Fin do mundo
Xiz, Xulio - miércoles, 19 de diciembre de 2007
O medo dos antigos á fin do mundo mudou por outros medos e outras fins referidos ó remate da etapa vital.
Librei nos sesenta da profecía da fin dos tempos que abraiou esta terra como unha plaga bíblica. Vivín o 23F en Radio Popular, onde o son dos disparos no Congreso taladraba unha e outra vez micrófonos e receptores. E quen pense que esaxero, lembre o terror dos que temeron un novo trintaeseis.
Vivín o terremoto dos noventa, coas nosas casas tremando, e nós abrazados para espantar o medo; a invasión de Kuwait transmitida en directo, coa impresión de que se afundía o mundo desde a distancia; e moito máis perto as explosións dos petroleiros perto da Torre de Hércules.
Fai xa vinte anos do Casón, como lembra Alfonso Blanco. Foi aquela especial ocasión de terror que atenazou ó noso pequeno mundo, con horrísonas explosións nas costas coruñesas e explosións sociais no interior, orixinadas polos desatinos dos gobernantes que coidaron posible sacar o perigo da Coruña e trasladalo por terra vía Nacional VI- a San Cibrao.
Gracias que Alfonso puxo cordura na revolución desatada na esquina guitiricense da Terra Chá onde non houbo mortos de miragre, e só se produciron perdas milmillonarias na factoría de Alúmina Aluminio.
Pequenas fins do mundo que nos van facendo madurar, conseguindo -case sempre son humanas as causas- temer menos a chegada natural do noso particular remate vital.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora