Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A descuberta do pintor Yebra de Ares

sábado, 23 de marzo de 2019
A pintura de Antonio Benito Yebra de Ares (Monterroso, 1926-Lugo 2012), foi para min unha excelente descuberta, na exposición que o Instituto de Estudos Ulloáns ten na súa sede de Monterroso. Onde se presentan varios cadros, cunha sección importante do cartelismo que el teceu sobre variados temas, como pinceis, paleta e outros instrumentos de uso pictórico. Na exposición hai un interesante catálogo que analiza pormenores da súa obra, organizado pola profesora e escritora, María José Gómez Alvite, secretaria do sinalado Instituto. Toda unha investigación rigorosa sobre este pintor tan localista e, a vez, tan universal que desde o seu Monterroso natal percibiu un mundo habitado por certos seres maltratados que os erixiu nos seus cadros como referencia humanista a estar atentos a eles e liberalos de tantas ofensas, inmoralidades e marxinacións que recaeron sobre eles.

Hai cadros entrañábeis, que codifican e inculcan humanismo. Vivencias da Galiza profunda, ou afondada no pozo negro das incomprensións que Yebra de Ares recolleu e denunciou, con clarividencia na imaxe e na metáfora, dese longo vitimario que el contemplou desde o seu Monterroso nativo. Nesta exposición están esas pinceladas de denuncia e de reflexión, sobre a sociedade galega tan accidentada en desmesuradas desconxunturas que a sociedade galega soportou. Mais hai un cadro que prioriza unha atención moi especial, como é a problemática e a marxinación das mulleres, que leva por título: “Pai e filla”, datado en 1988. Admirábel a súa composición, en todo o que asocia a súa estrutura e a súa mensaxe de denuncia. A colocación de dous persoeiros en escena, anuncian un problema nada miúdo con que ese pai e esa filla teñen que afrontar ante unha sociedade encadeada en tópicos e castracións. O pai ocupa nese cadro un espazo frontal e meditativo, sobre a desgraza que lle anuncia a súa filla solteira, que o pintor a coloca de lado, con longo saial e un pano que cubre toda a faciana. Velaquí a vergoña de anunciarlle ao pai que está embarazada, dun ninguén inmoral que a abandona. O machismo mais intolerante humillando a seres marxinados e desprotexidos. Velaí a muller sen rostro, representando a miles de mulleres que foron depredadas por unha sociedade que fixo caer sobre elas ese peso de sombras, nomeándoas como “mais solteiras”. O agravio mais terríbel que tiñan que soportar elas, seus fillos e as súas familias. A vergoña terrorífica desprendía unha carga inhumana-relixiosa de dimensións difamantes para as solteiras con fillos sen pai. Un enorme selo de castigo e afronta, que os tempos actuais teñen superados e que agora admiramos ás mais solteiras que se fan cargo de seus fillos únicos, en liberdade e constancia do novo e redento matriarcado.

Yebra de Ares, en este cadro, connota a humildísima casa de pobres de labregancia, en que o pai está estático con rostro preocupado, ollada profunda e distante de si mesmo, con gorra negra. Os dous sentados en tallo, non en cadeira, con rudimentarios móbeis de aldea e unha estreita bufarra filtrando luz e iluminando á embarazada. En todo este espazo predomina a cor gris, símbolo da crueldade, aburrimento e baixo estado de ánimo. O noso pintor, soubo controlar os espazos, dándolles un sentido tétrico e convulsivo, e a cor adecuada para formalizar esa denuncia que se postula no estático, pararse no tempo, emblema dunha situación que vai alén da incomodidade e do sufrimento familiar.

Chama a atención ese cartel da “Feira do Queixo da comarca da Ulloa” de 1993. Tres mulleres coa mesma indumentaria: pano de cabeza marrón, touca gris e branco mandil. Tres cores moi determinantes no que nos suxire a humildade destas traballadoras e artesán do famoso queixo da Ulloa. Relucindo na cabeza eses cestos repletos de queixos, medio tapados cun pano gris. Mais a clave destas tres mulleres está nesa face sen boca. O silencio das activas mulleres, o eco ocultado por séculos, a discriminación como maior atentado contra eses seres áureos, nos sublimes trazos de Yebra de Ares. Van as tres cos ollos pechos, como para ningures. Unha singularidade na obra do pintor e escritor de Monterroso. Unha defensa da muller ofendida e desprotexida, como denuncia e benvida a un novo rol de luz e desagravio, para superar un pasado que soportaron as nosas mulleres. Tanto o cadro: “Pai e filla” como o cartel das queixeiras, merecen estar nos mellores museos galegos, pola calidade e a mensaxe que emiten.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania