Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A expansión da capital chairega no século XIX

martes, 30 de abril de 2019
Cando Vilalba soñaba con facer unha gran praza arredor da torre do castelo

Hai días escribimos sobre a construción de casas na Vilalba a finais do século XIX e principio do XX. Citamos algunhas das conservadas e non nos paramos noutras que nos últimos setenta anos foron substituídas por edificios nos que se sacrificou a estética pola preferencia de máis vivendas onde coubesen máis familias. Visto hoxe o urbanismo da vila, podemos afirmar que o paso do tempo non foi benévolo coa conservación do patrimonio arquitectónico na vila.
A expansión da capital chairega no século XIX
Lugar destacado do auxe das vivendas daqueles tempos foi a contorna do castelo, nos lugares coñecidos como campo e rolda do Castelo. E o aumento da construción provocou que desaparecesen as murallas da fortaleza que aínda se conservaban por aquela parte. Hoxe documentamos o que sucedeu no lado leste da torre da homenaxe coa nunca ben agradecida axuda dos papeis de don Antonio Peña. Porque a transformación urbana de Vilalba é asunto que leva provocado moitos escritos, non poucas discusións, opinións disparatadas, puntos de vista encontrados e voces tabernarias. Para mellor comprender o asunto recordemos que unhas foron as murallas do castelo, dominadas pola torre da homenaxe, e que outras as murallas da vila gardadoras das casas dos que nelas vivían. Polo leste ambas coincidían.

Tras do traslado do campo da feira á Chouzana, o Concello vendeu solares
Despois do traslado da feira de gando desde o campo Castelo á Chouzana en 1881, o Concello, para obter numerario, parcelou solares no terreo público que quedaba, vendeunos e neles construíronse casas neles. Fixámonos no caso de Valeriano Valdesuso, home recordado por unha rúa, pola memoria da xente e porque os documentos falan de ser conservados. Este promotor viu daquela un nicho de negocios na construción nos espazos que se libraran e tamén se mercaba a fortaleza, porque a pedra da muralla xa servía para novos edificios.

En 1884 Valeriano Valdesuso pediu, e o Concello concedeu, permiso para edificar no campo ou praza do Castelo (hoxe de Suso Gayoso) dúas casas en cadanseu solar sinalados daquela cos números 8 e 9. En principio dotounas de soto, baixo, piso e faiado ademais dun pequeno curral traseiro que aproveitaba o desnivel ata a muralla exterior do castelo. Anos despois anulou o curral, engadiu novas dependencias e como linde traseiro das casas usou a vella muralla que estreitou e modificou para dar entrada aos sotos por fronte da torre octogonal. A transformación foi posible porque en 1897 Carlos Mª Stuart y Portocarrero, conde de Lemos entre outros títulos, vendeu ao arrendatario Valeriano Valdesuso os seguintes predios mediante escritura notarial. Unha torre construída a oitos esquinas de pedra, cantería, cal e area, de 20,888 metros de alto sobre a superficie da praza e de 3,344 metros de espesor; as murallas da fortaleza, que tiñan 8,359 metros de alto sobre a praza e un espesor de 3,500 metros; unha horta sita no oco que hai entre o castelo e as súas murallas, de 7,35 áreas de superficie. Por todo pagáronse 10.000 pesetas. Sábese que o conde de Lemos e duque de Alba non tiña documentos de ser propietario do que vendía, pero que puido realizar a transacción mercé a que un xuíz aceptase que dous dos homes máis vellos da vila xurasen que a fortaleza era por tradición da casa de Lemos, e que eles así a tiñan, e que polo tanto era de propiedade do tal conde e duque.

Pouco despois a parte norte da muralla do castelo, onde hoxe se sitúa a rúa Valeriano Valdesuso, foi desmontada e aproveitada para facer casas.
A expansión da capital chairega no século XIX
Pero os coñecementos non sempre van unidos á ousadía das actuacións e o imaxinado por veces non se corresponde co que virá. Sucedeu que Valeriano Valdesuso non dispoñía de capacidade económica para atender as obrigas contraídas por tanta obra e en 1901 debeu vender, por 30.000 pesetas en moedas de prata, as dúas casas da praza do Castelo a Vicente Peña Rodríguez, rico habaneiro. O documento incluía que durante seis anos o vendedor podería exercer o retracto e que mentres pagaría 125 pesetas por telas arrendadas.

Pasados os prazos, a situación económica do promotor non mellorou. En 1907 a xa viúva do comprador, María Novo Pardo, xunto coa súa filla maior, Dionisia, e o marido desta, Pedro Orosa, acordan tomar posesión plena das casas e pagar 1.000 pt polas melloras realizadas nelas, que consistían na súa ampliación ata incluír a propia muralla como traseira das mesmas. Por estar nunha delas o café Imperial, tamén compran por outras 750 pesetas máis a titularidade do mesmo xunto coa moblaxe que presentaba certo deterioro.

Once anos despois o café Imperial foi arrendado a Enrique Canto Cao, presidente da Sociedade de Artesáns, onde tivo a súa sede. No documento de arrendamento sinalábase que tanto o baixo coma o piso da casa do campo Castelo xa sinalada co nº 7 eran espazos abertos e tiñan cociña e retrete. Nese ano xa falecera Valeriano Valdesuso.

Todos estes documentos permiten fixar as murallas do castelo de Vilalba polo nacente. As dúas casas de referencia foron construídas onde outrora eran os foxos exteriores da fortaleza e utilizaron a propia muralla como parte traseira. Por ser documento notarial o contrato de venda da fortaleza, debemos supoñer que as medidas que nel constan son ou exactas ou moi aproximadas. Os oito metros de alto da muralla son o alto das cumieiras das actuais casas ás que nos vimos referindo, dato que se confirma na esquina W da torre onde non hai moito podía verse a esa mesma altura o arranque da unión de torre e muralla. O espesor de 3,5 m non se mantivo nas fachadas traseiras das casas xa que se deberon refacer porque as pedras da muralla non estaban trabadas con morteiro de cal como si estaban, e están, as da torre da homenaxe. O aliñamento da fortaleza polo leste chegaba ata a tamén fachada traseira da chamada casa de Abelleira.
E foi así como quedou atrás o primitivo proxecto dunha gran praza ao redor da torre para uso, goce e lecer da xente.

Ladillo
Un proxecto de canteira que non se deu realizado
Tivo Valeriano Valdesuso a intención de pagar débedas explotando como canteira a torre octogonal do castelo de Vilalba. Afortunadamente o clamor da xente e algúns escritos de intelectuais provocaron que se detivese tal pretensión. Aínda que hai quen pensa que a auténtica razón de que a torre non se derruíse foi que por estar tan solidamente construída os custes de sacar a pedra serían superiores aos que se pretendían obter.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES