Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 22 de marzo de 2019
: A color da soidade

Quere chover sobre a conciencia dunha folla seca, pero é o sol o que asoma por entre unhas enxivas vermellas. Cantas veces desexamos o que non podemos ter! Canto silencio hai nun pensamento que vai e vén polos carrís, polas relleiras dunha memoria chea de retranca ou de desolación. Sempre temos un lado escuro no máis profundo da alma ou unha estrela que brilla debaixo dunha almofada. Como se ve, hai para dar e tomar. Adoitamos lanzar sorrisos ó vento cando nos negamos a ver bágoas nunha soidade branca. É complicado saber de que color é a soidade. Para a gran maioría Pingas de Orballoquizais sexa negra. Porque hai poucos que busquen a soidade eterna. Si, ás veces buscamos eses momentos de señardade nos que o silencio se deita sobre a mente dunha aflición, dun deleite. Pero son tan só momentos, instantes, ocasións. Quizais a soidade sexa incolora. Quizais. Pero máis dunha vez queremos trotar por entre os campos verdes dunha ilusión que foi, que é e que quizais sexa. Aínda que o amarelo dun soño se bote fóra do arco da vella para chamar a atención, para presumir dunha primavera en pleno inverno. Sempre haberá colores que canten un kirieleisón pola esencia dunha ansiedade que temos metida no corazón.

Estercando con metáforas

Teño medo de que a color duns lazos inflúa sobre os negros pensamentos dunhas almas en pena que van e veñen polos carreiros da súa razón. Teñen razón? Quen ten razón? Quen máis quen menos chouta dunha verdade a unha mentira ou dunha falsidade a unha autenticidade. É moi difícil facer os regos dereitos e manter os sucos limpos. Nesta nosa vida, para saber arar ben, cómpre unha boa xugada de vacas. Pero agora xa nin hai un par delas para arar as leiras da felicidade. Teño medo de que alguén non entenda as ideas que intento sementar para, algún día, poder recoller o froito dunha benaventuranza que é moi difícil acadar. Non obstante, eu seguirei estercando con palabras, sorrisos, versos, estrofas, contos e metáforas, porque sei que hai seres intelixentes incluso máis alá das estrelas. Despois, xa, cada quen que semente e que recolla coa súa conciencia, co seu sentido ás costas. Se se pensa un pouco, non é tan difícil optar ou actuar por aquilo que, ás leguas, vemos que está ben. Claro que, xa sei que moitos escollemos, eliximos o que nos convén. Total, a vida son dous días. E os lazos podemos pintalos coa color que nos dea a gana; desde un azul clariño ata un gris escuro, ou un negro turbio. Cantas veces a negrura se deita sobre o colchón do noso espírito!

A culpa é do medio ambiente

O outro día os rapaces botáronse á rúa para defender o medio ambiente. Por fin alguén semella que se toma o asunto en serio. E os labregos andan co medio ambiente a voltas durante todos os días do ano. Nesta época moito máis. Labran terras e botan sementes. Certo que os estercos e algunhas substancias fitosanitarias... pero tamén é verdade que sen estas non hai produtos, polo menos como nós os queremos. Non sei se o medio ambiente inflúe nas moas da xente. Teño unha que me trae a mal traer, que me trae Pingas de Orballoadoecido, rabioso e sen ganas de lerias. Ó mellor é por culpa do aire que respiramos... ou polo tabaco que fumei de mozo. Afectaralle ó medio ambiente a destilería duns cubatas que “destilaron”, á conta dos pombos, 37 traballadores baixa a batuta do Igape, o Instituto Galego de Promoción Económica. O de económica está ben: pagáronse con diñeiro público. Seguro que haberá delitos sobre o medio ambiente entre os 14.300 casos sen resolver que os xulgados de Ourense acumularon no 2018. Como para meterse en zarangalladas, en refregas, en leas. O medio ambiente, por unhas e outras cousas, está ferido de morte. E coma calquera animal ferido intenta defenderse antes de que o seu apagado e lento latexo remate co derradeiro suspiro.

Días Grises

Somos moi partidarios de tirar a pedra e esconder a man. Ou de estirar o brazo e lanzar a pedra. Somos moi partidarios de soltalas ás agachadas. As sentenzas, digo. Despois axiña lavamos as conciencias. Hai uns cantos que optan por meterche un día gris na cabeza, nas entrañas, nas asaduras. Moitas veces, sen arte nin parte, lánzanche un asunto, unha opción, unha alternativa tan confiadamente que pensan que ti estás para iso, para seguir o ritmo do seu falso sorriso. Non lles importa se ti podes ou non podes. Simplemente mandan. Ás veces mandan imposibles. Que te angustian. Que te cabrean. Que che debuxan un día gris sobre a túa existencia, sobre o teu intelecto. Custa darlle a volta á tortilla. Pero hai que darlla; aínda que non saibamos tirar a pedra e esconder a man. Ninguén ten dereito a asoballar na intelixencia de cada un. E non digo xa nada se o intentan facer con xactancia ou vaidade. Que o intentan, e moitas veces. Meten sen pestanexar días grises na bésta e lanzan a frecha para que se che espete, se fai falta, no centro mesmo do corazón. Son xente sen alma, inoperantes, ineptos, que entornan as súas ignorancias nos humildes e traballadores, nos bos e modestos. Regalan días grises á mantenta, á esgalla, a máis non poder.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES