Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (8)

martes, 19 de marzo de 2019
.../...

Voltos á cidade-prisión... ¿Podía comparase a súa muralla, a lucense, co Castelo de Bellver? ¡Se acaso, na redondez!

O Pleyel de Chopin estimulara á nosa Xulieta, tanto ou máis do que o fixera con “George Sand”:

-Se non fose por esta Xunta que nos arrexuntou, quedaríame a vivir en Valldemossa!

-¡Xa! ¿E quen che pagaba a fonda, os Montescos ou os Capuletos?

-Tocaría o piano para…, ¡para os que visitasen a Cartuxa! ¡Con tal de gañar para vivir…!

-¿E dos teus fillos, que?

-¿Os meus? ¡Aínda están sen facer!

-Pois eu xa fun ao Médico; onte, en Madrid..., mentres estiveches na perruquería; faltas ti!

-¡Deus, agora que o dis, agora si que teño ganas de ter faltas! Xa non che podo botar as culpas… Mira que che digo: Se en vez de avogadiña fose medicucha, maldito se me casaba sen analizarme; primeiro por ti, por desengana-lo marido, pero tamén por min, por min mesma, que agora desexo un anxo; ou dous, ou tres…, os que Deus queira darme!

-Para, para, que aí está o problema; niso, precisamente niso!

-¡Non capisco!

-¿De que sexo son os anxos? ¡De ningún, que seica son asexuados! Por ende, un anxo non pode ter fillos, nin xeralos nin parilos. ¡Non me enganaches ti, enganeime eu! ¡Vaia por Deus!

Ríronse a cachón, pero só exteriormente, pois aló por dentro si que lles tardaban os rapaces. Despois dunha aperta sincera, sen rancores nin imputacións, Xulieta, agora impaciente, agora si:

-Como dixo Virxilio, Félix qui potuit rérum cognóscere causas! ¡Que feliz sería eu se coñecese as causas desta espera desesperante…, cando igual existe un remedio, pero, cal, onde, e como?

Romeu, acariñándoa con tenrura:

-Calma, muller, que outros tardaron máis, e viñeron! ¡París está lonxe, e con este frío, as cegoñas, pasa-los Perineos…!

-Deus te oia. (E polo baixiño engadiu, arrepentida daqueles atrancos dos meses precedentes ao aprobado: ¿E se Deus me está castigando por opoñerme á natureza…? ¡Perdón, Señor, perdón!). Por certo, e por se acaso, será cousa de ir pensando nos nomes, pois eses que o deixan para o final acaban improvisando, e sáenlles disparates, disparates exóticos, que por veces nin os saben escribir; se o primeiro é varón, escollo eu: un Froilán, que así, cunha festa, celebramos dúas!

-¡Aceptado! Mais, se é femia, escollo eu: Concordia, para que asente, para que consolide a nosa, da que non andamos sobrados.

-¿E se veñen dúas, dúas nenas?

Bailando na punta dun fuso (8)-Nese caso, á segunda, Paz, para culmina-la concordia!

Como estiveron conformes, de momento non houbo máis discusión.

De chegados a Lugo, e felices de tornar ao leito habitual, conxugal, que non hai, nin pode haber, mellor suite cá de diario, deitáronse cedo, amáronse e durmiron, ¡durmiron coma leiróns!, pero sobre do día, Xulieta, acaso motivada polos ronquidos do seu Romeu, ¡que non hai Romeu que non ronque por máis que pernocte cunha Xulieta pois o sono é prosaico!, deu en matinar, repasando as vivencias daquela viaxe.

-Cariño, esperta, que temos que falar…

-¿Espértasme para que deixe de roncar, non si? ¡Pois vaia caridade a túa, co canso que veño!

-Está amencendo…, e nós, durmindo!

-Si, claro, como tódolos días!

-Despois do exame de conciencia, que vén; o propósito da emenda, non si? Pois eu, de cansada, durmín mal, así que me deu por examinarme, e tirei algunhas conclusións que quero, que debo compartir, contigo…, xa que estamos a gananciais!

-¡Quen son eu para acalar nunha muller que quere falar! Veña, perora, que xa sei que tiveches un notable en dialéctica, e logo que ti sabes de omnire seibili; de todo, pero do demais tamén, et qui búsdam allis! ¡O que se di, un fenómeno!

-As bobadas e mailos latixos, para ti, que eu vouche falar de corazón a corazón: ti e mais eu estamos perdendo os mellores anos da nosa vida, por…, por non reflexionar! Nas miñas reflexións desta noite cheguei á conclusión de que primeiro é memorizar, cousa que temos feita, ámbolos dous, pero o paso seguinte é asimilar, dixerir, reflexionar. Nesta idea, e como aínda nos quedan tres días de vacacións, non propoño, esixo, que fagamos un triduo…

-¿Na catedral?

-Non, que o noso será laico, laico pero santo. Aquí mesmo, comezando por este amencer. Aprendín moito en Mallorca, moitísimo. O primeiro de todo foi que Chopin non lograría aqueles preludios, enfermiño como estaba, se a súa Aurora non lle botase leña ao braseiro; e que o inverno dela, aquel Un hiver à Majorque, non sería o que foi se Chopin non lle fose agradecido. En todo ten que haber unha reciprocidade, que por algo dixo Deus que non era bo que o home estivese só…

-¡Eh, alto aí, que se non llo dixo á Eva foi porque xa estaba dito, porque xa tiña compañía…, aínda que de barro!

-¡Albízaras, querido Romeu, que vexo que estás esperto, receptivo! Pero, ao que vou: Desde hoxe pecho este piano, e ti esquéceste dese café dos marulos, onde só falades maruladas; de maruladas e de intereses espurios, coa falta que temos de construír…; casas, si, pero ideas, tamén, que as vexo escasas! ¿Que é unha democracia? Segundo Aquiles, é unha aberración antepoñer as razóns de clase aos méritos persoais. ¡Ese é o noso talón! Ti e mais eu, Montescos e Capuletos, Capuletos e Montescos, estamos gozando de certos privilexios familiares, pero, da nosa capacitación, da nosa superación persoal, que? ¿Somos os mellores, esforzámonos por selo? ¡Non o estamos facendo, pero somos capaces diso! ¿Cal foi o erro dos Amantes de Verona? ¡Xulieta, para evadi-los seus problemas, anestesiouse; e Romeu, téndoa por morta, matouse! Diso temos que aprender: Eu non podo, nin quero, nin debo, anestesiarme, senón todo o contrario, apeitar co xugo, polo meu lado; e ti debes facer outro tanto. Neste triduo, nestes días de reflexión, ímonos analizar, ímonos examinar, reciprocamente, para acto seguido poñernos a estudiar. ¿Onde, como, que…? Iso dependerá dos suspensos que nos outorguemos. Así, a bote pronto, onde temos unhas carencias imperdoables para a nosa base, e coa base para as nosas ambicións, é nos estudos de Economía…

-¡Non te teño por manirrota…! -Interrompeuna.

-Economía con maiúscula, chato! Tantas reunións políticas que temos, tantos mitins aos que asistimos, e viches algún xerarca que fale sen papeis, que teña a lección ben sabida? Alguén, que penso foi Castelao, dixo que Galicia era unha terra rica de xente pobre… ¡Iso sería daquela, pois hoxe é un país de xente rica, ou tidos por tales, cunha terra empobrecida, abandonada; como moito, a eucaliptos! E xa non digamos esta febre de pasar do sector primario ao terciario, ao dos servizos, desprezando o secundario, a produtividade, o melloramento, a exportación dos excedentes… ¡Exportamos emigrantes, iso si, e despois diso está penada a trata de brancas…! Máis trata de brancas que vender emigrantes a cambio das súas remesas en divisas, para logo gastalas en dilapidacións, e tamén en vicios, imposible!

-¡Deus, con quen me casei, unha anarquista! –Romeu, botándose as mans á cabeza, e facéndose o escandalizado, pois entraba no seu etilo facela rabiar, aínda que non sempre por chanza.

-¡Todo o contrario, pois anarquía é o que vivimos…, por unha nula ou deficiente democracia! –Xulieta, que seguía falando con moita seriedade.

-Cariño, fasme recordar ese dito de que, detrás dun home sabio sempre hai, sempre houbo, unha muller intelixente. Bico as mans da miña Alteza, séxase, as túas!

Bailando na punta dun fuso (8)-Intelixentes seremos, ámbolos dous, se nos dispoñemos, se nos complementamos na propia rexeneración, así que ¡xa sabes! de aquí en diante, a producir, a producir para ser capaces de facer producir, que iso, e só iso, é o que lle cómpre ao empresario, ao emprendedor, tanto que escasean neste país dos pianos e dos cafés teatro!

Romeu envolveuse coas sabas, tapando a cabeza, pero Xulieta ben que lle oíu dicir:

-¡Libreime de miña nai e botei noutra! ¡Mamá, non me regañes, que tan pronto esperte póñome a estudiar, o que mandes, aínda que sexa Economía!
-.-


Ao día seguinte a mesma murga:

-¡Esperta, durmiñón, que por estar de vacacións os reloxos tamén camiñan!

-¿Que queres, camiñar, dar un paseo…, ou bailamos unha muiñeira matrimonial? A principal vantaxe dos casados é que non temos que ir ao muíño para abala-la muiñeira. –E púxose a cantaruxar: “Esta noite e maila outra, e maila outra pasada, abalei unha pereira que nunca fora abalada. Esta noite e a pasada, e maila que xa pasou; miña pereiriña nova, cantas peras levou!”. “Unha noite no muíño, unha noite non é nada; unha semaniña enteira, iso xa é muiñada!”.

Desde que se serenou, Xulieta propúxolle:

-Hoxe comemos na casa de túa nai, pero iso non é óbice nin atranco para durmir nos loureiros… Ignoti nulla cupido! Non se desexa o descoñecido, e ti, de Economía, cero, pero va-lo saber de aquí en diante, que esta mesma mañá, xa que non temos outra cousa que facer…, pois iso, imos matricularnos na UNED! ¡É de sentido común, pois, para saber, ver ou ler! Xa sei que non é igual asistir ás clases como chapar cadernos, pero…, entre os dous…, malo será!

-¿Sentido común…? ¡Xulieta, meu amor, repara en que non hai concepto peor definido, peor nomeado!

-Si que os hai, tal que chamarlle “Obrero” ao teu partido…, e só ían de pana aos mitins!

-Muller, ou “Popular” os teus, cando popularis só son os oíntes, os votantes!

…

A sogra, como tódalas sogras, unha preguntona impaciente:

-¿E logo, daquela cousiña cousa…, que?

-O seu fillo escolleu mal, que estou comezando a pensar que non vallo para a cría, pero…, de casados pola Igrexa…, ten que aguantarme!

-O malo é que non tedes sobriños…, ningún dos dous!

-Pero temos próximo, que por iso vimos de matricularnos na UNED, para mellor servilo! Nos seus tempos, cando lle preguntaban a un polo seu nome, ¿verdade que se respondía, “… para servir a Deus e a vostede”? Pois agora cómpre sumar títulos…, para servir a Deus, a vostede, e tamén ao país! ¿Non quere ve-lo seu fillo de Ministro?

-¡Pois non, a verdade é que non, que se tal cousa chega a pasar, morro; de gusto, pero, morro!

A nora calou pero quedouse pensando: “Estes obreiros, que teñen por patrón a San Pablo Iglesias, se chegan a ter a Santiago, ninguén lles ganaría en soberbia!”. Menos mal que o fillo, para non darse por informado, cambiou de tema:

-A ver, Xulieta, déixate de parolas, que non estamos en estrados, e abre ese bolso…, antes de que se derretan con esta calefacción! ¡Estes vellos, que sempre a teñen alta..., a tensión, pero tamén a calefacción!

A vella, abrindo uns ollos coma pratos, e tras dela o seu cónxuxe, non menos abraiado polo obsequio:

-¡Ai, ho, que deberon baixar ao fondo máis fondo, para atopalas, que mellores non as lucía a muller de Franco…, coa diferenza de que estas perlas deberon costarvos…, un ollo da cara!

O fillo:

-Diso se trata, de que axuguen co brillo dos teus ollos! Logo, ¿gústanche? ¡Para que vexas a nora que tes, que mellores non llas trouxo, de Mallorca, á súa propia nai!

A vella, sempre remilgada:

-Fillo, as miñas deberan ser peores, que eu non tiven a molestia de parila!

Xulieta:

-Pero ten a bondade de quererme coma se fose propia… Mire, este regaliño é unha correspondencia en lembranza da primeira vez que entrei nesta casa, e vostede tíñame preparado un duplicado das chaves, para que nunca me considerase allea; ¡outro tanto non o fai San Pedro, que din que non solta as del!

Falaron, e falaron, toda a tarde, pois de Mallorca, dos seus encantos e da súa actividade, da súa economía, non se fala nunha hora!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES