Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A expansión da capital chairega no século XIX

miércoles, 24 de abril de 2019
Vilalba xa tivo o seu particular aumento da construción hai máis de cen anos

Hai días aportamos datos do acontecer diario na Vilalba de finais do século XIX. Achegándolle outras lecturas ás imprescindibles notas de don Antonio Peña Novo constatamos que o crecemento da vila chegou cando houbo riqueza ao xuntarse novas estradas e melloras en camiños e pontes con feiras e comercio. Co progreso económico chegaron outras familias e precisáronse máis vivendas. Parte dos cartos gañados en feiras, transportes e comercio, tamén outros achegados por habaneiros retornados, destináronse a edificios que en casos simbolizaban o estatus social dos propietarios. Vexamos o construído ao redor de 1881, cando a feira do gando foi trasladada á A expansión da capital chairega no século XIX Chouzana.

No casco antigo da vila, as rúas estreitas impedían ampliar aquelas casas que abrían pequenas portas e ventás con linteis de madeira e que se pechaban con paredes de pouca altura por estar feitas de pedra de xisto trabada con barro. Os espazos a carón das estradas de Ferrol-Rábade e Baamonde ofrecían solares con posibilidades de currais, hortas e xardíns. Ademais empezouse a usar o morteiro para unir a pedra das paredes dos edificios e a técnica permitía amplitude e altura nas dependencias sen encarecer en exceso a construción. Sol e aireación eran remedios que os médicos recomendaban para atallar infeccións e enfermidades pulmonares que causaban estragos entre os máis débiles. A estas medidas engadíase a necesidade de subministrar augas limpas e soterrar redes de saneamento evitando filtracións a pozos. A construción de balcóns orixinou que os ferreiros desen en armar pretís de ferro onde algúns propietarios deixaron constancia das iniciais do seu nome e do ano de remate do edificio. Son datos que permiten situar e poñer no seu tempo a arquitectura que chegaba.

Con anterioridade á chegada das estradas tamén houbo edificios que merecen unha atención. Na década de 1840, promotores con recursos económicos marcaron un modelo construtivo que hoxe pode verse nas casas de Antonio Silveiro (logo academia de Santa María) na actual rúa de Betanzos, e a de Andrés Silva Freire, na rúa Mato Vizoso, erguida no solar onde se emprazaba unha torre das murallas da vila. Do mesmo estilo é a antiga ferraxería Ramudo, na Porta de Cima, acabada en 1855 segundo lenda que preside a ventá central que dá luz ao faio.

O progreso que coincidiu coa apertura das estradas propiciou a aparición de novas casas na vila
A expansión da capital chairega no século XIX Na ‘carretera’, xa se sabe, a casa de Antonio Gayoso, logo de Ángel Rego, foi das primeiras levantadas, a dicir da xente no medio das hortas, aló por 1868. O edificio tiña portas e ventás enmarcadas por canterías e rematadas en lintel da mesma pedra e o piso alto foi dotado de galería lateral ou balcón corrido, cuberto e sostido por sólidas ménsulas, que ofrecía espazo de lecer co sol da tarde. De traza semellante quedan outros edificios. De 1873 é a casa da actual rúa da Pravia que fixo Agustín López, natural do Curbel-Santaballa e habaneiro de fortuna retornado, e que en tempos dispuxo dunha airosa galería con vistas a un xardín. O ano 1881 sinálase no balcón corrido con vistas á nova estrada na segunda planta dunha casa da praza de San Xoán.

Tamén os camiños antigos coñeceron actividade construtora. Nas actas do Concello de 1884 abundan peticións de permisos para edificar. Na Porta de Cima, solicítano Baltasar Francos Sacido para unha casa e Manuel Celeiro para dúas de planta alta. Na estrada que conduce a Lugo, Antonio Boquete para casa alta e Miguel Ermida Rouco para dar unha planta máis. Na calle Nueva Antonio Díaz xunto con María Debasa para casa de planta alta ao igual que Santiago Currás. No Poxigo, José Alonso. No barrio da Puerta de Puente, Francisco Pernas para casa de planta alta. Valeriano Valdesuso, comerciante, para dúas novas casas no campo Castelo. O mesmo ano Nicolás Mato solicita permiso para pechar a traseira da súa casa que dá á praza do Pan.

Un balcón da Porta de Cima informa, baixo unha cruz, que J. M. fixo a casa en 1885. No Rolo, saída da vila á ponte da Madalena, en 1887 rematou a vivenda Vicente Peña Rodríguez, rico indiano que casara con María Novo Pardo, filla dos caseiros do pazo de Mourence, e pais de don Antonio Peña Novo e de Dionisia, Carmen, Amparo, Plácido e Luís.

Novos modelos arquitectónicos
A partir de 1890 obsérvanse innovacións na arquitectura. Os remates de ventás e portas fanse con arcos rebaixados dando elegancia ás fachadas e permitindo descargar presións das paredes altas sobre as laterais, tal como se observa nas dúas casas xemelgas dese ano na antiga avenida do Progreso. Na mesma rúa, de 1905 e 1906, consérvanse tres casas iguais, con baixo e piso, que albergaron comercios de tecidos, droguería e outros negocios.

En 1909 aires do Modernismo chegaron a Vilalba da man doutro habaneiro, Manuel López Arias. Neste caso as galerías de ferro e cristal cobren e gardan da intemperie os grandes vaos dos dous pisos altos permitindo ós da casa lucir o seu estatus económico e observar o que sucede fóra mentres son admirados polos que pasan pola rúa. A factura dos balcóns coroados por arcos deprimidos con moldura en forma de clave destacada e sostidos por laxa de pedra apoiada en ménsula é a solución idéntica á dada na coñecida como casa de Abelleira, polo que debemos datar as dúas nos mesmos anos. Nesta última, nun acto de nulo respecto patrimonial, os arcos de medio punto que coroaban as portas da planta baixa foron anulados por entidade bancaria que colocou alí rótulo anunciador.

De certo que Vilalba puido gabarse de ser arquetipo de vila con arquitectura feita no anos finais do século XIX e de principios do XX. Pero o paso do tempo, partillas imposibles, a falta de mantemento, o ir facendo e o deixar facer causaron a situación que hoxe se ve con mágoa. E parece que non ter remedio.

Ladillo
O crecemento tamén se notou nas canteiras de Román e Carballido
O auxe da construción e melloras nos métodos de soster os edificios ocasionou demanda de granito, pedra que se extraía das canteiras de Román e Carballido por ser as máis próximas. O ser canteiro converteuse nunha boa alternativa ao traballo no rural. E a mellora da habilidade de traballar a pedra e das técnicas escultóricas ocasionou que a aparición da característica arquitectura relixiosa da comarca de Vilalba que se manifesta en cemiterios e cruceiros.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES