Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 26 de abril de 2019
Daría a miña vida

Eu daría a miña vida, non por Roberto Carlos, senón pola levitación dun soño, ou polo voo dunha rula. O voo dunha rula sempre nos leva por esas corredoiras que se enchen de sentimentos entre portelo e portelo. Hai rulas que voan con tanta elegancia Pingas de Orballoque non queda outra que amalas. Si, así de sinxelo. E de bonito. Eu daría a miña vida por bailar na crista dunha onda e desde ela axexar o sorriso de alguén que te aprecia. Sempre haberá alguén que está ó outro lado dos desexos. Aínda que despois, un salouco ou un lamento quede colgado por entre as nubes brancas do ceo. Pero mentres o salaio non asome, todo o demais é bonito. É tan bonito como a curvatura dun círculo. Eu daría a miña vida para aboiar sobre as augas do Atlántico e que, pasiño a pasiño, onda a onda, milla a milla me leven ata o sur da miña esperanza. Din que a esperanza é o último que se perde. E quen falou de perdela! Perder só queda perdido o espellismo do que non imaxinamos. Pero, ai Deus!, co lindo que é imaxinar, supoñer, idear. Co bonito que é cantar versos que rimen sobre a concepción dun sentimento ou dunha sensación. Porque hai sensacións que me levan máis alá da levitación dese soño, do meu soño. Eu daría miña vida por afogar no alento dunha rula. E non son Roberto Carlos.

Homenaxe a Julio López Cid

Coincidencias da vida. Xusto ó día seguinte de acabar de ler un libriño titulado “Sombra tendida”, de Julio López Cid, a familia e algúns amigos realizáronlle ó autor do Pingas de Orballomesmo unha pequena homenaxe (morto hai uns meses) no Liceo de Ourense. Por que non ir? E fun. Ademais, creo que é á primeira homenaxe á que teño asistido dun autor ourensán. E fixen ben. Alí, entre uns cantos sobriños e algún amigo, desagregaron, esfollaron un chisco a vida e a obra do autor que foi íntimo do gran poeta Ángel Valente e de María Zambrano. Ó mesmo tempo, entre intervención e intervención, outro sobriño dáballe ó piano porque era unha das paixóns de Julio López Cid. Léronse cartas e léronse poemas, e dixéronse palabras fermosas, como as de Pepe Bouzas, veciño molgués que foi, precisamente, o que me agasallara co libriño citado ó principio, e do que só se fixo unha tirada de 250 exemplares, numerados a man (o meu, por certo, é o exemplar número 187). Deste libriño recalco, faltaría máis, que foi prologado, maquetado e ilustrado por Bouzas. Seguindo coa homenaxe, alí se falou da súa tardanza na escritura (ós 33 anos) e da forma en que escribía (a impulsos), pero corrixindo moito. A gran anécdota estivo na forma en que oía algunhas pezas do sobriño ó piano: por teléfono, de cando Julio vivía en Suíza.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES