Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recuperando a infancia fuxidía

miércoles, 20 de marzo de 2019
O amoroso asubío do tempo de Loliña que hoxe nos convoca velaquí o tendes feito papel, recendo, letras e historias íntimas e infantís que alguén, ela, decidiu contarnos pra que as melodías da vida non se perdan nas congostras escuras dos tempos idos e esquecidos para sempre. É un asubío que xorde da fonte dun corazón, ese impulsor de toda vida.

Grazas, Loliña, por nos teres agasallado a todos con este escrito teu, cheo de tenrura e de relatos íntimos e sorprendentes, nos que os corazóns bailan o agarradiño pegados á vida mesma.

Pois as vidas humanas non son mónadas indivisíbeis e solitarias -como din que pensaba o filósofo Leibniz- senón que habitan á beira ou no interior do misterio, coñecido e -ó tempo- descoñecido, que nos envolve. Así semella crelo tamén Loliña cando nos pon –case como frontispicio dos seus relatos- un texto de Newton, no que este nos di: Fun un neno cativo [...], enredando na praia [...] O océano da verdade esparexíase, inexplorado, diante miña.

O meu lembrado mestre alemán Karl Rahner dicíao, dun xeito semellante, así: “o ser humano, ocupado cos diminutos grans de area da praia, vive sempre á beira do infinito mar do misterio”.

Precisamente por esta razón hai poetas, filósofos, escritores e outros moitos, aparentemente estraños, seres humanos que nos fan pensar, soñar e –en definitiva- vivir. Por iso vos gustará este escrito e non só polas fermosas imaxes que tan belidamente ilustran o texto.

Como Loliña é ademais unha excelente e recoñecida poeta, non será nada estraño tampouco que a súa prosa, estes seus relatos, non teñan nada de prosaico. Con razón nos di por iso “Mero” no seu Limiar que os relatos do Asubío do tempo son “poesía narrada”. Tanto máis canto que a autora sabe moi ben que a beleza e a fermosura da vida se atopan nas cousas máis simples e sinxelas: nese vagalume pousado no musgo mol do valado, naqueles “currichos” que andan corricando felices -libres do cortello- polas elegantes rúas de Cangas ou, tamén, naqueloutros mariñeiros cansos que chegan por fin a porto despois dunha longa noite de penurias... Mariñeiros que, por certo, son belamente denominados por Loliña “catedráticos dos mares, dos ventos e das estrelas”... Prosa poética que non pode menos de percibirse en moitas das escenas que ela describe e narra, de mil sutís e ó tempo sinxelas maneiras, no Asubío do tempo, e de maneira especial no capítulo que leva como título “Os segredos das noites de verán”.

Claro que para iso hai que dispoñer dunha mirada de neno e no noso caso, máis propiamente, de nena. En certo modo, coido que se pode dicir que, tamén como escritora, continúa a ser para nós Loliña a “rapaza inqueda e rebulideira” (tal e como ela se describe a si mesma), que, loxicamente, era incapaz de aturar aqueles misioneiros populares da época -dos que nos fala-, que coas súas longas e ameazantes prédicas tentaban converter os seus sufridos oíntes á “boa” nova do Evanxeo suscitando neles contraditoriamente arrepíos infernais ben “malos”. “Falaban dun xeito – dinos Loliña no seu Asubío- coma se eles foran anxos e estiveran ceibes de pecados mentres caían cairos de sarabia e lume infernal sobor de nós”.

Temos ante nós, pois, un libro para lembrar e que nos aprende tamén a experimentar as belezas e bondades do lembrar. E non só porque nel hai lembranzas de tempos pasados que ós interesados nos temas da antropoloxía cultural ou social de Galicia seguramente lles poderán interesar, senón porque os seres humanos somos, no fondo máis fondo de nós mesmos, “animais lembrantes” (se me permitides a expresión), seres que aprendemos a vivir e a nos comportar sobre a base firme das nosas lembranzas, dos nosos recordos. A lingua que utilizamos, a visión que temos de nós mesmos e do chan que pisamos, en fin, todo aquilo que os antropólogos chaman “cultura” (que é algo máis fondo que os diversos coñecementos que imos incorporando ós nosos saberes máis ou menos técnicos), todo iso ten que ver co pasado, coa historia, coa tradición, que ó incorporala en nós, lembrándoa, se fai nosa e nos fornece dunha especie de “confianza básica” que nos axuda a vivirmos e a afrontarmos con ilusión e esperanza as nosas vidas.

O libro de Loliña é, deste modo, un guieiro que nos aprende a lembrar, porque nel se practica directa e explicitamente este oficio de lembrar. Nel levanta ela acta de todo un mundo de vivencias, costumes e comportamentos, case xa desaparecidos, mais que quedan así para a posteridade dignificados e actualizados. Pois non deixan de continuar a ser alicerces nosos e así, en boa medida, daqueles tamén ós que transmitimos, consciente ou inconscientemente, as nosas propias vivencias.

Por iso nos fala ela neste libro, textualmente, da “nenez lembrada e fuxidía”. “Fuxidía” si, mais “lembrada” e, xa que logo, recuperada. “Recuperación” literaria, si, mais non por iso menos real e menos fecunda. En realidade, cómpre indicar que esa mesma capacidade de “recuperación” da súa mocidade e infancia lle chega tamén a Loliña como herdo e galano antecedentes. De modo que as súas lembranzas se estenden cara atrás, e non só cara adiante en forma dun futuro que nelas se basea e afinca.

Dinos Loliña concretamente: “Coma ben dicía o meu benquerido pai, anchéase o peito cando, no paso do tempo, lembramos os primeiros anos da vida e da mocidade. Puidera ser que chegara o día no que estes tiveran máis forza que o tempo presente. El, a iso, chamáballe vivir de memoria”. Un “vivir de memoria” ó que se refire ela aínda nun texto anterior do seu libro, falando tamén de seu pai: “Daquela –dísenos alí- xa era velliño e desfrutaba coas historias da xuventude, ‘vivindo de memoria’, como el lle chamaba ás lembranzas do tempo que xa fuxira coma un asubío”.

En realidade, é esta “memoria” a que constrúe o fráxil e sutil tecido da historia e da cultura dos pobos. Perdida a “memoria”, desaparecen as raíces dos pobos e estes mesmos. Nisto consiste precisamente a súa relevancia antropolóxica. Sen memoria non podemos ser nin coñecer. Xa o vello Platón dixera que coñecer é recordar. Eu diría incluso que a alta capacidade poética de Loliña vén sendo algo así como unha sublimación artística e simbólica deses pousos fondos que a memoria foi deixando ou depositando no seu interior.
Na memoria deposítase e permanece vivo todo: desde a lembranza da mulleriña aquela que lle responde ó misioneiro popular que ela non lle fixera mal ningún ó Santo Cristo de Noia, pasando polo sancristán señor Roque ó que lle levaron os trouleiros mozos a escada pra el baixar do tellado da capela de San Mamede, ata –que sei eu?- aquilo por exemplo das durmidas en xergóns de follato “que renxían que daba gloria durmir neles”. E isto de que daba gloria durmir neses renxentes e ecolóxicos xergóns évos, por certo, ben verdade, pois ben recordo eu mesmo durmir e soñar feliz de cativo deixándome afundir con pracer neses enxeñosos e ecolóxicos xergóns...

Mais quero xa rematar, non sen antes porén vos recitar de cor –se a mente neste intre non me falla- os inigualábeis versos daquel gran neno que foi Unamuno e que son para min a meirande loa que quizais se pode facer da infancia humana e da súa inesgotábel capacidade de soñar e de construír memoria. Son estes:

Agranda la puerta, padre,
porque no puedo pasar;
la hiciste para los niños,
yo he crecido a mi pesar.
Si no me agrandas la puerta,
achícame, por piedad;
vuélveme a la edad bendita
en que vivir es soñar.

Grazas, Loliña, por teres recuperado para nós esta “idade bendita”!
Grazas a todos!

(Palabras de Manuel Cabada na presentación do libro de Chamadoira do Casal, O asubío do tempo -Edicións Fervenza, Técnicas & Gramaxe, SL, 2019- en Vigo o 28 de febreiro de 2019]
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES