Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poesía canalla

martes, 02 de abril de 2019
Os últimos poemarios infantís dados a coñecer por Fran Alonso confírmano como unha das voces máis modernas e renovadoras neste ámbito. Libros como O meu gato é un poeta (2011) ou Poemas birollos para ler cos ollos (2016) avanzan nunha liña converxente, que ten como norte a mestizaxe da retórica tradicional coas novas fórmulas líricas, proveñan estas do ludismo literario e os xogos verbais ou da poesía visual combinada coa oralidade, un vieiro de experimentación ao que tamén se suman recentes títulos seus de literatura institucionalizada como Poétic@ (2015), libro dixital pioneiro entre nós no eido de poesía electrónica e transmedia.

Nunha dirección parella discorren os Street Poems que agora vén luz, visopoética que ancora por igual na arte da palabra e o poder da imaxe, conxugando nas súas planas o lirismo verbal e o fondo fotográfico para facer camiñar da man versos e iconas da street art.

Deste xeito, polas páxinas do libro circulan composicións poéticas que basculan entre o reflexivo e o evocador, o ético-filosófico e o alegórico, mais sempre co trasfondo da crítica e o compromiso social como ingrediente básico, revestindo toda a escrita dun minio inconformista e contestatario, rebelde e combativo, que non oculta a súa aposta a prol do ecolóxico, o solidario, a equidade de xénero, a igualación social, a defensa dos migrantes e a non discriminación de tipo ningún.

Tan vasto territorio poético concrétase en moldura diversa, que logo adquire a forma de poema flyer como se volve poema parateatral, o mesmo camaleoniza en versos graffiti que metamorfosea en poema slogan, decote, iso si, punxente no ferrete, aceirado na mensaxe denunciatoria ata o punto de rozar, en ocasións, o puro ludibrio da poesía máis canalla.

Polo demais, nestes textos hai tamén espazo para as homenaxes aos grandes do graffiti e toda street art, pero tamén para os nosos Pero Meogo ou Rosalía de Castro, facendo confluír tradicións e ecos que se amalgaman e espellan a orixe diversa das imaxes ás que acompañan, pois cada composición se configura como unha sorte de glosa a partir da fotografía coa que dialoga, sexa esta un simple tag, unha peza ou un mural nunha parede solitaria, no lateral de todo un edificio, nun vagón de tren ou no tronco dunha árbore.

As modulacións verbais destes Street Poems acusan todo tipo de xogos de palabras, dende os anagramas ata os poemas múltiples, e espremen os recursos gráficos para crear caligramas de novo selo, poemas bd ou versos pintada, abundando tamén os poemas propiamente visuais.

Undergrounds, insubmisos e desafiantes, estes Street Poems son textos de intervención que nos lembran que “a poesía é a tensión clandestina/ dun graffiti que irradia verdades”. Porque o escritor sabe que “as palabras poden disparar flores/ para rebentar o corazón das inxustizas” e por iso proclama “son libre porque leo, porque sei, porque coñezo./ Porque penso./ A palabra é a chave da liberdade”.

Lectura que non deixará indiferente, que moito ben ha facer ás mozas e mozos -tamén aos adultos- que a ela se acheguen e se deixen abanar pola forza gamberra da súas palabras, pola amplitude da súa ollada creativa e a íntima conexión que nela se dá entre imaxe e verba. Street poems de Fran Alonso ou como “a poesía é unha avelaíña/ á procura da luz da vida”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES