Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alarmante perda de control

viernes, 15 de marzo de 2019
Se ben é certo que ós gobernos, e ás súas institucións subsidiarias, que se forman para o goberno das sociedades constituídas en Estados, non se lles pode esixir suma perfección e total eficacia na xestión das complexas funcións dimanantes das competencias legalmente atribuídas, non é menos certo que por diversos motivos, cuxa exposición, aquí, levaríanos demasiado lonxe, están perdendo o control legalmente razoable e eticamente necesario, no cumprimento das obrigas.

Non hai que saír da nosa provincia de Lugo para encontrarnos con exemplos de falsas promesas, que hipotecadas na esperanza de que se cumpran, con estoica resignación e non pouco escepticismo, os cidadáns afectados, mentres tanto, en zonas moi concretas, levan unha vida chea de sobresaltos pola inseguridade que se respira, constatando que nin tan sequera son capaces as autoridades de controlar ós “gorrillas” nas inmediacións do Hula, e engadindo os atracos, as agresións e as ocupacións de vivendas en distintos lugares da mesma, coa imposibilidade de recuperalas, sen danos, de inmediato.

Para estender a postura de descontrol, basta escoitar o que declarou , no Xuízo que se está celebrando no T. Supremo de Xustiza, ó Sr. Zoido, exMinistro do Interior, sobre a intervención da Policía Nacional e a Garda Civil, o 1-O, con motivo do referendo ilegal, en Cataluña, e, ademais, ó Sr. Presidente do Goberno Central, en aquel entonces, D. Mariano Rajoy, así como á Sra. Vicepresidenta, Soraya Saenz de Santamaría, contrastados coa declaración dos subalternos e o mesmo Sr. Presidente do Goberno Vasco, Íñigo Urkullu.

Pero tampouco hai que esquecer que xa os presidentes anteriores debilitaron o seu control correspondente en Cataluña, debido aos compromisos para afianzarse na Moncloa, facendo caso omiso da preparación que con fins independentistas se estaba articulando, de modo solapado e estudado cinismo, nesa autonomía.

Non ignoramos que todo control esixe certa ponderación, posto que o excesivo e inoportuno arrastra tamén consecuencias; pero o que parece que non debería admitir discusión é que os responsables últimos, por razóns xerárquicas, non poden escusar a súa responsabilidade no persoal técnico que leva a cabo a execución das funcións inherentes a súa condición de xefes, debidamente asesorados, e que, en casos como o do referendo ilegal do 1-0, dada a súa transcendencia, como se está evidenciando, deberían procurar, polo menos, unha información puntual e documentada dos responsables técnicos e cargos subalternos, que si foron precisos nas súas declaracións.

Pese a importancia do ocorrido, nada nos sorprendería que os lectores consideraran este caso de descontrol como unha anécdota máis do noso país, circunstancial; pero, segundo manifestan prestixiosos científicos, reunidos en mesa redonda, recentemente, en Barajas (Madrid), co Comité Científico do Club Nuevo Mundo, abordouse estes días a tendenciosa deriva do descontrol a nivel mundial, como recolle nun artigo Eva Reneses, redactora da revista dixital “Tendencias21”, cun titulo ben expresivo: “Hemos perdido el control sobre la ciencia, el mercado y la tecnología”.

O editor da revista, D. Eduardo Martínez, explicou que o motivo da mesa redonda era coñecer de primeira man as inquietudes dos expertos sobre os temas que máis apreman á sociedade. E o gran especialista en xeopolítica, D. Pedro Baños Bajo, Coronel do Exército de Terra e Diplomado en Estado Maior, actualmente en situación de reserva , como apunta a autora do mencionado artigo, afirmou que vivimos nun mundo rexido na súa totalidade polo capitalismo e os intereses políticos baseados, en gran parte, polo control dos recursos naturais, e engadiu que o 1 de agosto do 2018 XA ESGOTÁRAMOS OS RECURSOS RENOVABLES PREVISTOS PARA ESE ANO. Que control, señores!!. Son as multinacionais, que controlan a maior parte da industria alimentaria do mundo, as que aquí se escapan olimpicamente a un control eficaz dos gobernos.

Pola súa parte, D. José Esquinas Alcázar, Doutor Enxeneiro Agrónomo e en Xenética, explicou que antes producíanse alimentos para alimentar, pero hoxe prodúcense para vender, un sistema apropiado para as multinacionais, que produce un 60 % máis que os necesarios para alimentar a humanidade, e, non obstante, morren de fame no mundo unhas 40.000 persoas ao día, e nos países desenrolados o sobrante acaba no lixo. Onde están os controles gobernativos?!!. Morreu a conciencia ética na Humanidade?!!.

Por outra parte, o cambio climático, que non cabe na cabeza de moitas persoas de certa significación político–social, como na de Trump, coas que resultan inoperantes os razoamentos, tampouco está baixo control; pero lembremos, polo menos, as enfermidades emerxentes, como aquelas que non poden ser debidamente tratadas pola resistencia das bacterias ós antibióticos, debido a un uso sen control nas persoas e a aplicación masiva no gando. Pero aquí tamén nos encontramos con que a busca de novas cepas non lle é rendible ás empresas farmacéuticas, “e mentres tanto, cada ano increméntase o número de mortes a causa das bacterias resistentes ós antibióticos actuais”. Como afirma D. Eduardo Costas, Dr. en Bioloxía, as pneumonías son a terceira causa de morte en persoas maiores, e, durante a crise económica, España foi o país da UE no que máis se cebou a tuberculose.

Nada que non saiban lles aportamos con estas informacións; pero son a revelación dunha MEGATENDENCIA que os científicos constatan con preocupación, e que está incidindo en todos os niveis das estruturas gobernativas dos estados, segundo nos afirman, sen excluír, por suposto, o ámbito das actividades privadas.

Talvez a causa orixinaria estea en non considerar que a nosa liberdade non é absoluta, senón CONDICIONADA aos límites, e CIRCUNSTANCIADA ás esixencias, da realidade persoal; pero tamén é estritamente necesaria para articular unha convivencia social que permita velar pola dignificación da persoa; e para isto é mester respectar con rigor os imperativos da razón, neutralizando as invitacións instintivas ao cómodo abandono das responsabilidades, porque o que fagamos coa nosa persoa, sen dúbida, levarémolo á sociedade, ao ámbito científico, ao económico e á mesma aplicación tecnolóxica; a esta ata o estremo de que se intúe que o home pode caer no erro de cambiar as funcionalidades, entregándose ao servizo da tecnoloxía.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES