Normalizando o ciclo da muller
Cando ás oito da tarde cheguei á Casa da Cultura Manuel María de Barbadás para ver a obra Monstruación, do grupo Enconarte Producciones, non estaba para bromas. Acababa de tirarme toda a mañá e unha parte da tarde sementando nas patacas a man,

é dicir, co sacho e o corpo non estaba nin para lerias nin para festas. Non obstante, agora mesmo, ás doce da noite estou contento e feliz de ver a obra. É máis, entoo o mea culpa por non coñecer ó citado grupo, nin a súa obra nin as súas compoñentes. Entoo o mea culpa porque, sinceramente, é un pecado. É e sería un pecado perderse a súa obra e as súas actuacións. As actuacións de tres actrices que me deixaron coa boca aberta e que, ó final, non me quedou outra que aplaudir a rabiar. A cal máis mellor. Rocío Romero, Arantxa Treus e Déborah Vukusic. Elas as tres amosáronme un dos cantos máis bonitos e máis simpáticos ou máis pándegos que vin cara ó feminismo. Sen panos quentes e coa parrocha de fondo, as tres bonecas rompen tabús e intentan normalizar o ciclo da muller. O maior mérito está en que as tres actrices conseguen ensinarnos, con humor, con moitas gargalladas todas as barreiras, todos os atrancos cos que se atopou e se atopa a muller nesta nosa sociedade. Que sabemos que é moi patriarcal.
Afogado nunha canle
Viaxar de noite é case coma andar ós toupos. Pódeste perder. E máis por eses carreiros e camiños que había a principios do século pasado. Que foi o que lle aconteceu a Pedro Vázquez Carballo, natural e veciño de Vilameá, no concello de Baños de Molgas.

O día 16 de xaneiro de 1926 marchou cara á Ourense, andando, polo camiño que vai polo Alto do Cumial coa intención de cobrar unha pensión. Non sabemos se regresou ese mesmo día ou o fixo dous ou tres máis tarde. O que si sabemos é que o 19 uns veciños dunha aldea de Xunqueira de Ambía atopárono afogado nunha canle que abastece de auga a uns muíños nas inmediacións do río Arnoia. Debido á escuridade da noite, semella que se perdeu e que se despenou por un terraplén. Algúns xa farán voar a súa imaxinación e a fantasía pode mandalos polo camiño do homicidio, do asasinato; polo asunto ese da pensión, xa que o homiño presentaba feridas na rexión occipital e lesións por diversas partes do corpo. Non obstante, e feitos os correspondentes exames médicos, chegouse á conclusión de que a morte producírase a consecuencia de asfixia por submersión. A maiores de que, nun dos seus petos, apareceron 29,30 pesetas. Moitos cartos naquela época como para deixalos no suposto de que se cometese homicidio.