Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 05 de abril de 2019
A vivir, que son dous días

Nubrado, pero coa temperatura apta como para andar en camisa. Non obstante, saín coa cazadora. Porque fun ler pola beira do Barbañica e tiven medo que, nas sombras, a camisa non fose suficiente. O que si aconteceu realmente e que o po dos piñeiros púxoma perdida. A cazadora, se entende. Eu non sei se ás veces me entendedes ben. Aínda que confeso que sería por miña culpa, porque non me sabería explicar. Por iso recalco certas cousas. Coma por exemplo o da cazadora. Imaxino que xa entenderiades que o po me puxera perdida a cazadora, pero... e se pensabades na Pingas de Orballocamisa. O ser humano ás veces é algo complicado; adoita escapar pola extrema. Algunhas veces quere buscarlle non sei cantos pés o gato, cando todos sabemos que este mico doméstico só ten catro. Queremos facernos a vida difícil; e co sinxela que é. Simplemente consiste en tirar para adiante e vivir. Vivir que son dous días. Non lle poñamos atrancos. Se os pomos non queda outra que apartalos, que quitalos. A ver, non é mellor vivir alegres que acovardados, vivir felices que amargados. Co bonito que é subir a un outeiro, poñerse en pelotas e berrar. E berrar coa felicidade aniñando na alma e cun enorme sorriso nos beizos. Berrei e ó chegar á casa limpei a cazadora. E feliz.

O frío e a música

Cambiou o tempo. Si. Vai frío. E vai frío porque baixaron as temperaturas. A ver, xa era hora. Demasiado verán para tan pouco inverno. Vangelis compúxolle o Movemento I para El Greco. Vangelis compuxo moito. E compuxo moi popularmente. Teño as orellas frías. Porque acabo de chegar de fóra e vai frío. Dixen que baixaran as temperaturas? Pois iso. Tamén oín que ata podía nevar. Non me estrañaría. Ten nevado no mes de maio. E estamos empezando abril. Ó tema de Vangelis quédanlle segundos. Dixen que compuña moito? Pois agora, como xa rematou, dámoslle a volta á tortilla e lanzamos ás ondas da miña cociña a Marisol. Mirade se cambiou o asunto, se cambiaron os artistiñas. De Vangelis a Marisol. Aí é nada! Marisol canta “Cabriola”. Teño unha empanada mental... Digo empanada musical. Son coma unha formigoneira na que meto temas musicais e, ale, que se mesturen, que se amasen. Para non aburrir. Se escoito sempre ó mesmo autor teño medo a que me aburra. Así é que... dálle manivela: morea de cancións, mestura de temas. Dun compositor de bandas sonoras a unha rapaza ye-yé. E agora asoma un clásico Joseph Haydn coa “Creación” e baixo a batuta doutro clásico e tamén compositor de bandas sonoras: don Leonard Bernstein. A música amortece o frío.

A inocencia que manca

A escritora coruñesa Beatriz Maceda remata o seu libro “Lúa en Ningures” cos dez Pingas de Orballoprincipios da Declaración dos Dereitos da Infancia, que quedan moi ben como puntos, pero que tal como se viu no desenvolvemento da súa noveliña son unha carallada, unha parvada. Porque os dereitos dos nenos nun campo de refuxiados semellan unha incongruencia. E iso que a autora amosa un mundo infantil cheo de esperanza, pero baixo a realidade dunha inocencia nun mundo moi duro e moi negro. Beatriz Maceda deixa unha literatura infantil que manca, que rabuña nos ósos e na alma. Deixa frases que te funden (nenos facéndolle preguntas ós maiores e os maiores non tendo respostas) e tamén que te emocionan (a solidariedade e a morriña hai que vivilas para comprendelas). Emporiso, Beatriz Maceda tamén sabe debuxar a alegría e a esperanza. É tal marabilla de libro que con el non queda outra que pensar que cunhas simples 126 páxinas gozas tanto ou máis que cun armatoste de 863, que será o que vou ler a continuación. Seguro que non me vai gustar como me gustou “Lúa en Ningures”. Se Beatriz Maceda me gustara xa con “Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán”, coa que acabo de ler xa entra no meu olimpo literario. O horror baixo a ollada dunha nena, ou sexa, da inocencia.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES