A Ferradura: Que tolemia, que loucura!
Iglesias, Baldomero - martes, 09 de abril de 2019
Di precisa a tradición:
non é a razón que apura
a de comer sen control
para chegar á fartura.
Non é de chegar e encher
nin é un desfalco da usura
que é cousa da calidade
sublime pracer, quentura.
Ben é sabido do mundo
que se a fame quere cura
nada hai tan exquisita
que, do porco, a ferradura.
Comida na boa mesa
na liturxia da cultura,
cerimonia compartida
con pracer, sen amargura.
Dándolle ao dente un alzado
e ao padal unha ventura,
desexo en fames e sedes
que tan dentro se mesturan.
E a xente preguntará
sobre as dixestións futuras
e como axuda un sorriso
a comer cousas tan duras.
Decide con firme voz
que a vitela é moi segura
que é firme, mol, delicada
ao xuntos, dar catadura.
Ben cociñada en amores
sen perder nunca a mornura
con un bico estremecido
que exprese toda a tenrura.
Desfrutando da afección
aquela máis fiel e pura
capaz de acender un sol
no medio da noite escura.
Erguede a copa e brindade
por esta sabia loucura.
Beizóns a todas e todos,
... máis beleza en fermosura!
Ser da orixe e da nación
que este labor nos procura,
competencia de irmos xuntos
alba de gloria na altura.
(Himno da Severísima Orde da Ferradura, da que é presidente Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero, que cada ano se reúne nun xantar no Restaurante Niza de Abadín)

Iglesias, Baldomero
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora