Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mestre Del Riego

sábado, 27 de abril de 2019
Imprescindible. Velaí o adxectivo que mellor define Conversas con Paco del Riego de Perfecto Conde, libro que transcribe unha longa entrevista de abril do 2008 co egrexio laurentino que entón contaba xa os noventa e cinco anos cumpridos.

Estas páxinas convidan a unha dupla viaxe: dunha parte, lévannos da man pola peripecia vital do propio entrevistado, ofrecendo abondosa información verbo da súa nenez e mocidade, formación e obra escrita. Doutra banda, este libro é, ao tempo, un revelador percorrido polos máis decisivos episodios do galeguismo no século XX, pois en practicamente todos tivo un papel protagónico Del Riego.

Non debe esquecerse que o de Lourenzá naceu durante a monarquía de Alfonso XIII, viviu de rapaz unha Ditadura e unha Ditabranda, ilusionouse coa II República, padeceu a Guerra Civil e as súas funestas consecuencias e axudou a reconstruír o esboroado edificio do galeguismo na longa noite de pedra para vivir o seu rexurdir democrático, o pulo da Transición e aínda os aires do novo milenio.

En todo ese tempo Del Riego pronunciou mitins do Partido Galeguista a carón de Castelao, Alexandre Bóveda ou Otero Pedrayo; colaborou con Ánxel Casal nas empresas de Nós e participou moi activamente na vida cultural santiaguesa da Preguerra, onde foi profesor universitario e coñeceu a Valle Inclán e a García Lorca; axudou a fundar a Editorial Galaxia en plena Posguerra e recuperou para a escrita en galego a Cunqueiro e Fole; foi pioneiro publicando unha das primeiras historias da literatura galega, a nosa máis importante antoloxía poética de Posguerra, un dos escasos libros sobre letras universais en galego da pasada centuria e o primeiro dicionario de escritores en lingua galega como tal; e, por se todo o anterior non fose abondo, imprimiu unha definitiva e identificada viraxe á Real Academia Galega.

De todos eses episodios dá razón Del Riego, quen tivo acordanza agradecida para Otero Pedrayo e Cunqueiro, Méndez Ferrín e García Sabell, Filgueira Valverde e Alonso Montero e non tan gasalleiras palabras para Piñeiro, Casares e Celso Emilio Ferreiro.

Nestas Conversas con Paco del Riego Perfecto Conde amósase como un moi competente xornalista, que sabe dar o seu espazo ao entrevistado e apenas se vai balizando con moi acaídas cuestións un discurso que flúe do propio Del Riego, un portento memorialístico cunha dicción oralizada que tal semella un relato de reflexiva escrita.

O libro péchase cun anexo fotográfico ben valioso, onde se reproducen instantáneas pouco divulgadas e aínda algunha estritamente inédita, como a que adorna a cuberta da obra.

Se houbese que sinalar algunha marxe de mellora posible para este exemplar traballo un suxeriría un índice onomástico final que orientase a consulta, principalmente pensando nos investigadores e analistas, que haberían de agradecer non ter que repasar de cada volta as duascentas páxinas longas da obra para atopar referencias puntuais que se precisasen con prontitude. Polo demais, nada cabe apor a un texto en moitos sentidos modélico.

Ninguén interesado en saber o que foi a historia da literatura e da cultura galegas do pasado século pode deixar de ler estas Conversas con Paco del Riego de Perfecto Conde, testemuño excepcional dun tempo que recuperou de viva voz un dos seus máis significados e admirables protagonistas.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania