Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Literatura mulata

sábado, 06 de abril de 2019
Antonio Tizón ten afirmado en máis dunha ocasión que o seu non é a novela negra, senón a literatura mulata. E non lle falta razón, pois se un repasa títulos como A antesala luminosa (2015) decátase rapidamente de que, a carón das claves propias do noir, nesta literatura mestiza comparecen outras que vinculan a súa narrativa con escritas de moi diverso xorne.

Nesta mesma liña sitúase Un home estraño, a máis recente entrega novelística do escritor de Aranga, quen recupera para este relato o policía Xosé Sánchez Pereiro, protagonista tamén da súa anterior obra.

Un home estraño é a historia da pescuda dun crime, mais tamén a crónica dunha relación amorosa que acaba por confluír coa trama investigadora principal. O inspector Sánchez Pereiro é o encargado de desentrañar as razóns e os culpables do asasinato do arquitecto do Concello da Coruña Manuel Ferro Figueira. No curso das súas procuras terá que se enfrontar ás presións mafiosas de altos empresarios e padecer as corrupcións máis salvaxes, das que tentará evadirse regándose de whisky ás mancheas e sexo prostibulario, como cómpre en todo canalla que queira responder verosimilmente ao arquetipo de tipo duro deste tipo de textos.

A acción transcorre, amais, nun tempo decisivo para a sociedade española: o ano 1980, en plena Transición, coa ETA causando máis mortos que nunca, os militares ameazando cun inminente golpe de Estado e os prolegómenos do noso Estatuto de Autonomía a cociñarse. É nese escenario no que se desenvolve a novela, que é a un tempo a aventura da resolución dunha intriga e un retrato epocal dun momento transcendente da Historia de España.

A estas fías argumentais améceselles a historia de amor entre a xornalista Ledicia Muruzábal e unha sorte de vagabundo bohemio que exerce sobre dela un poder hipnótico, como se se tratase dunha sorte de novo mesías.

Entre os dous polos —o da investigación policial e o da trama amorosa— bascula Un home estraño, que ten nos seus diálogos e nas páxinas dedicadas á descrición dos ambientes amorais dunha España corrupta algúns dos seus mellores treitos.

Porque Tizón manexa os tempos narrativos con solvencia, sérvese dos anos de oficio na escrita para caracterizar personaxes e situacións e resulta de lectura amena na intriga que é quen de tecer arredor do desvelamento dos resortes ocultos do Poder. Isto, claro está, na primeira parte da obra, a que constitúe a novela propiamente, porque o libro engade un segundo bloque, moi amplo, que se presenta como un “Apéndice” e que recolle o labor poético dese enigmático personaxe bohemio e vagabundo.

Se a historia principal resulta plausible e atractiva, a cauda lírica é máis opinable, pois ao retrato deste músico de rúa abóndalle co que del se sabe na primeira parte e a compilación das letras das súas cancións e os seus textos poéticos pouco achegan á súa caracterización, alén da discutible calidade estética de tales letras.

Un home estraño confirma a Tizón como un asiduo cultivador da narrativa do social a través dos ollos dos sucesos criminais que sangran internamente as nosas cidades, as nosas comunidades, o noso día a día. Por iso, ler estas páxinas é tamén un convite para reflexionar sobre a sociedade que entre todos construímos, coas súas grandezas, si, mais tamén coas súas infindas miserias que fariamos ben en tentar corrixir.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES