Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (10)

martes, 02 de abril de 2019
.../...

-¡Que alivio, Xulieta, pois hoxe, ¡por fin!, deixei a mesa libre, sen un maldito Informe!

-Agora o calvario é meu, e sen cireneo que me axude, pois o Xefe colleu as del, e arrimáronme un lote de cousas.

-¡Vaia por Deus, e encima, eleccións convocadas!

-¡Iso, iso; e nós iniciándonos en Economía, tanta falta que temos de bos asesores, nos dous partidos!

-Non me preocupa, que ben sabes que nos puxeron no remate das listas. ¿Será porque non se fían de nós, cada un de distinta obediencia, e por engado, macho e femia! ¿Sabes como din do lobo na terra de meu pai, cando ataca á facenda? ¡Hai que casalo!

-¿Para que? –Nun á parte: -¡Este Romeu, sempre cos seus arguméntum adcruménam, que antes prefire dar diñeiro que razoar!

-¡Para que deixe en paz á facenda miúda…, e se dedique á loba!

-¡Non ten graza; iso son bobadas, impropias dun Letrado!

-Menos a ten isto de dous partidos, Conservadores e Liberais, Cánovas e Sagasta, xogando ao “permite”, coma nos bailes da aldea, que se houbese listas abertas daquela escollerían o mellor de cada un; ¡de “partidos” pasarían a enteiros!

-Sempre quedaría o Bloque…

-¿O Bloque? ¡Eses si que son, eses si que están, partidos, quebrados, desbloqueados! O Bloque comezará a ser bloque cando lles veña a liga, o casamento…

-¿O casamento…?

-¡Si, o casamento, ou que é un casamento senón a atracción de dous polos, que así pasa que, canto máis rifados máis amados… Capuletos e Montescos, Montescos e Capuletos!
…

Pasárono ben aquela quincena…, porque estiveron separados! De mañá nos despachos respectivos, e de tarde viaxando por separado para asistir ás reunións de cadanseu partido. ¿Os polos opostos atráense? ¡Si, pero de noite! O seu asombro estaba en que os contrarios só atacaban con lugares comúns, reiterativos, e incluso, por veces, ¡demasiadas veces!, groseiros, con dialéctica murcha.

-Hoxe infiltreime nun mitin da túa xente, e só saben dicir, ¡La tierra para el que la trabaje!

-Xulieta, corazón, ¿cando vas ser imparcial? Se iso din os meus, é por oposición aos teus, que nin ferran nin deixan o banco; seguides acaparando hectáreas sen ter unha política de explotación rendible e sostida.

-Os meus plantan eucaliptos, iso é certo, pero os teus queren alcanzarnos amontoando tixolos…, ¿ou xa te esqueciches deses promotores que tanto te convidaban no Café da Esquina?

-Muller, cala; cala mentres non estudemos Economía, pois, para presumir de que saben dirixir un país aínda que ignoren as teorías do PERT, temos abondo, ¡máis que carneiros aquel caseiro de teu pai…!

Volveron a bicarse, e durmíronse, pero tiveron pesadelos, soñaron que estaban no alto da curva; con tantos arriba, e tan poucos no medio, traizoounos a forza da gravidade…, e caeron no pozo da recensión!
-.-


Esgotados pola súa participación na campaña electoral, amén da súa función, chegaron ao venres daquela semana pouco menos que se vivisen nunha aldea, e participasen nos terróns, ou nas mallas… ¡e logo din que nas cidades vívese de man branca!

-Romeu, ben querido Romeu, ¿quédanche forzas para conducir o Jaguar?

-¡Mira quen vai falar, por non dicir ornear! ¿Tesme por un alfeñique?

-Non, claro que non, que ben sei que en forzas, nas físicas, é no único que nos gañades…, ao chamado sexo débil! Daquela pídoche encarecidamente que me leves mañá á Fonsagrada; mañá, sábado, día de reflexión… Por tres motivos: para que non nos vexan aquí en Lugo falando con alguén, non vaian pensar que seguimos facendo campaña; o segundo é que preciso osíxeno, respirar aires de montaña, como pouco a dous mil sobre do mar; por último…, que como sei que che gusta o botelo, invítote a darnos unha fartada!

Bailando na punta dun fuso (10)Cando pasaron por Castroverde Xulieta abriu a ventá:

-¡Por algo lle chaman verde, entre as humidades e mailo osíxeno…; se aqueles romanos tivesen autos en vez de cabalos, serían capaces de vendelos para mercar trotóns!

Na Vacariza cerrouna:

-¿Que, agora sóbrache? ¡Pois vouche dicir que era aquí onde os meus, os romanos, vacaban, cambiaban de cabalgadura, á vez que engulían un coello asado! Despois viñeron os teus, os suevos, precisamente pola Vía romana adiante, e desde aquí ollaron os prados de Castroverde; como traían vacas, vacas teixas, decidiron asentarse todo por aí abaixo.

-¿Iso fixeron, con Lugo tan cerca…?

-Lugo cheirábano desde aquí…; ¡mira que ben se ve hoxe! Eles vírono envolto en néboas, e coidando que se trataba doutro incendio neroniano, nin se achegaron!

No Cádavo Xulieta preguntoulle polo “toxo queimado”.

-Foi cousa daquel Silo, que despois da súa derrota no Campo da Matanza, e treméndolles aos sobreviventes, queimou a toxeira, pero… resucitou!

-¿A dellada non foi no Monte Cuperio, na fonte de Matahomes, rego dos Ósos, e todo iso?

-Alí alcanzou aos fuxidos, pero seguramente non contaba con que algún ferido curase, e sementase de nomes evocadores aqueles escenarios inmorrentes. ¡Morreron os homes, pero os nomes, non, pois a toponimia é máis lonxeva cós pergamiños, cós becerros!

Chegando á Fonsagrada, Xulieta, xa con folgos de máis osíxeno que nitróxeno, interesouse polo sacrificio de Portela Valladares, subindo á Fonsagrada simplemente por un saco de votos. Romeu, que sabía a Historia, a historia histórica, presumiu dos seus coñecementos:

-Un tío listo aquel Portela, e iso que se criou cuns tíos. Alguén lle dixo que por aquí abundaban os Portelas, ¡e acolleuse á familia! Díxolles que se tiña por oriúndo da Fonsagrada, e que o demostraba co seu apelido, tan abundante nesta contorna. Que, como avogado, sabía dar a quen lle daba, e gañar para os que merecían gañar. Que con el no poder acabaríase o poder daqueles Altamiras do Burón, tan baixos de miras que, por séculos, lles cobraran uns foros inextinguibles, e incluso progresivos. Que o progreso consistía en ter padriños, e que el, nas Cortes de Madrid, nunca se esquecería das cortes da Fonsagrada. Que con el non habería pucheirazos, que xa estaba ben de abusar daquelas olas de barro; que traía sacos, sacos que lle trouxeran de Cuba, dos do azucre, para a limpeza dos votos! Que lles prometía acabar coas guerras de África para que os seus fillos se fixesen gringos en lugar de mortos do Rif. E de sobremesa, sabes que? ¡Convidábaos con viño, pantrigo e queixo, en contraposición ao outro candidato, Montoutiño, que, aínda que era de por aquí, de Montouto, só os convidaba…, con auga!

-Ese, ese politólogo, trunfou, foi capaz de convencelos, co osíxeno que respira a xente destas montañas? ¡Tan osixenados, moi listos deben ser!

-¡Vaia se trunfou: en ouros, en copas, en bastos…; en espadas, non, e iso que as espadas lle estaban liberando o Rif, onde o propio Portela tiña accións, accións mineiras! Foi deputado por este distrito, polo de Fonsagrada, desde 1905 a 1923, todo seguido, dun tirón. Do 31 ao 33 ampliou o radio, saíndo por Lugo, pero no 36 baixouse á súa Bailando na punta dun fuso (10)Pontevedra. ¡Mellor clima…!

-¿Foilles útil? ¡Aos de aquí, quero dicir!

-¡Algo, pero máis, moito máis, lles foi o seu contrincante, aquel derrotado nas furnas, don Cándido, don Cándido Fernández, o de Montouto, pois ese, sendo enxeñeiro en Obras Públicas, enderezoulles esta estrada, co difícil que era! A culpa do seu fracaso na política tívoa seu padriño, pois, a quen se lle ocorre poñerlle ese nome, iso de cándido, a un neno que podía ser Deputado, que merecía selo, e non o foi! Neste país, o de sempre, uns rapan a ovella, e outros cardan a lá.

-¿Sabes que che digo, meu amor, meu Romeu, que ti es máis curativo có propio romeu! ¡Non se pode ser bo médico, e por tanto bo político, sen coñece-las fraquezas do país, e ti vesme demostrando que non só coñeces este país, senón, e tamén, as súas fraquezas! Dabas un excelente Maquíavolo, pero…, os meus non te precisan, e os teus non te queren!

Alí non se deron o bico de regulamento…, porque sería perigoso descoida-lo volante naquelas curvas, e para curvas perigosas chegaba e sobraba coas da estéril Xulieta, pero, e aínda así, tan querida… por veces!
-.-


Como é lóxico, como está mandado, aquel domingo un dos partidos gañou, e o outro perdeu; numericamente, ou o que é igual, quedou para setembro! No fogar dos Montesco-Capuleto, non, que non hai nada mellor que estar a gananciais pois así, tanto as vitorias coma as derrotas son de ambos.

-Nin os teus mereceron ganar, nin os meus perder! –Foi o veredicto dun deles. O outro, facéndolle eco:

-Os que gañaron, perderon, pois agora van experimentar en carne propia as fraquezas que tanto censuraron. E os perdedores van saber o que é quedar para setembro…, por non aplicarse como é debido!

-Vai sendo hora de modificar a Constitución, coa experiencia obtida de certas premisas…; e tamén o piden os indignados, que seica comeza a habelos!

-¡O que vai sendo hora é de volver á escola, ao catecismo, aos xeonllos paternos, e dispoñerse a leva-las azoutas regulamentarias por…, indisciplinados!

-Indisciplina, hóuboa, certo, pero eu engadiría que, pedantería, tamén! ¿Ou non é pedantería presumir de coñecementos sen telos?

-Dese pecado nós, polo menos nós, estamos libres, que por algo tivemos a humildade de matricularnos en Económicas: Economía, para máis producir e menos consumir; Dereito, para facer andar ao dereito a todos aqueles que, en lugar de vivir da suor da súa fronte, optaron por vivir da do de enfronte!
…


-Cariño, ti es un sol, un fisiócrata, un Adam Smith redivivo!

-Pois ten coidado comigo, pois o sol excesivo engurra a quen o recibe, e ti estás guapísima, así, poñéndote á miña sombra!

Bicáronse, e perdoáronse, outra vez; ¿que é un matrimonio senón un rosario de indulxencias? Fixeron promesa de emenda, e durmiron felices. ¿O resto do país? ¡O país mellor iría se houbese máis inconformistas e menos conformistas, vulgo, pasotas!

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES