Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 12 de abril de 2019
As cunetas dos malos tempos
:
Ando na procura dun morto que se me perdeu cando estaba buscando os marcos dunha leira que non coñecía moi ben. O morto xa cheiraba. Debía estar morto xa desde o ano da polca. Estaba nunha cuneta. Non sei que me daba deixalo alí. Xa bastantes quedaron sen que se puideran recoller, ou recoñecer, moitas veces nin se lles podía rezar. Eran outros tempos. Si, esa é a escusa perfecta para seguir mirando cara á adiante. Para non furgar na memoria. Este morto, o meu morto recosteino contra un castiñeiro e fun buscar o marco que daba contra a leira de Ulpiano, O Recachado. O Pingas de Orballoatopalo, cravei alí unha boa estaca para que se vise polo menos mentres eu vivise. Fun buscar ó morto para levalo para a outra beira da leira e a sorpresa foi maiúscula ó non o ver. Cheguei a desconfiar dalgún animal, pero pareceume estraño, pois non oíra nada. Deille catro voltas ó castiñeiro infrutuosamente. Empecei a desesperar. Non obstante, aínda espetei tres estacas máis nos outros marcos da finca; dúas no lado que daba ó eido de Valentín, O Variante, e a outra na outra punta da beira do Recachado. Ós cachos, chamaba polo morto. “Eh, morto, onde estás?”. Así. Porque non lle sabía o nome. Rezaba para que non volvera para a cuneta. Estas traen malos recordos ou malos tempos.

Algo non encaixa

Que a xustiza se teña que valer moitas veces dunha persoa soa, sexa xuíza ou xuíz, non cadra, non encaixa. Que pasa se unha ou o outro ou os dous son incompetentes? Non é unha burrada o que digo. En todos os estamentos, traballos, organismos, ou como lle queirades chamar sempre hai algún incompetente. No periodismo, no fútbol, na política, na ensinanza, na sanidade... Ninguén é perfecto. Pero hai certos estamentos nos que habería que ter moito coidado. Sanidade e xustiza quizais sexan dos que máis dependemos. Unha xuíza de Lugo sentenciou que certo acoso escolar a unha nena non era tal. Imaxino que a ela non a acosarían. Porque hai acosos nos que non son necesarias as malleiras; simplemente chegan con catro insultos ben lanzados e unhas olladas que atravesan. Con isto xa é suficiente para que unha nena ou neno sufra psicoloxicamente. Algúns, coidadiño!, ata as súas derradeiras consecuencias, ou sexa, ata o propio suicidio. Temos casos a darlle cun sacho. E creo que non é o mesmo unha secuela nun neno que nun adulto. Así é que certos asuntos non se deberían deixar nunha persoa tan só. Sabemos de xuíces que foron apartados das súas xudicaturas porque non eran competentes no seu cometido.

Non entendo ós indecisos

Non sei; ó mellor son demasiado listo. Ou burro e parvo de máis. Pero non entendo a eses que aínda teñen a dúbida de a quen votar. Non entendo a eses indecisos. Non estarán esperando ós programas ou propostas ou mitins dos partidos? Porque sempre prometen o mesmo e, despois, xa se ve o que acontece... promesas rotas. Para votar por uns ou por outros deberiades de mirar polo que fixeron, polo que Pingas de Orballofan, xa que esperar polo que dixeron... malo! Si, dixérono naquel momento. Pero foi naquel momento; hai tempo. E cando nos descoidemos xa temos outras eleccións enriba e sen haber solucionado nada. Despois queixámonos nos bares, nas cartas ó director e nas redes sociais. Despois soltamos aquilo que o gran Xosé Lois puxo nunha viñeta na que o colega de bar de Carrabouxo quixo saber por que “ós vascos danlles as autoestradas e a nós non; que en que nos diferenciamos?”. Menos mal que O Carrabouxo, que é un auténtico sabio, e en tan só dúas palabras e un número resumiulle ó colega toda a arte das competencias do Estado coas Comunidades Autónomas: “En 7 deputados”. Aí queda iso! Con dúas palabras e un número dille ós galegos moito máis que en todo o que intentei dicir neste pobre relato. Aí están dúas palabras e un número para os que teñen dubidas. Nada máis.

No refacho de vento

Cando notei que se achegaba un refacho de vento subinme a el e con el marchei. A partir dese momento vin cousas que ninguén vira. Algunhas non se vían porque non existían. Simplemente que a miña imaxinación dicían que estaban aí. E estaban. O problema é voso non saber ver as cousas. Co fácil que é mirar. É moito máis fácil que falar, que a palabra. Subido ó refacho de vento pasei por lagoas que non tiñan auga e por mares que se quedaron sen peixes. A non ser que nas grandes profundidades os houbese invisibles, eses que non se ven. Tampouco se ve moi ben a pinga de orballo que pende da flor do toxo. Non se ve ben, porque o refacho de vento fungaba a uns 523 metros de altura, que xa é moita altura. Pero eu si, eu sabía que naquela flor do toxo había unha pinga de orballo. Porque o imaxinaba. Porque vós seguides a ter problemas coa imaxinación. Co fermoso que é imaxinar. Eu sempre imaxino antes de empezar a durmir. Vin (non imaxinei) o escudo do Real Madrid que un paspán gravou alá polo 1976 sobre un penedo de Barricobos, que seica é un monte que pertence a Baños de Molgas. Unha vila que, vista desde o refacho de vento, semella fermosa. Claro que os que non teñan imaxinación nin tan sequera a saberán debuxar. Alá eles. Sigo montado no refacho de vento.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES