Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Preposterismo e a demagoxia

viernes, 26 de abril de 2019
Nas exposicións argumentais, cando se queren acadar resultados previamente definidos e interesados, no ámbito dunha investigación científica, que hai que xustificar, ou noutros, como, especialmente, no político, non se repara en utilizar o que a filósofa de orixe inglés, e que exerce como profesora de Dereito na Universidade de Miami (EE.UU.), Susan Haack, chama sham reasoning (falso razoamento), segundo afirma Sara Barrena, nun interesante artigo publicado sobre a filósofa, na revista “Estudios Filosóficos”, núm. 196, quen, seguindo ao “padre do pragmatismo”, o lóxico matemático e científico norteamericano, Charles Sanders Peirce, di que este o define “como aquel razoamento que non determina cal será a conclusión, senón aquel no que a conclusión determina cal ha de ser o razoamento”.

Neste suposto, o investigador trata de encontrar medios que conduzan a verdade dunha proposición con cuxa evidencia está comprometido, é dicir, non é libre de chegar a outra conclusión, e, no caso do político, pretende descualificala, para que os cidadáns consideren adecuada e acertada a súa proposta. E todo isto supón adoptar unha práctica que S. Haack cualifica de “prepóstera”, que non é outra cousa que, nunha estrutura argumental, poñer o último (a conclusión) ao primeiro, e o primeiro (as premisas) ao último. Precisamente algo que sempre vai incorporado as estratexias demagóxicas, aínda que a verborrea embarullada o disimule. Permítanme, pois, resaltar algunhas características connotativas da demagoxia.

Parece que inicialmente en Grecia designábase como demagogo a un “líder do pobo”; pero hai que ter en conta que, neste caso, o demagogo estaba asistido dun certo carisma, non precisamente dotado de experiencia. Tanto Platón como Aristóteles pretenderon desacreditar a democracia, por esta razón este último define a demagoxia como A FORMA CORRUPTA E DEXENERADA DA DEMOCRACIA, e afirmaba que nas mans dos demagogos a lei pasaba a estar subordinada ao capricho de moitos, e eles alagaban aos cidadáns, concedendo ós sentimentos máxima importancia, en función dos que orientaban a política, por iso os consideraba “aduladores do pobo”.

Non quixera ser pesimista, mais tampouco perder a ocasión de articular aquí unha preocupación que me acompaña: Vexo a España tan revolta politicamente que nada me estrañaría que acabe levándoa a un certo autoritarismo a incompetencia e as demagoxias. Os políticos non poden negar que experimentan que a democracia está dexenerando, se eles mesmos, REITERADAMENTE, falan de rexenerala; pero quen a dexenera…, eses lideres que non son capaces dun comportamento democrático nos seus propios partidos?. Non está, pois, demais que recorden que a demagoxia está sendo unha práctica habitual, tanto nas falacias argumentais, como nas tácticas de despiste, nas manipulacións (vergoñosas en período electoral), nas estatísticas, nas ocultacións, etc.

As actitudes máis incoherentes están xurdindo, polo menos no noso país, cando os causantes da emerxencia, no ámbito político, de organizacións con pretensións correctoras dos excesos demagóxicos (ocultando, sen dúbida, outros obxectivos) pretenden poñerlles, ós integrantes das mesmas, o saio fascista, que sempre se utiliza e se saca a relucir, como único recurso da incompetencia e a arrogancia, polos que se consideran modelos exemplares de comportamentos democráticos (e por iso fan alarde de rexenerala), que son, precisamente, aínda que teñan nubrada a conciencia diso, os que, dito coloquialmente, máis veces poñen o carro diante dos bois, nunha práctica disimulada de “preposterismo”.

Por outra parte, a demagoxia e o “preposterismo” acaban converténdose en recursos necesarios no multipartidismo, porque, de veras…, pensan vostedes que no marco das competencias de calquera estado existen tantas perspectivas, REALES E ESENCIALMENTE DIFERENTES, para dar solución, racional e razoablemente circunstanciada, aos seus problemas, como candidatos para gobernalo, presentados por outros tantos partidos?.

Con independencia do que cadaquén dea de contestación á pregunta anterior, permítanme que, pola súa autoridade nesta temática, lles ofreza aquí unhas achegas de Hannah Arendt, filósofa e socióloga alemá, e profesora en varias universidades en EE.UU., que obteño da súa obra, en tres tomos, titulada “Los orígenes del totalitarismo”, editada en castelán por Alianza Editorial, S.A., Madrid, 1.987. Na páx. 372, escribe, traducido por min ao galego, o seguinte: “No sistema de bipartidismo (“bipartidista”, di) un partido sempre representa ao Estado e dirixe o país, de forma tal que, temporalmente, o partido no poder identifícase co Estado”. E referíndose os gobernos por alianza entre os dirixentes dos partidos, considera que o feito de incorporar ministros por virtude desa alianza dificulta seleccionar os máis preparados e adecuados.

Pero eu non sitúo a dificultade dun exceso de partidos, absolutamente perturbador, nese punto, senón nas liortas previas as eleccións, nas que incorporan ás estratexias de captación de militantes e votantes a demagoxia e a sofística argumental, producindo un cúmulo de promesas aos cidadáns que son incapaces de cumprir, ben sexa pola súa irrealidade, ou ben sexa debido a que carecen de suficiente peso no Parlamento, ou nos centros de decisión. Pero ocupan escano, como adoita dicirse, e cobran con cargo ao presuposto estatal.

Tamén H. Arendt , na páxina 403 da obra citada, nos ofrece algo sobre o que vale a pena que os españois reflexionemos. Di, ocupándose da decadencia da nación–estado, que o estado pasou a ser, en vez de instrumento da lei, instrumento da nación; “a nación conquistou o Estado; o interese nacional tiña prioridade sobre a lei moito antes de que Hitler puidera declarar XUSTO É O QUE RESULTA BO PARA O POBO ALEMÁ.” (As maiúsculas, son miñas).

Se extrapolamos isto a Cataluña, os independentistas, que a consideran como unha nación, teñen a pretensión de poñer o Estado, ao que pertencen, ao servizo da mesma, que, en liñas xerais, era o que Hitler vía como xusto para o pobo. Claro que a situación era distinta, pero a idea non: é ben acollida por eles. E no caso español as disertacións dalgúns dos mesmos cambian o argumento con descarado cinismo (“preposterismo” e demagoxia, que se pode estender a outros dos seus extravagantes comportamentos), cualificando ás institucións españolas de “fascistas”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES