Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Terras da Barcala

sábado, 30 de marzo de 2019
En ocasións o labor do crítico consiste, antes nada e sobre todo, en dar noticia da existencia dun libro. Logo, xaora, procede sinalar os seus puntos fortes, anotar as súas zonas escorregadizas, mesmo, se se é ousado, propoñer solucións alternativas, facer balance comparativo con outros textos, contextualizar a achega. Mais insisto en que, de primeiras, o propio feito de ocupar un espazo xornalístico falando dun libro en concreto e non de moitos outros posibles xa é, de por si, un acto crítico, unha escolla, unha aposta, se se quere, unha adición de valor para a visibilización e consideración desa obra.

Consciente de todo o anterior, desta vez quero ocuparme de Xente e terra de Barcala. Letras da mocidade, un volume coordinado por catro profesores do IES Xulián Magariños de Negreira (a saber: Nuria Araúxo García, María Blanco Crespo, Xosé Amancio Liñares Giraut e mais María Rey Rey) que reúne textos elaborados por máis de medio cento de bachareis dese centro educativo que ilustran, por súa vez, unha vintena de exalumnos do mesmo.

O groso da obra está formado por pequenos ensaios descritivos nos que se presenta a realidade das trinta e tres parroquias barcalesas que compoñen os concellos de Negreira e A Baña. Nestes artigos breves dáse razón de toda clase de cuestións relativas á toponimia, demografía, xeografía, fauna, flora, economía, agricultura, gandería, prehistoria, historia, arte, literatura de tradición oral e mesmo antropoloxía de cada núcleo parroquial, o que conforma un mosaico expositivo ben completo destas entidades de poboación.

Evidentemente, un libro destas características, ten un interese principalísimo para os barcaleses e veciñanza da contorna, secundariamente tamén para os estudosos de diversas disciplinas, mais é probable que non alcance os niveis de popularidade doutro tipo de obras.

Mais alén da súa audiencia potencial, para min o seu alto valor reside no espírito que o animou, na razón que o deu á luz e, sobre todo, no meritorio esforzo das súas autoras e autores.

Cómpre non perder de vista que estamos a falar de escolares de ensinanzas medias, mozas e mozos de dezaseis, dezasete anos, que traballaron arreo na procura de informacións contrastadas e rigorosas sobre as súas parroquias, que procuraron eses datos en arquivos, bibliotecas, hemerotecas e outras fontes documentais, tamén no rico tesouro oral dos patrucios do lugar. Todo ese vizoso caudal informativo é o que enriquece esta obra, que é digna de moi positiva consideración xustamente porque quen a dá á luz é un grupo de estudantes con talento que queren demostrar co seu traballo non só o bo quefacer que poden alcanzar os discentes cando están ben titorados, senón tamén o san orgullo polas súas terras de nacenza, pola súas raíces históricas, patrimoniais, paisaxísticas, culturais e idiomáticas.

Así o entenderon tamén os alcaldes de Negreira e A Baña, que se sumaron á iniciativa e escribiron presentacións para o libro, mais tamén a Fundación Feiraco-CLUN, a Asociación de Empresarios Ene de Negreira, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Asociación Cultural Afonso Eanes, a ANPA A Barcalesa do IES Xulián Magariños e o seu Departamento de Dinamización Lingüística, colectivos, institucións e entidades que axudaron, de diversas maneiras, a que este libro se materializase e que merecen, polo mesmo, tamén beizón.

Para todas as persoas que desexen coñecer en profundidade as admirables terras da Barcala, berce de Eanes do Cotón, de Xulián Magariños, de Avelino Pousa Antelo e doutros, e, tamén si, para os que queiran comprobar ata que punto as xeracións novas son capaces do mellor, con querenza polo seu e vontade para espellalo, este Xente e terra de Barcala. Letras de mocidade que publica o IES Xulián Magariños ha ser unha moi grata descuberta. Así o foi para min. Así o quixen deixar por escrito aquí.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES