Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O narcisismo político

viernes, 29 de marzo de 2019
Se queremos constatar o narcisismo na política hai que intentar facer algo elemental: cotexar o que din os políticos co que fan, e sorprendelos na linguaxe mímica cando escoitan. Aquí revelan o máis esencial e abren as portas ao narcisismo, unha actitude moito máis frecuente do que pensamos, non pouco perigosa, porque eles non se ven de cara a realidade, senón coa deformación que lles reflicte o espello que eles mesmos elixiron, e se este está construído con ínfulas universitarias, non hai que excluír que intenten axustar a realidade (neste caso a socio–política) a unha perfección ideolóxica. Vaian deducindo o por que o digo.

Neste arroubo narcisista, descoidan a coherencia nas exposicións, sementan contradicións sen reparos, e non son raros os casos das purgas da madurez, para que as novas xeracións avalen e acaden, sen reparos, os obxectivos dos seus coetáneos no poder, aínda que a falta de experiencia os manteña inmaturos, impulsándoos á ilusión dun progreso prometido a todo bombo, aplicando ideas fracasadas de políticos xa da primeira metade do século pasado. É o que podíamos chamar con bastante pedantería, se nos desculpan o termo, PROGRESISMO XERONTOSO, que decepciona incluso a quen o mantivo con entusiasmo no século XX.

Vallan algúns exemplos, como a caída do imperio soviético, o feito de que China na actualidade sexa a estela ascendente da economía de mercado (por algo hai que empezar a rectificar) e as crises desencadeadas pola voracidade neocapitalista (e non é só o sistema en si, senón tamén A POSIBILIDADE DE QUE FUNCIONE NAS MANS DO HOME). Consideremos a situación de Venezuela, a nación coas maiores reservas de petróleo do mundo, cun réxime que nacionalizou unhas 1.400 empresas e concedeu subsidios nas ventas de petróleo a Cuba nos peores momentos desta, con persoas buscando comida no lixo, con serias dificultades sanitarias, un salario medio mensual de menos de 10 dólares, e un 70% da poboación dependendo das bolsas CLAP (=Comité Local de Abastecemento e Produción) de alimento, distribuídas segundo un sistema de tarxetas, que conteñen pequenas porcións de arroz, leite en po e atún enlatado, cun Presidente Maduro que recomendou, como solución,… criar conexos!!.

Todo isto nun país rico polos recursos naturais que ten, que o líder das vítimas da crise en España parece admirar e aínda se atreve a escribir na revista inglesa New Left Review que había que facer as cousas en dirección a Centroamérica e absorber a obra do filósofo Ernesto Laclau, o principal teórico do populismo latinoamericano. Para el, O FUTURO DE ESPAÑA E EUROPA ESTÁ NA REVOLUCIÓN BOLIVARIANA. Pero digamos algo acerca de E. Laclau.

Referímonos a un filósofo, un teórico político e escritor arxentino contemporáneo, que está vinculado a Louis Althusser e Antonio Gramsci e acadou o grao de doutor na Universidade de Oxford. Publicou “Hegemonía e estratexia socialista”, con Chantal Mouffe e “La Razón populista”. Considera o populismo máis ben como unha forma da política que como un contido ideolóxico da mesma, e afirma algo que parece indiscutible: Non pensa que vaiamos cara a unha sociedade de pensamento único. (Por suposto que non: O pensamento único nas sociedades non é emerxente, senón imposto ditatorialmente).

Pensamos modestamente que este intelectual non carece de ideas razoables e sensatas, como, por exemplo, cando expón que se os cidadáns fan unha demanda ás autoridades competentes para que lles teñan en conta servizos, evidentemente necesarios, e se non a atende, acaban organizándose en un grupo antisistema, obrigados a buscar solucións fora das institucións. Creo que aquí en España poderíamos encontrar exemplos. Incluso nalgunha colaboración apuntábamos que o mal funcionamento das institucións adoita levar consigo consecuencias non desexables.

Xorde a pregunta: É nesta dirección na que o noso líder do 15 M quere levar ó pobo español, trazándoa – se chega ao poder – co bolígrafo e o pensamento de Laclau?. Dubidámolo, porque o uso da súa formación universitaria non está excluída da crítica do escritor mexicano, D. Gabriel Zaid, contida no libro titulado “De los libros al poder”, quen estudou durante varios anos como a universidade outorga credenciais ao saber para escalar a pirámide do poder; ás veces, pacificamente, e outras, non tanto: A guerrilla en Centroamérica encabezárona profesores e estudantes, non foi campesiña, nin de obreiros , nin popular.

Non hai que excluír tampouco que o Presidente, Sr. Sánchez, se ten que incorporar ao Sr. Iglesias a un futuro goberno, acabe contaxiándose nese mesmo pensamento político, debido a súa versatilidade persoal e ó apego a Moncloa, e non vacilaría en ofrecernos unha visión sectaria da realidade sociolóxica, con atrevidas promesas chamadas a un fracaso que ocultaría, escusándose, como xa se fixo habitual, no herdo de goberno anterior, que tamén deixou algo que contar; pero isto foi coñecido e tamén oportunamente criticado, e estaba, non obstante, lonxe da solución venezolana, aínda que indirectamente deixara canles abertas que outros están ao axexo de aproveitar para canalizar as súas aberracións políticas.

En todo caso, ambos teñen algo en común: En vez de representar a un populismo reivindicativo – dunha existencia máis que xustificada –, intentan darlle unha configuración ideolóxica propia da anada deles; así se explica que moitos, constatándoo, procuran manterse desvinculados de tales liderados. Pero tamén no abano da dereita, as loitas solapadas por delimitar os respectivos espazos electorais, que o devastador polipartidismo converteu en case virtuais pola viciosa concorrencia, están causando un verdadeiro atordamento nos líderes, impulsándoos a embarullar os mitins con arrebatos de críticas non sempre apropiadas para manter os apoios, sen contar a bazofia dialéctica que desencadeou a proposta das armas, pensada cunha certa nostalxia dun pasado seguro. Era o que nos faltaba escoitar os españois como aperitivo das lindezas do vicario Sr. Torras!!.

Pero volvamos ao filósofo Laclau. El non descarta que esa xa manida e sofisticada división entre dereitas e esquerdas, poda chegar a ser substituída por outras con máis adecuación aos tempos actuais. E polo tanto, zumega incompetencia a xenreira, da que adoitan ser vítimas algúns políticos cando pretenden apoiar os seus argumentos nun extremo ou noutro para xustificar solucións que hoxe en día teñen unha saída de indiscutible consecución científica, e non son patrimonio en exclusiva nin da esquerda nin da dereita. Dependen da visión intelixente e contextual dos xestores políticos.

En todo caso, con narcisismo ou sen el, os cidadáns españois temos moi difícil acertar nas votacións, porque todos os que aspiran a ocupar no futuro a Presidencia do Goberno non parecen capaces de fundamentar as respectivas propostas, e perden o tempo criticando ao adversario, diluíndo o contido das mensaxes para diferenciarse no indiferenciable, cunha calculada imprecisión, como recurso para que soe e non incite a unha crítica que os prexudique nas eleccións, aínda que non parece que o estean acadando: Seguimos carecendo de programacións fundamentadas e articuladas no marco contextual e cun respaldo económico que as faga racionalmente realizables..

Pero non esquezamos tampouco a peculiaridade dos que se presentan ao Parlamento español para atacar a unidade de España con actitudes propias dun nacionalismo narcisista, e no mellor dos supostos, descaradamente cínicas, cando non o fan dando renda solta a un comportamento de baixa ralea, cunha rebuscada epifanía na que se desvela un provocativo destempero.

A estes parece que lles sería de aplicación o proverbio chino, que fai alusión ás actitudes teimosas, e di así: “O sabio pode sentarse nun formigueiro; pero só o necio queda sentado nel”. Resulta, pois, curioso observar que lixen unha intelixencia, que non lles negamos, coa permanencia na necidade, e, nalgúns casos, baixo a dirección dun trapalleiro cismático !!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES