Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por Marx, Señor Presidente...!

viernes, 12 de abril de 2019
Iniciaría este artigo dirixíndome a D. Andrés Manuel López Obrador (AMLO, con todo respecto e como se coñece no pobo), Presidente de México, rogándolle “por Deus …”; pero descoñezo os seus auténticos sentimentos relixiosos e non quixera molestalo nunha leira tan delicada como a relixiosa, aínda que utiliza este termo cando o considera de utilidade política, como veremos. Supoño que el sente, cando menos, unha certa admiración polo autor do DAS KAPITAL, sen que se poda asegurar que o siga se non lle convén.

Descoñezo o que opinaría Karl Marx da colonización española en América; pero permítanme presumir de que sería obxectivo e contextual.

Lamentablemente non se pode afirmar isto de moitos dos que se consideran seus discípulos, con máis ou menos disimulo, porque a AUTOCRÍTICA esmoreceu e a serenidade reflexiva, nalgúns casos, pasa por malos momentos, evidentemente, na vontade da maioría dos políticos.

Escuso dicirlles que aquí vou a referirme a desafortunada invitación de AMLO ao Papa e ó Rei de España para que pidan perdón a México polo comportamento da Igrexa e dos conquistadores e colonizadores españois, respectivamente, hai máis de 500 anos. O que, na miña opinión, pode pasar por unha incompetente torpeza, con proxección intra e internacional, impropia da suposta categoría humana e intelectual dunha persoa que ostenta a presidencia dun país. E fundamento esta afirmación en tres graves erros, seguramente aboubado polo apaixonado desexo de gobernar: UN ERRO DE FUNDAMENTO ARGUMENTAL, UN ERRO HISTÓRICO E UN ERRO NA ESTRATEXIA POLÍTICA.

ERRO DE FUNDAMENTO ARGUMENTAL.- Isto pode despacharse invitando a AMLO para que nos cite un caso de culpabilidade herdada doutra persoa, porque esta nin se herda, nin se pode transmitir. Acaso deben os fillos pedir perdón por un delito cometido polo avó?. E neste caso que abordamos, nin tan sequera Hernán Cortés intervén en México debidamente autorizado pola Coroa de Castela, traizoando ao Rei, como o evidencia o feito de que lle prohibiu emprender a expedición, e enviou a Narváez a detelo. E Cortés responde asasinando as tropas, ou parte das mesmas.

ERRO HISTÓRICO.- Repasen a Historia e anoten cantos dos pobos conquistadores non utilizaron a violencia e non levaron a cabo considerables destrucións sobre os países conquistados. Reparen, por exemplo, nos romanos que, aínda que deixaron obras de importancia e transmitiron valores culturais en Hispania, cantas Numancias se lles poden atribuír. Pois ben; conciben vostedes que o Rei de España, ou un presidente non descerebrado do goberno español, pedira ao Sr. Presidente de Italia que se desculpara polo que respecta a España?. E á Igrexa, pola Inquisición, que se presenta como si fora excepcional en España ese control ideolóxico?. E que me din de Tomás Moro, de Giordano Bruno, de Servet,…?. Quen os executou?. España?. Acaso non se executou a Enrique VIII e Isabel , en Inglaterra?. Pedirían perdón os xudeus pola expulsión de Inglaterra, xa no 1.290, e de Francia no 1.306?. O grao de estupideces políticas, a hora de enzoufar o entorno, vai in crescendo, e AMLO non quere quedarse a cola, aínda que admire as coletas en terreo alleo!.

Claro que sería ridículo que os españois tratáramos de xustificar os atropelos de Hernán Cortés, que nin o Rei de Castela o faría. Como non se vai detestar a este malfadado conquistador polo secuestro de Moctezuma cando chegou a Technotitlán, polo asasinato da tropa de Narváez, polo masacre de Cholula, etc.?. Sería tanto como caer no fanatismo ideolóxico da actualidade, que sempre ten tendencia a ocultar os actos delituosos dos seus confrades, apoiándose en sofismas.

Pero tamén hai que resaltar que España foi un valado contra o radicalismo utópico, xa que era unha realidade histórica e non abstracta ou de mera virtualidade. Talvez sexa oportuno recordar que ata fines do século XVIII non houbo motivos para que América hispánica se considerase inferior á do Norte, nin na perspectiva económica, nin no desenrolo urbano, nin demograficamente, nin artística e culturalmente: As universidades de Lima e de México precederon oitenta e pico de anos a Havard e cento cincuenta a Yale. Incluso a imprenta, segundo datos que eu posúo, foi anterior en América hispana. E traigo isto aquí por se o Sr. Presidente de México, utilizando o seu erro argumental, tivera a ben dar as grazas a colonización española, xa que o exposto non é froito que emerxa espontaneamente.

Lembren vostedes que ata se criticou aos españois por haber invertido cuantiosas sumas de diñeiro na construción de espléndidos edificios e non regatear talento en preparar prazas e grandes avenidas e imprimir libros, dicionarios e gramáticas,… e ata en estudar e catalogar linguas indíxenas, e investigar flora e fauna. E todo isto ben debería merecer unha reflexión a aqueles que ven nos colonizadores españois só dilapidadores e usurpadores, que, sen dúbida, tampouco faltaron.

Por outra parte, considerando a distancia no tempo, penso que a colonización americana por España resiste con abondosa vantaxe as comparacións coas colonizacións do século XIX en Asia e África, das que os hispanoamericanos parece que non sacaron máis exemplo que o fracaso do proxecto de Bolívar, entretidos en fragmentar esa parte do continente, segundo opinan algúns estudosos, e non se lle pode negar a esta comparación unha seria reflexión.

Ademais, aínda que hai constancia de que a política americana da Coroa estaba orientada de acordo cos defensores da poboación autóctona, os conquistadores e os colonos establecidos no Novo Mundo, e incluso certas costumes indíxenas, se opoñían a levala a cabo. Isto foi o que, seguramente con algún exceso, denunciou Bartolomé de las Casas, bispo de Chiapas, na súa memoria “Breve relación de la destrución de las Indias”, presentada a Carlos V, en 1.542; pero os que o difamaban eran, precisamente, os defensores da desigualdade racial e da supremacía da raza branca, como o caso de Sepúlveda e Fernández de Oviedo, por exemplo, que cometeron serias insensateces, chegando a arbitrarse unha terminoloxía especial para as distintas clases de mestizos: moriscos, albinos, coyotes, chamizos, etc. E, aínda que isto foise suavizando, estaban obrigados a sufrir a “mita” (partición por sorteo entre eles, para sacar o número correspondente de veciños que debían empregarse en cargos públicos), e os mexicanos sufrían a equivalente “cuatequil”, que hai que recoñecer que era unha estratexia coa que os desarraigaban das súas comunidades; pero evidenciouse que no seo dos mesmos colonizadores había reaccións de repulsa aos malos comportamentos.

ERRO NA ESTRATEXIA POLÍTICA.- Parto de que hai que considerar o disparate de AMLO como unha estratexia para ocultar algo do seu goberno, porque, por suposto, non o concibo como froito da súa inconsciencia da incompetencia persoal, senón máis ben como unha obcecación ocasional que lle impediu advertir que os mexicanos non son parvos, posúen bo nivel cultural e seguramente contan con suficiente información para valorar as argucias políticas do seu Presidente, quen, seguindo a Marx, debería anticiparse cunha autocrítica disuasoria, para a que ten referencias destacadas. Ofrecémoslles algunha delas.

Sendo xefe do Goberno do Distrito Federal, adoitaba convocar todos os días os medios a unha conferencia, porque así tomaba el iniciativas que impedían preguntas comprometidas. Parece que sempre o acompañaba D. José Agustín Ortiz Pinchetti, un político da súa corda. Dicía que había que ser como Lázaro Cárdenas no social e como Benito Juárez no político; pero nas contas públicas do goberno do Distrito Federal parece que non seguía a este, pola escasa claridade, e incluso freou a idea dunha Lei de Transparencia, que abría a calquera cidadán as contas públicas, e cando tivo que aceptala, como fixeron noutros distritos, negouse a dar as oficinas ao novo organismo, e iso que para el o termo DIÑEIRO era inmoralidade.

Tampouco lle facían moita graza as institucións, e non vacilaba en saltarse a lei. Non obstante, nos anos 2.004 e 2.005 tivo que soportar ruidosas querelas legais, das que foi salvándose, declinando a responsabilidade en subordinados. Os inimigos eran os ricos; pero o seu tema central era o da FOBAPROA, operación de rescate bancario.

En xuño de 2.004 houbo unha importante manifestación, polos secuestros e asaltos, á que el se referiu dicindo que eran as dereitas e que incluso era probable que estiveran presentes nela os secuestradores. E, seguindo a costume tan arraigada nos políticos actuais, adoita eludir as críticas afirmando que se trata dun “complot” para desbancalo.

Para AMLO o pobo é a praza pública, e, asegúrense, xa que chegou a soster que a soberanía popular emanaba de Deus, e quen debe interpretala correctamente, é a autoridade elixida, simulando tal convicción que ata exhibiu unha foto propia coa “ Suma Teolóxica” de Santo Tomás.

Pero o que máis vai chamar a atención de moitos cidadáns mexicanos, sen dúbida, é que o seu Presidente apareza fotografado pola insensatez de instar a España e o Vaticano para que pidan perdón por feitos, por el interpretados, hai máis de 500 anos, e, non obstante, esqueza a invasión de México por EE.UU. no 1.846 e 1.847, na que perdeu unha considerable superficie; o asasinato do presidente mexicano Francisco I. Madero e o vicepresidente, así como a ocupación de Veracruz polos marines americanos, e, en 1916, a penetración en territorio mexicano do exército, tamén de EE.UU., na busca de Pancho Vila.

Con respecta a España, só lle faltaba esa invitación a pedir perdón polo lo comportamento, cociñado con sofismas na mente de AMLO, dos colonizadores españois en América, hai uns cinco séculos, para completar a programación teatral destes últimos anos, a cargo da quenda, mergulladores adestrados nos abismos da incoherencia: Algúns políticos son moi afeccionados a crear estruturas de pensamento con elementos e tramas fantásticas, que se empeñan en facernos ver, como se fóramos daltónicos, que son reais.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES