A finais do século XIX, para que as feiras de Vilalba continuasen con éxito e fosen motor da economía vilega, precisábase favorecer o tránsito de persoas e mercadorías tanto con reparacións en camiños, estradas e pontes como construíndo outras vías adecuadas aos novos medios de locomoción.
Don Antonio Peña Novo ocupouse do asunto indagando o trazado dos vellos camiños e os cambios neles producidos coa chegada das estradas finiseculares, nun tempo no que

se agardaba polo ferrocarril.
Hoxe retomamos o asunto e fixámonos que hai cincocentos anos, ao igual que hai cento cincuenta e ao igual que nos tempos actuais, Vilalba era un cruce de camiños. Facemos memoria dos máis antigos. O primeiro ía a Mondoñedo e ás costas lucenses e asturianas. O segundo á Feira do Monte, á Ponte de Outeiro e a Meira. O terceiro á ponte de Rábade e ao camiño real a Castela pasando por Fontefría e pola feira do Barrazoso (Gaibor - Begonte). O cuarto a Baamonde, Sobrado e Compostela seguindo o itinerario dos peregrinos. O quinto a Betanzos comunicando coa feira de Momán. O sexto dirixíase polo val do Eume ás Mariñas Coruñesas e a Ferrol, e del, na Fontepisón (Santaballa), apartaba un ramal a Viveiro. Engadimos un sétimo que se dirixía ao norte, á Balsa Pequena, que pasaba o río Eume pola ponte Bermuz, e que enramaba co camiño de verán que comunicaba Mondoñedo con Ferrol indo pola serra da Carba.
Vías e camiños citados nos séculos XIV e XV
Estes trazados viarios, cos seus ramais, xa se citan en papeis dos séculos XIV e XV, ao igual que torres defensivas de camiños emprazados en Castromaior, Goiriz e Vixil-Boizán que apoiarían ao castelo de Vilalba no control dos distintos itinerarios. Os documentos tamén se refiren a portos, pasos, pontellas e pontes das que se manteñen hoxe magníficos exemplos, coma a ponte de Saa ou a vella de Martiñán, e outras que precisan coidados como a Ponte Rodríguez (Boizán) ou a vella da Santa Eufemia (entre Santaballa e Lanzós). Sacar ladróns dos camiños e cruzar enxoitos ríos e regatos eran condicións necesarias para que circulasen os viaxeiros e para favorecer o comercio.
Non resulta estraño que nos últimos anos do XIX fose prioritario o ter transitables as vías de comunicación, facer estradas con firme de pedra e manter as pontes erguidas, reparadas e limpas, filosofía que se aplicaba tanto aos longos percorridos ás costas ou á Meseta como ás distancias menores que comunicaban parroquias veciñas.
Se nos fixamos nas pontes que salvaban o Trimaz, río que enche e reborda cando chove tres días seguidos, ao sur do lugar da Pena Parda (Burgás-Xermade), hoxe admiramos dúas pontes de factura tradicional erguidas con recursos pétreos próximos e trazadas con planos que asinaría calquera enxeñeiro ilustrado.
Grandes chantas de catro metros
A chamada Ponte Vella, salva os oito metros de ancho do río con dous vaos alintelados separados por un piar central con tallamar e cóbrese cunha calzada formada por dous pares de enormes chantas de catro metros de longo cada unha, trabadas entre si, e que polo ancho permitían o paso de carros cargados. Esta ponte substituíu un porto e pasos por onde se pasaba cando o río levaba pouca auga. A chamada Ponte Nova, augas arriba

da anterior, de calzada máis estreita (1,20 m de ancho), presenta o mesmo deseño coa particularidade de que se accede a ela a través de dous longos estribos empedrados con longas e grosas laxes de cuarcita tamén trabadas entre si. Ambos estribos, de 65 m de longo o norte e 43 o sur, conservan sete e seis ollos auxiliares que permiten o paso da auga e evitan a presión sobre a calzada cando hai cheas.
Tanto unha ponte coma a outra unen as dúas beiras da parroquia de Burgás que o Trimaz separa.
Augas abaixo, comunicando as parroquias de Santaballa e Distriz (Vilalba), a carón dun muíño arruinado, sitúase a pontella dos Pardos, único medio de pasar o río ata a década de 1950, cando se construíu a ponte moderna que hoxe está alcatranada.
Actividade económica
Na contorna da vila, os pasos fluviais mostran actividade económica ao seu redor. Na ponte da Santa Eufemia, por onde se trazou a primeira estrada que viña de Ferrol, aínda se pode ver un muíño a carón de onde houbo unha ermida con dedicación á santa. Augas abaixo quedan dous máis. O primeiro é o do Polo e o segundo o do Freire, case abeirado á ponte dos Freires que construída a finais do XIX permitiu modificar o trazado da estrada de Ferrol á ponte de Rábade.
No lugar e ponte da Madalena un muíño de catro moas xa se documentaba en 1753 e do seu pé partían tres dos antigos camiños que saían da vila. Augas abaixo, nos Pasos, tamén a carón dun muíño, o río vadeábase no verán mediante pasos, bloques de pedra separados na canle do río que se saltaban dun a outro. Máis abaixo no Rañego, outra vez vemos a conxunción de ponte e muíño, nesta ocasión perfectamente conservados.
Transporte
Xa na unión do Madalena e Trimaz, no Ladra, permanece a ponte e muíño dos Novos, acaroados a onde houbo en tempos un porto, Portovixil. Vese, pois, que a construción de muíños preto de pontes, pontellas, pasos e portos é frecuente, o que nos leva a considerar que a facilidade dos accesos para transportar cereal para moer ou o xa moído era unha condición para emprazalos. Estes lugares non se reducían ás principais vías de comunicación, senón tamén naqueloutros camiños coidados e logo empedrados que comunicaban as parroquias no rural, como nos casos da pontella dos Pardos e da pontes Nova e Vella da Pena Parda. Pero a conservación é imprescindible e por veces urxente, porque logo virá máis inverno que traerá outra chea e o río arrastrará as pedras.
E os muíños
Hai muíños ben conservados, hainos que resisten como poden o paso do tempo e hainos que foron caendo no abandono ata perder a súa estrutura. Entre os primeiros pode citarse o do Rañego, restaurado polo Concello vilalbés na pasada década e hoxe empregado en actos variados; entre os segundos, o da Magdalena, que o Concello estudou comprar e que logo desistiu; entre os terceiros, os situados nas beiras do Trimaz na parroquia de Burgás.