Opinión en Galicia
O zoqueiro
Otero Canto, Xosé - sábado, 30 de marzo de 2019
Zoqueiro dos amenceres
e do solpor que se estrea
cos toros de bidueiro
fas zocas de lúa chea.
Tes o ripeiro furado
e as mans encalecidas,
nelas está a medida,
nelas está o teu fado.
Faime as zocas de contado.
Devástaas coa ancha aixola,
co trade faille a chabola,
coa gubia márcalle a boca
e a legra que reboca
a cunca e o baleirado.
Zoqueiro dos amenceres
e do solpor que se estrea,
en toros de ameneiro
farás zocas a moreas.
Faime unhas zocas novas,
que as miñas xa fenderon,
e ponlle boas chatolas
para que non veñan lampas
e poidan tripar a lama,
e poidan tripar o esterco,
e aínda tripen a neve,
e todo o que non vexo.
Que dean boa fogaxe
como as plumiñas de merlo
e que non entre a friaxe,
e que non se sinta o inverno.
Faime unhas zocas garridas,
lixeiras e churrusqueiras,
que non fendan na barriga
aínda que lles dea a raxeira.
Pásalles trapo e cera,
afúmaas coa abidueira
que a casca da primavera
fai moita máis fumeira.

Faime as zocas de contado.
Devástaas coa ancha aixola,
coa gubia máncalle a boca,
co trade faille a chabola
e a legra que reboca
a cunca e o baleirado;
logo o cepillo retoca,
acaba cun bo lixado,
rematando a túa obra
co buril e o seu raiado.
Zoqueiro dos amenceres
e do solpor que se estrea,
dos toros de bidueiro
faime as zocas coma peras.
(Poema leído polo autor o 23 de marzo de 2019, na inauguración do Museo das Zocas de Muimenta, Cospeito, Lugo).

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora