Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coma nun país descoñecido

viernes, 21 de diciembre de 2007
Xa teño dito que a primeira feira do capón da que fun consciente foi unha sorpresa. Non sei cando foi (tería eu catro anos), sei como: indo cara á escola de Dona Amelia.

O ir a esta escola debíase, dunha banda, á maior confianza que daquela había no ensino privado, pero tamén a que ó quedar na parte superior da Praza, desde a Porta de Cima non tiña que cruzar ningunha estrada. Daquela o tráfico por este traxecto non existía.

O camiño facíao case sempre correndo, e unha das veces provoquei un accidente cando nunha esquina choquei violentamente cunha filla da miña veciña Socorro, dando como resultado que a rapaza quedara tendida no chan.

O recorrido era apenas un suspiro, pouco máis de catrocentos metros libres, nos que marcaba records a diario, agás cando atopaba obstáculos no camiño. Un deses obstáculos foi a primeira feira do capón. Ringleiras de cestas situadas ó longo da praza, cheas de animais marelos sobre fondo branco, e centos de persoas arredor coma nun culto milenario na honra dun pequeno deus de formas extrañamente familiares.

Era como chegar de repente a un país descoñecido, onde contemplas estrañas ceremonias nas que non dubidas en participar, coma se niso che fose a vida.

Pasarían trinta anos ata que volvín, xa maior, ó pavillón dos deportes. Case nada era o mesmo. Dixérao Manuel María: Nin o ambiente, nin o frío ou as zocas chinelas. Si os capós, sempre centro do culto. E eu, nunca sacerdote, mera testemuña espectante, sería escribidor para contar nunha crónica desde un país descoñecido o triste sino dos chamados a ser galos que, perdendo a masculinidade no camiño, morrían capóns para ser gorentosa comunión ó remate dun longuísimo, complicado e planificado proceso. E eu contando a crónica desde ese país descoñecido chamado Vilalba, chamado a proclamar urbi et orbe o novo rito.

Sempre soñei con ser cronista viaxeiro e desde calquera país do ancho mundo mandar vivas crónicas -radiofónicas, primeiro, para a prensa escrita con máis calma- sobre exóticos costumes observados no meu camiñar. Cos anos, reafirmándome na vocación, mando de cando en cando algunha crónica desde lonxanos lugares de costumes peculiares, que sempre globalmente se chaman Galicia. E cando atopo o máis fermoso e orixinal, senlleiro e deslumbrante, descubro que estou en Vilalba. Como agora, na Feira do Capón. Para nós, o máis normal e entrañable do mundo. Para o resto do mundo, crónica básica dun país descoñecido, de costume singular, de riqueza gastronómica suprema e que, para dar razón do rito, ata ten unha real Confraría do Capón de Vilalba, para proclamalo urbi et orbe.

Coma nun templo do sabor, aínda que teña forma de pavillón deportivo, coma un rito que incorpora un sacrificio sanguento, coma un turista aínda que un sexa nativo. Coma desde un país descoñecido, pero desde a propia casa.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania