Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O periódico

sábado, 30 de marzo de 2019
É un tópico, pero é así. Somos lexión os que non somos quen de comezar o día sen lle botar unha ollada "ó periódico" para saber que ten acontecido arredor de nós nas últimas 24 horas.

Sei que, se arestora me está lendo, vai entender plenamente o sentido propio das miñas palabras, pois o que vostede está facendo coa lectura desta columna é verificar empiricamente o que eu estou escribindo. Que parece que nos erguemos cegos se, logo de poñermos o pé fóra da casa, non lle damos unha volta coa mirada ó noso entorno e non nos facemos donos do control.

Par ser máis claros. Seguramente xa viviu a seguinte escena: Poñamos por caso, na habitación dun hotel. Tócalle o espertador e ó erguerse polo lado non acostumado da cama, de súpeto vese mergullado no medio dunha estraña nebulosa. Nada do que debería estar, está, e, coma perdido no espazo, teme dar o seguinte paso por medo a se esnafrar.

É un esaxero, pero é así. Porque así nos sentimos (por máis que cada media hora lle botemos unha ollada ás redes sociais e mesmo á prensa dixital) todos aqueles que precisamos saber que acontece no noso entorno máis achegado denantes de nos poñermos a camiñar.

Velaí onde radica o alicerce fundamental da denominada prensa local, esa sorte de xornalismo que nunca desaparecerá por máis que evolucionen cara lugares ignotos os medios de comunicación xerais e as ferramentas que eles precisan para nos informaren.

Pero, para que iso exista, para que nós, os cidadáns tomemos conciencia diaria de cara onde camiñamos de forma colectiva e, de tal xeito, sexamos quen de nos organizarmos mellor como tribo que procura cada mañá o camiño correcto, é preciso que existan órganos difusores senlleiros que, coma unha tea de araña imperceptible pero inquebrantable, nos ensarilla a todos en comunidade.

E para que existan eses órganos difusores, resulta imprescindible que existan tamén persoas capaces de ver o camiño máis alá da corga. Capaces de faceren transparentes os horizontes e veren que pasos darmos para acadarmos o futuro nas mellores condicións de éxito.

Velaí onde radicou a condición principal de José Luís Outeiriño: En saber adiantarse ós retos da comunicación local e ser quen de subir os chanzos, aínda que fosen de dous en dous e por moi pinos que estivesen, para erguer no alto a bandeira do "Periódico". Do seu -do noso- Periódico. Porque, por máis que a cabeceira sexa a que é, cando os ourensáns dicimos o "Periódico", non nos estamos referindo a un periódico calquera, senón a este que vostede ten na man e que nos amosa cada mañá cara onde vai o mundo noso. É dicir, o que nos rodea no ámbito sentimental.

Como adoitaban exhortar os irmáns de Nós -que tantas páxinas enriqueceron no “Periódico”-, que a terra lle sexa leve José Luís! E que saiba que os ourensáns estarémoslle sempre agradecidos por ternos fornecido desta ferramenta que, como acabo de escribir, amósanos cal é o camiño da tribo cada mañá.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES