Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pilar Vázquez Cuesta

lunes, 18 de marzo de 2019
Lembro un rapazolo de vinte e poucos anos, ignorante de moito, aprendiz de pouco. Lembro unha profesora sabia e paciente, doce nas formas, encarnación andante do aprender deleitando. E lembro tamén un mundo de preguntas e curiosidades que acoraban ao mozo e que aquela gran voz das letras galegoportuguesas ía saciando con Pilar Vázquez Cuestaabraiante rigor, con infinita dozura.

Amoréanse na memoria os recordos dos días de hai un cuarto de século, cando dona Pilar Vázquez Cuesta era xa a admirable catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC que a todos asombraba e quen isto escribe un discreto alumno dos cursos de doutoramento que tentaba aproveitar o impagable regalo da súa erudición.

Este mércores pasado, 6 de marzo, fóisenos con noventa e dous anos andados. Un vida extensa, tamén intensa, chea de momentos que ela protagonizou e son xa historia da nosa Filoloxía e da nosa cultura literaria.

Infortunadamente, os últimos anos permaneceu illada da vida social da comunidade intelectual. Esa lacra que esburaca a memoria e vai facendo que esvaezan os recordos castigou a súa mente portentosa e o vento témero do alzheimer foi facendo que ela fose cada vez menos ela.

É inmensa a débeda que os amantes das nosas letras e a da nosa lingua teremos sempre coa profesora. Mercé a ela avanzou con paso firme na súa fundación e inicios o Departamento de Filoloxía Galega da USC, a onde chegou a finais dos oitenta procedente da Universidade de Salamanca, onde tivo cátedra moitos anos, e, antes diso, da Universidade Complutense, onde se licenciou e impartiu aulas.

Aínda hai máis: dona Pilar foi unha institución no estudo e afianzamento das relacións entre a literatura galega e a portuguesa, letras irmás que tiñan nela unha ponte natural, como se lle recoñeceu publicamente facéndoa, ao sur do Miño, doutora honoris causa da Universidade de Lisboa e, ao norte do río, Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Filla dun histórico do republicanismo galego, o deputado pola ORGA Daniel Vázquez Campo, e mais da primeira licenciada en Farmacia da USC, Modesta Cuesta, a súa tía materna Luísa fora tamén a primeira alumna de Dereito desta institución, o que dá idea do culto ambiente no que se formou a futura gran profesora.

Se un repasa os estudos sobre cultura portuguesa, brasileira e doutros espazos da galeguía dos anos setenta, oitenta e noventa decatarase da importancia fulcral da figura de dona Pilar Vázquez Cuesta, autora de gramáticas, monografías poéticas, coordinadora de congresos e simposios, directora de suplementos e especiais, editora de obras clásicas, tradutora de títulos referenciais e mil outras cousas.

Agora ben, lonxe do que puidese pensarse, iso non foi óbice para que dedicase boa parte do seu tempo á análise, sempre lúcida, de figuras fundamentais do parnaso literario galego. Velaí os están para demostralo os seus ensaios sobre Rosalía, Pondal, Curros, Lamas Carvajal, Cabanillas, Castelao, Otero Pedrayo, Blanco-Amor, Seoane ou Cunqueiro.

Secasí, se tivese que salientar apenas un par dos seus moitos e moi valiosos textos, eu ficaría coa súa clásica Gramática portuguesa (escrita en coautoría con Maria Albertina Mendes da Lus en 1949, publicada por Gredos e reeditada en varias ocasións) e, sobre todo, coa imprescindible “Literatura Gallega” que escribiu como substantivo capítulo da xeral Historia de las literaturas hispánicas no castellanas, que coordinou para a madrileña Editorial Taurus José María Díez Borque. Nas páxinas desta última aprendemos moitos valiosísimas intuicións lectoras e non pouca información actualizada cando a nosa historiografía literaria practicamente era un ermo dende a monumental achega de Ricardo Carballo Calero.

Escribo estas liñas cunha foto diante. A profesora está entre un pequeno grupo de alumnas e alumnos de doutoramento. Foi polos días nos que a visitamos na súa casa, pretiño da Praza de Vigo, en Compostela. Xeiras entrañables na compaña da súa filla Pomba, con quen agora estará a falar no Ceo mentres degustan o especialísimo froito do anacardium occidentale, que ela, mestra na fala galegoportuguesa, chamaba castanha de cajú e que me aprendeu a comer mesturada con uvas pasas, saibo inesquecible.

Dona Pilar, a súa memoria, o seu exemplo e o seu maxisterio ha seguir por sempre en nós, eternamente agradecidos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES