Pingas de OrballoGalicia é o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. Coma sempre. Botaremos as mans á cabeza cando xa non hai remedio. E facémonos lume nos ollos e non vemos o que nos fixeron, o que nos fan e o que nos farán. E seguiremos, e seguiremos a dar cornadas ou zoupadas contra o mesmo penedo. Desde hai moitas décadas todos os telexornais de todas as canles deberían iniciar todas as súas edicións pedíndolle perdón a Galicia por todas as falcatruadas que nos fixeron. Pero nós seguiremos coma heroes dándolle ó penedo.

É moito sentimento

Pechei os ollos e non vin nada. Para ver, o lóxico é ter os ollos abertos. Tamén é verdade que algúns, ou moitos, aínda que os teñan ben abertos non ven un burro ós tres pasos. Tamén é certo que, hoxe, é complicado ver burros. Xa non hai os que había. Agora xa non hai moitas cousas que había antes. Antes, por exemplo, na década dos 70. Ou o ano pasado. Dun ano para outro, dun día para outro desaparecen moitos recordos. Ata os sentimentos. Que xa é bastante grave. Sempre nos quedará “Blade Runner”. A Humphrey Bogart e a Ingrid Bergman quedáballes París. Que París é moito París. Claro que tamén é certo que Sam non tocaba o piano nas Mestras, ou na Ansuíña. En Baños de Molgas, por suposto. Que se Bogie e a Bergman bailasen pola pista da Ansuíña, prometo que acaban abrazados ós carballos das Mestras. “Casabranca” é moita arte, pero Baños de Molgas é moito sentimento. “Tócaa outra vez, Chito”. E quizais unha das mellores películas de todos os tempos dálle paso a unha das vilas que vai moito máis alá dunha sensación con ollos pechados. Non digo nada xa cos ollos abertos. Cos ollos abertos tamén vexo “eses momentos que se perderán... no tempo... como lágrimas na chuvia. É hora de morrer”. Pero nin Blade Runner, nin Casablanca, nin Baños de Molgas morrerán nunca.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES