Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A expansión de Vilalba no século XIX: Cando organizou unha feira entre o San Froilán e as San Lucas

viernes, 05 de abril de 2019
Recordamos o pasado venres en Galicia Digital as indagacións de don Antonio Peña sobre a necesidade sentida en 1865 de agrandar os espazos da feira en Vilalba. Pensouse que os todos os terreos que rodeaban a torre da homenaxe do castelo serían apropiados para feirear e beneficiosos para o urbanismo por xuntar ao seu redor as tres prazas: o campo Castelo, hoxe praza Suso Gayoso; a Maior, hoxe de Santa María e a do Pan, hoxe do coronel Pena. Esta idea, xa se sabe, non chegou a realizarse. O atento lector pensará que foi cousa de cacicada e poida que teña razón, pero, de ser así, hoxe non constan probas.

Pasados dous anos, en 1867, a Corporación Municipal protesta con desagrado diante do comunicado do Goberno Civil manifestando que o arquitecto provincial desaconsellaba os terreos escollidos e que para campo da feira eran preferibles os que daban por tras da casa Consistorial, é dicir, na Chouzana. Alcalde, concelleiros e principais contribuíntes ratifícanse na decisión anterior e argumentan que xa o gando ocupaba o campo Castelo, que só se expropiarían terras e unha casa mal conservada, que se contaría co resultante de vender a pedra da muralla, que se podería abrir unha rúa de entre a praza Maior e a estrada de Ferrol-Rábade e que nas beiras desta última había estenderse a vila cando se erguesen novas casas. Engadíase que A Chouzana estaba máis exposta aos temporais, que se interrompía un camiño público, que alí cumpriría facer escaleiras e un muro de sostén de terreos e que os socalcos poñerían en perigo de caída a persoas e animais. Tamén que sería máis caro.

Non houbo acordo e o asunto parou doce anos. En 1879 o daquela alcalde, Pascual García López, deu conta que recibiu o proxecto elaborado polo arquitecto provincial Nemesio Cobreros para o tan necesario campo da feira do gando na Chouzana ‘limítrofe con esta vila’. O cambio de emprazamento estaba consumado.

Para as obras xa se reservaran 7.000 pesetas e habíanselle achegar máis cartos en orzamentos sucesivos por necesitarse para expropiar terras, facer explanacións e construír muros. Polos planos pagáronse 700 pesetas ao arquitecto e en xuño de 1880 empezou o achaiado dos terreos. A obra acabou a finais dese ano e no mes de xaneiro de 1881 xa se acordou pagar o seu custe: 12.280,53 pesetas. Para sacar partido aos novos espazos acordouse celebrar unha feira anual de gando de tres días de duración, entre o san Froilán e as san Lucas que eran as referentes da provincia.

Compra das árbores.
Coa finalidade de dar sombra ao campo da Chouzana compráronse en Monforte plátanos e chopos negros que se plantaron con protección para non sufrir deterioro. O importe das cen árbores, dos portes e de plantalas foi de 362 pesetas. Con estes cartos, aquel ano, poderían comprarse 29 pares de capóns, 40 fanegas (2.240 kg) de centeo ou 120 quintais (6.900 kg) de patacas.

Como os fondos municipais eran necesarios pero escasos decidiuse vender os terreos onde ata daquela se viña celebrando a feira do gando.

A vida diaria transcorría conforme os tempos. Para abrir a estación de telégrafo, inaugurada dentro da liña de Ourense a Mondoñedo, o Concello tivo que aportar local e moblaxe, incluído un reloxo de parede comprado a don Nicolás Mato por 67 pesetas e dúas estufas que se encargaron á Coruña. Era músico maior da banda don Lorenzo A expansión de Vilalba no século XIX: Cando organizou unha feira entre o San Froilán e as San LucasCascudo a quen se lle pagaron 140 pesetas polas festas amenizadas en 1880. Continuaban celebrándose feiras no Barrazoso (Gaibor, Begonte, lindando con Fontefría-Xoibán-Vilalba), na Feiranova (Santaballa) e en Árbol. Escolléronse compromisarios para elixir senadores. As quintas ocupaban recursos do Concello e alistábanse mozos para os exércitos de Ultramar. Os impostos, feitos por repartimentos segundo a fortuna do cabeza de familia, eran obxecto de discrepancias. O perito repartidor de contribucións, Caetano Ramos, de Santaballa, renunciou ao cargo porque xa levaba cinco anos nesa función. En Trastoi, no vilar do Castro, o veciño Benito Ramudo puxo unha cancela que atrancaba o paso dos veciños para a fonte...

Novo alcalde: Antonio Gesto Vila
En sesión do 1 de xullo de 1881 tomou posesión como novo alcalde Antonio Gesto Vila. Consta transcrito fielmente o discurso de despedida do rexedor saínte, Pascual García, enumerando os logros do seu mandato no bienio anterior. Amoblouse con certa dignidade a casa Consistorial, pagáronse débitos habidos, concluíuse a estrada de Baamonde que custou á provincia más de 375.000 pesetas; quedaba listo o novo campo da feira; recompúxose o campo Castelo, a Porta de Cima e a costa da Roxeira; refixéronse as pontes da Madalena en Mourence, de Meire en Belesar e os da Fervenza e Murelos en Corvelle e 1.159 pesetas custou o novo firme da praza do Pan e da ronda do Castelo, hoxe rúa Alférez López. Engadiu que se estaba tramitando o ensanche da ronda do Castelo e o novo camiño ao cemiterio (os Castros). Finalmente mostrou o seu apoio ao novo alcalde e aos novos concelleiros porque ‘son ilustrados e prudentes, non coma outros que están mal inspirados e peor aconsellados’. Rematou cun viva a Alfonso XII!

Inauguración da feira na Chouzana: 14 de outubro de 1881
Os días 14, 15 e 16 de outubro de 1881 inauguráronse o campo da feira na Chouzana celebrando a feira anual. Para dar solemnidade e atraer xentes acordárase premiar en metálico os mellores exemplares de gando establecendo categorías para cabalos, eguas, mulas, machos, poldros, poldras, bois, vacas, xatos, xatas, cochos, carneiros e cabras. O xurado encargado do ditame dos animais presentados estaría aconsellado por albeite ou práctico no asunto e o gando A expansión de Vilalba no século XIX: Cando organizou unha feira entre o San Froilán e as San Lucaspremiado procuraría quedar exposto ao público no tempo da feira.

Acompañando a celebración houbo música, bombas e foguetes. As contas dos gastos da inauguración supuxeron 529,50 pesetas.

Trasladada a feira, abertas as estradas, reconstruídas algunhas pontes, Vilalba foi medrando. Sobre a vida diaria, as novas casas e o goberno municipal de fins do século XIX escribiremos outro día coa imprescindible axuda dos papeis de don Antonio Peña.

Para o campo da feira na Chouzana houbo que expropiar terreos. Os propietarios afectados e as cantidades foron as seguintes:
- Herdeiros de Ramón Portas, de Lugo, 909 pesetas.
- Francisco Apenela, de Vilalba, 1.208,54 pesetas.
- Antonia Freire, de Vilalba, 1.094 pesetas.
- Vicente González, de Senra, 425,58 pesetas.
- Mª Pilar Arias, de Vigo, 3.000 pesetas.
- Total: 6.637,12 pesetas

Os custes documentado do campo da feira na Chouzana, incluídos os da inauguración, foron 20.148,50 pesetas. Para aforrar eses cartos, sen outro gasto, un escribinte do concello ou un obreiro que gañase 1,5 pesetas diarias necesitarían traballar uns 44 anos.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES