Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 20 de marzo de 2019
Rebentar como unha castaña

Sobre o monte de Pinouzos de Baños de Molgas empezou a chover con forza e no alto da Chaira viña correndo Raimundo Consello Lagaña. Pantalón de deporte, camiseta de deporte e unha pequena pucha sobre a súa cabeza. O fillo da Valiña levaba anos correndo porque nunha arroutada que tivo ante unha copa de licor café díxolle a todos os clientes que había naquel momento no bar que... ata aquí cheguei!, ó mesmo tempo que ciscaba no chan os restos da bebida que aínda quedaban no cu da copiña. E xusto á Pingas de Orballomedia hora xa estaba correndo polas pistas e estradas achegadas á vila de Baños de Molgas. Pouco a pouco foi esparexendo o percorrido ata facelo por pistas dos concellos lindeiros. (Fago unha paréntese para aclarar que A Valiña chámase en realidade Valentina Lagaña Diosdado e está casada con Sadurniño Consello Saturno, O Piollo. A Raimundo, claro, chámanlle O Piolliño). Dicía que no alto da Chaira viña correndo O Piolliño. Pois ben, ante tal tromba de auga, e para mollarse o menos posible (xa estaba coma un pingo, pero alá el), correu tanto, correu tanto que rebentou, que estoupou como unha castaña xusto ó entrar nas rúas de Baños de Molgas. Non lle quedou outra que sentar nun dos mazadoiros que había ante as casas para coller folgos.

Andei rapidiño

Andei rapidiño polo camiño. De noite. Era noite pecha. Andei rapidiño coa intención de atoparme coa Santa Compaña. Pero tan só vin a un escornabois contemplando os biosbardos. Iso penso. Ó mellor estaba contemplando a lúa na fase de cuarto crecente. Así estaba o noso satélite sobre un ceo clariño e cheo de estrelas. Hai estrelas ben bonitas, oh. Todas son bonitas, aínda que é verdade que unhas destacan máis que outras. Normal, tamén unhas persoas brillan máis que outras. Tamén. Tamén ó revés. Que si, que as hai moi tortas. Hai persoas desas que xa non se amansarán nunca. Antes amansaranse mellor outras vacas. Andei rapidiño porque era noite pecha. Alguén ata pensará que igual me mexaba. Co medo. Que va! Se aínda fora de rapaz; pero a estas alturas! Andei rapidiño porque quería chegar canto antes á casa e porque quería atoparme coa Santa Compaña. Ou xa pasara ou aínda terá que pasar. Puiden preguntarlle ó escornabois, pero non se me ocorreu. Aínda que non creo que o molestase; o pobre estaba a velas vir. Ben vía eu que estaba nas verzas. Mira que, pensar que me mexaba. Mexar mexei cando cheguei á casa. Porque tiña ganas. Non por medo. A estas alturas non lle teño medo nin á noite pecha nin á Santa Compaña.

Fanático da orde

Xa está. Xa deixo correr os dedos sobre o teclado do ordenador para escribir este Pingas. Que pasará como a maioría das veces: que nin idea de que, pero que, á hora da verdade, sempre poño un punto final. Xa o dicía o noso Cela, que iso da inspiración era unha pallasada, que o que hai que facer é plantar os cóbados na mesa e traballar, carallo, traballar. Eu planto os dedos índices sobre o teclado do portátil e, ale, a imprimirlle algo de velocidade. A velocidade vese moi ben acompañada pola música, nestes momentos, de John Coltrane. Antes tocoulle a Jerry Goldsmith e, logo, tocaralle ós Satélites con Sito Sedes. Coma con todo na miña vida, teño as miñas maneiras para Pingas de Orballorealizar certas cousas. Os meus métodos. Hai algúns destes polos que deixo un pouco alucinados a certos amigos; principalmente aqueles que precisan listados ou índices ou algo semellante; é dicir, que todo para min ten a súa orde. No caso dos listados e índices impera a orde alfabética. Son un fanático da orde, desa orde, chamémoslle, administrativa. Listados de películas, listados de cancións, listados de Cds, listados de DVDs, listados de libros, listados de arquivos. Porque coa orde todo é máis fácil. Xa está. Agora digo que con orde ou sen orde, o Pingas chegou ó seu remate. Os dous dedos índices quedan quietos co punto final.

As Viaxes Galácticas

Esta noite ás dez cantan os grilos e os catro astronautas do planeta Inocencia despegarán para poder chegar á Terra coa caída da folla. Coa caída da folla do ano 2123. Porque o planeta Inocencia non está á volta da esquina; está incluso moito máis alá do universo. E sabemos que hai distancias que son infinitas. Ou case infinitas. Os astronautas (que os catro eran fillos do Galáctico) marcharan para o planeta Inocencia na sementeira das patacas do ano 1915. Libraron da Guerra Civil Española, das Guerras Mundiais e da ditadura de Franco; que xa é moito librar. Chegaron ó planeta que está moito máis alá do universo e tan só puideron espetar a bandeira galega porque tiñan orde de volver. Así adoitan ser as viaxes galácticas, principalmente as que van máis alá das estrelas coñecidas e por coñecer. Os fillos do Galáctico eran galegos, porque o Galáctico era de Chaodarcas. E a súa muller, de Cachamuíña. Para que vexades. Algúns ó mellor podiades pensar que eran doutro planeta, doutra galaxia... por iso do alcume. Pero non, o alcume creo que lle viña xa do seu tataravó, que alá el porque se deixou chamar así. Esta noite ás dez uns astronautas ata poden escoitar os cantos dos grilos. Sabemos que no universo impera o silencio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES