Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (14)

martes, 30 de abril de 2019
.../...

Bailando na punta dun fuso (14)¿Que lles pareceu? ¡Pareceulles que, de postos a falsificar, non só o pazo, aquel pazo-convento que estaban imaxinando, tiña que resultar antigo, senón que a xente, o servizo, tamén, vestidos de época, para darlle á clientela a sensación de que, aínda que os calendarios marcasen como século o XXI, os seus luxos, o luxo co que serían tratados, era, tiña que ser, como pouco, de condes, duques ou marqueses!
-.-

-Querida Xulieta, ¡eureka, eureka!, que acabo de descubrir a pedra filosofal!

-Outra bobada das túas, non? ¿Teño que lembrarche que, Dum Romae consulitur, Saguntum expugnatur? ¡Ti farfalla, como facían aqueles romanos, que o tempo corre, e a carreira, o noso porvir, o noso Sagunto, pode agonizar mentres!

-¡Pero que lista é a miña gacela! Pois diso se trata, de Roma. Acabo de descubrilo lendo as estatísticas desta revista da Unión Europea: Francia, con todo pasarnos en número de habitantes, actualmente ten menos preitos que España; a outra, igual de grave, é que Madrid ten censados máis letrados que toda Francia!

-Daquela a conclusión é…?

-¡Que temos que exportar letrados, pero, a onde, quen os quere, quen os precisa?

-Esta materia non é de natureza económica, non é exportable; se aínda fósemos enxeñeiros, ou médicos, ou…, calquera das carreiras técnicas!

-Segues na onda pois de exportación vai a miña reflexión: Roma exportaba Dereito, e nós, que? A cambio, Roma levouse o noso trigo dos campos do Flammosso, o viño de Amandi, pero, e sobre todo, o ouro do Azúmara; cando se esgotou, pasaron ao Sil, ás Médulas, e por aí adiante.

-Para, para, que tamén se me acendeu unha lámpada. ¡España copiou, vaia se copiou! E quen di España, inclúe o sangue romano, de tanto que por aquí fornicaron…, esgotadas as sabinas! Levamos o noso conto ás Américas, e a cambio, ou máis ben, a fortiori, tamén lles expurgamos o ouro, a prata…, e incluso madeiras! O procedemento foi idéntico ao Romano, ¡espada en man!

-Muller, cunha pequena diferenza, que nos, tras da espada, ou na outra man, que diso non estou seguro, levámoslles a cruz…, para xustificar, para disimular!

-¡Meu Romeu, que cando queres es tan aromático coma o romeu vexetal! Tes imaxinación, asocias ideas, e todo iso, pero adoitas quedar na tona dos descubrimentos: O resultado daquel imperialismo foi negativo para España, pois con aquela prata, coa de América, España importaba, de todo, ou de case todo, así que nós baleirando a Torre do Ouro de Sevilla, e os nosos provedores perfeccionando a súa produción, pasáronos diante, incluso os Países Baixos, que era o máis baixo, o máis pobre que había daquela en todo Europa. Perdidas as colonias, inventamos a emigración; ¡outro acerto! Aquí criábanse, en América producían, e co que nos mandaban, seguíamos estudando Dereito. Pero non para aí a cousa, pois, tras da Segunda Guerra Mundial, Europa espertou das súas grandezas bélicas e dispúxose a loitar doutro xeito, competindo nas lides do mercado global. Daquela precisaban brazos, brazos dispostos a esmendrellarse, así fose subidos aos tellados baixo cero das súas construcións; ¡eles, co código na man, pero co científico, tiñan abondo con mandar, pois, para facer…, a man, a man de obra, hispana! ¿Que fixemos con estas, novas, remesas? ¡Imperar! En Marrocos, no Sáhara, na Guinea, facéndolles estradas asfaltadas…, mentres nós, aquí arriba, por non dicir aquí abaixo, facendo carreiros de cabras, e para iso coas achegas, coas prestacións persoais, ás que te referiches aquel día…!

-¡Vaia, por esta vez concordamos! O segredo das nosas desventuras, dos nosos erros é…, ¡que nos gustan as puñetas, que por algo se di que somos un puñeteiro país!

-¡O malo é que as puñetas non son exportables!

-Pero son apropiadas para cargos políticos, así que, a solución estará en rifar eses cargos, xa que tan cobizados andan, e tantos opositores temos; para o que non teña sorte nesta lotería…, como se dicía en tempos, O que vale, vale, e o que non, para Ensidesa!

-¡Xa non hai Ensidesa!

-Quédanos a Xunta…!
-.-

¿Ardeu Lucus? ¡Non, aínda non, pero os que si arderon foron aqueles santos da Meda, ¡sete irmáns, igual cós Macabeos!, na Agra dos Sete Santos, pero a toponimia consérvaos vivos, conserva a súa memoria na parroquia de Santiago da Meda! Lembrándoos Romeu, propúxolle á súa “Sabina”:

-Vouche facer unha proposición deshonesta…

-¡Non o creo posible: estamos casados!

-Invítote, agora que chegan as festas do “Arde Lucus”, a disfrazarte de escrava, e facemos unha representación na rúa, tal que na Praza de Santa María…, por ser un tema relixioso!

-Sinto non aceptarche esa proposición…, que é deshonesta, en efecto, porque sería, da túa parte, abusar dunha menor…, porque aínda non son artista!

-Tes madeira de artista, que por algo se empeza, e túa nai regalouche o seu can-can de bailarina, non si? ¡Aceptáchelo; por ende, estás iniciada!

-Estes festexos o que é de relixión non teñen nin o cheiro, e logo que son teus, dos romanos; eu veño dos suevos, que non te cansas de dicirmo, chegados no V, precisamente cando os romanos estaban fartos de face-lo ídem!

-As escravas sodes de tódolos séculos, que non deixastes de selo ata que o Manuel Cordero Pérez, de Castroverde, apoiando as pretensións da santanderina Clara Campoamor, entre ambos conseguiron o voto feminino, concretamente nas Constituíntes do 31. O argumento que representaremos será este: Cando os romanos souberon que Santiago, predicando no Campamento do Lugo antigo, despois diso, Santiago da Meda, fixera sete conversos, ¡sete conversos de sete irmáns!, o pretor Caius Aquilius Gallus deu ordes para que fosen perseguidos. Dito e feito, así que o centurión Marcus Ciro, fillo de Ciro, aquel matón do holocausto medulliensis, buscounos e deu con eles, que fuxiran, escondéndose nun agra de trigo. Como o cereal estaba seco, maduro, ¿que se lle ocorreu? ¡Nada menos que rodea-la agra cos seus lexionarios, táctica aprendida de seu pai, e…, pegoulle lume, todo ao redor!

-¿Arderon, os sete? ¡Malditos romanos; algo así non houbesen feito os meus, os suevos, e iso que nos chamaban bárbaros! –Xulieta a punto de chorar, conmovida.

-¡E setenta que fosen! A única que se salvou do lume, din que por milagre divino, foi súa nai, unha tal Iulia, e con ela unha liberta, unha tal Aisa, que lles foran levar comida á agra do trigo; os lexionarios víronas cando saían da agra por unha cal adiante. Eu, investido de Imperium e con ius auspiciorum mains, farei de Pretor, ti de nai dos santos, e Aisa, de liberta, unha liberta mauretana. Tratarase dunha interrogatio que vos farei desde a escalinata do bispado para determinar se sodes cristiás. Á liberta perdoareille por aquilo da obediencia debida, que aínda non estaba mentalizada como tal liberta, e a ti condenareite a ser escrava do Pretor, ¡eu!…, por días de vida!

-¡Estes Montesco…! Está ben, farémolo, aínda que só sexa para evidenciar que os romanos seguen estando en Lugo!

-¡Iso, iso; pero tamén para rirnos das súas carnavaladas, que se veñen disfrazando, e facendo, e dicindo cousas das que non teñen nin idea! Para máis ridiculizalos, ti e mais eu falaremos en latín, e Aisa contestará en árabe. ¡A chanza vai ser de órdago! ¿Quérense dar de romanos, esquecéndose de que non foron os romanos os que fixeron esta muralla, senón eles, eles mesmos, os do país, a lategazos? ¡Pois desta vez lévana cadrada, a menos que baixe o bispo…, para traducirlles ao galego!
-.-

-Querido Romeu, eu tamén, “¡eureka, eureka!”, que acabo de dar co punto de inflexión da curva…

-¡Mira, non me veñas con curvas, pois, co enclaustrados que estamos, teño de sobra coas túas, así que, ¡celos fóra!

-Sento decepcionarte, pero son curvas de Economía, curvas destes apuntes, que parecen estar feitos polos sete sabios de Grecia; polos vellos, pois os novos, polo estilo dos españois…, jarana e folganza! En serio, que isto é moi serio; serio e de toda actualidade, tanto, que xa debera ser explicado na ensinanza primaria…

-Daquela, ¡fágase en min segundo a túa palabra!

-Non é a miña palabra, senón a do profesor de Economía Política. Escoita, que o vou traducir; como ti mesmo dis, para mellor reter:

“A estrutura económica mundial, a través do tempo e desde as primeiras etapas do seu desenrolo, revela un continuo aumento da eficacia produtiva. Porén, é moi raro que a actividade se manteña a un mesmo nivel durante períodos longos, ou que aumente nunha proporción constante. Os feitos demostran que o volume da produción e maila circulación, de bens e de servizos, claro, aínda que mostrando unha tendencia de aumento, ten alternativas de actividade, e outras de depresión, que constitúen o que se coñece coa denominación de ciclo económico. A unha época de prosperidade segue a depresión, sorprendente fenómeno que se repite con diferenzas de detalle, pero que nalgún dos seus elementos preséntase sempre en forma exactamente igual…”

-¿Por que te paras, se tanto interese lle ves?

-Precisamente por iso, meu amor, porque as cousas importantes merecen un rumiado, Bailando na punta dun fuso (14)especialidade que ti sempre dixeches que era sueva, e que nos vén aos desta procedencia de tanto contemplar o rumiar das vacas. Nesta terra, neste país, o ganado ten pastos riquísimos, e por iso, pola cobiza de devorar sen taxa nin medida, desde que estamos fartos cómpre asimilar o comido, o excesivamente inxerido, que de aí a rumia, os trasacordos galaicos!

-¡Anda, segue, que a tarde non é infinita, e a Economía tampouco!

-Segue este profesor, na súa redacción sinxela, accesible, intelixible, e por tanto, maxistral, máis de Mestre que de Profesor: “Todo o mundo ten unha idea máis ou menos aproximada do que é unha época de prosperidade: comercio activo, alza de prezos, plena ocupación e optimismo…” ¡Demasiado optimismo, diría eu, pensando por min, pensando precisamente na euforia das nosas familias, que niso ben parecidos somos! Pero sigo, sigo transcribindo: “e tamén se coñece…, ¡máis ben pouco, intercalaría eu!, o que significa unha época de depresión: escasos negocios, baixa de prezos, desocupación e pesimismo…”.

-¡Iso, muller, pesimismo; e se non, que llelo digan aos americanos, tantos suicidios que lles causou a crise do 29! Perdoa, pero como estamos estudiando en comunidade de bens, tamén nisto…!

-O autor remata así esta recensión: “Case ninguén sabe como evitar estas flutuacións, así como os inconvenientes que levan consigo”.

-¡Eu seino! –Romeu, levantando a man.

-¡Xa está o socialista, o experto en problemas sociais…! Daquela, se tes unha receita, ¿por que non te presentas ás próximas eleccións, que de seguro chegas a tempo de remedia-la nosa crise, esta, a actual?

-Fareino, miña cara esposa; si, pero nas outras, nas seguintes, desde que o pobo estea canso de sacrificios redentores…, que será a mellor ocasión para presentarme como Redentor definitivo!

-Vou seguir, que aínda non rematou esta lección, pero contando coa promesa de que tomarás en serio esta crise económico social. ¿Para que, despois do Dereito, comezamos Economía? ¡Para colaborar na redención deste país irredento, coas molestias conseguintes, pois, se nos importase un carajo, daquela ti estarías no Bar das Dúas Portas, e eu comentando amoríos no Círculo, amores deses das revistas, que nos importan outro carajo!

-¡Carajo coa miña Xulieta, que esta si que é unha muller de carajo, caralluda! Segue, amor, que prometo ser o mellor alumno desta alumna que convive comigo, e que presume de darme clases!

Xulieta, pasándolle por alto as filípicas:

-Aquí explica como se desenrola un ciclo económico completo, explicación na que xa podían entrar os periodistas da actualidade, que todo se lles volve conta-lo que pasa, sen descender ás causas, nin ás causas ni aos causantes do deterioro económico que padecemos. ¡Alá eles; que Deus lles perdoe! Isto tamén o presenta dun xeito ben pedagóxico, intelixible incluso para os analfabetos, que adoitan ser os mellor preparados porque teñen a cabeza libre, que outros…, outros téñena, ou témola, abarrotada de conceptos abstractos, e de palabras baleiras de contido! Vou: “Os ciclos económicos inícianse cun período de auxe, sendo as industrias que máis se benefician e/ou desenrolan as de bens de produción –plásticos, aluminio, ferro, aceiro, maquinaria, e, sobre todo, edificios-; aumenta a velocidade circulatoria da moeda e sube o nivel de prezos así como a taxa do interese a corto prazo; se non hai diñeiro dispoñible no país para esa xeneralización do crédito, acódese ao mercado estranxeiro, internacional, que, entre outras consecuencias, traerá a mortal de intoxicarnos, de narcotizarnos”.

Sigo, ou mellor dito, segue este Profesor: “Daquela as utilidades son altas, e páganse bos salarios, créanse máis empresas, e todo o mundo ten traballo. En tales circunstancias di Scott que é relativamente fácil, en xeral, facerse con diñeiro”. Supoño que quere dicir, honradamente, pois a inmoralidade, a usura, o estraperlo, son propios das etapas opostas, engadiría eu; quere dicirse, a estudante. Pero volvo ao rego:

“As épocas de auxe desenvólvense acentuándose progresivamente ata culminar nun punto de máxima actividade, no que a prosperidade queda como estacionada; pode manterse a un ritmo tan elevado por un tempo imposible de prever, ata que un pánico ou feito similar inicie a terceira fase do ciclo…, como pasou daquela por culpa do crac da Bolsa de Nova York!”. Excuse-moi, amor, que xa volvo ao rego, como fan esas vacas dos teus labregos…

-¿Quererás dicir, labregos de meu pai…?

-¡Vale, vale, que nesta casa, como na dos Trastámara, monta tanto, Isabel coma Fernando! O de teus pais é teu, o teu é meu…, pero o noso, en definitiva, é de Facenda!

-Agora es ti a tarabela dos nabos, pero segue, que esa lección é elemental, tan elemental como pouco manida; tan pouco manida que aínda non a saben a metade dos nosos políticos; nin os teus, nin os meus!

-“Nesa terceira fase prodúcese a crise, seguida dunha época de depresión máis ou menos severa. Os prezos acusan un descenso máis ou menos rápido, aínda que non sempre, nin en tódolos artigos, afectando principalmente ás industrias de bens de produción; diminúe a velocidade de circulación da moeda así como o tipo dos intereses, ¡dos abonados, claro! Hai, rexístrase, un derrubo total no volume xeral das ventas, orixinándose a diminución das utilidades, así como a baixa dos salarios. Aparece, e mantense, a desocupación… Aínda que, teoricamente, non hai nada que impida que as transaccións podan continuar desenvolvéndose a baixo nivel; existen, danse, na realidade económica varios factores tendentes a producir unha reacción, iniciándose así o desenrolo dun novo ciclo”. Eu, que o quero dicir nun paréntese, aquí palpo, presento, unha tala de eucaliptos, seguida dun retorno ás hortas…

-¿Acabaches, que me está entrando canguelo, medo, nesta apocalipse?

-Queda pouco: “O poder de reacción, segundo varios economistas, -e aquí cita aos que dá por máis coñecidos, -resulta da acumulación dos aforros. Aínda en épocas de depresión, parte dos ingresos son economizados polas persoas máis previsoras, á parte de que a situación non se presta para novas inversións, e á medida que estes aumentan van exercendo unha presión máis e máis crecente, que fai necesaria, que pide, que provoca, unha válvula de escape, que adoita estar, producirse, na formación de novas empresas, novas empresas que buscan novos xeitos de produción, expandíndose con novos negocios, aínda que, xeralmente, a ritmo lento…; ¡convalecencia, en definitiva!”.

Como Xulieta se quedase calada, cousa que non era habitual nela, salvo que estivesen de morros, Romeu interpelouna:

-¿Acabaches?

-Por agora, si.

-Daquela, grazas a Deus, pois eu estaba esgotado, en plena crise, disposto a renegar desta Economía que nos esgota as enerxías.

-Esta noite demostráchesme que tes un bo stock delas… ¡Un macho, que din os mexicanos!

-¡Si, pero, das outras, poucas, pois o mal ambiente da rúa, e coa rúa, a Xunta, apaga os ánimos, cando máis precisos nos eran!

-¿Ves? ¡Esa é outra agravante das crises, que, incriblemente, pasoulle desapercibida ao noso Profesor, e menos mal que te teño a ti, de suplente!

-¡De suplente, non, de colaborador, de Atlante; o peor é que este mundo, o globo, o noso, pesa demasiado!

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES