Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A piedade popular ao Santo Cristo de Goián, Sarria (6)

jueves, 14 de marzo de 2019
Artigo dedicado a D. José Somoza Díaz, párroco da freguesía de San Miguel de Goián (Sarria).

V. A Festividade e a procedencia dos devotos
O primeiro domingo e luns de setembro conmemórase a festividade do Santo Cristo. O primeiro día -o domingo- adoitan acudir centos de devotos dos concellos de Friol, Láncara, Lugo, O Corgo, O Páramo, Paradela, Portomarín, Samos, Sarria… Pola contra, o luns máis ben é de índole local.

Antano, os devotos soían vir andando dende o seu lugar de orixe; tamén en tren ata á Pobra de San Xiao, e dende alí andando ata o recinto sacro. “No ano 1914, os trens mixtos ascendentes e descendentes chegaron ateigados de xente á Pobra de San Xiao, dende onde os romeiros seguiron a pé ata Goián” (1). Un bo número deles aínda soen acudir andando dende o seu lugar de orixe. Non embargantes, a maioría adoitan vir en autobuses e coches particulares. Noutrora, os romeiros, que acudían de ofrenda tiñan por costume dormir naquelas estancias e lugares, que lles podían proporcionar os lugareños de Goián. “ Aquí non había onde durmir. Ciscábase palla nas cociñas, nos corredores e incluso nas cortes para o descanso dos romeiros, que viñan de Lugo, Portomarín. Paradela, etc... (2). Na actualidade, os devotos e fieis retornan aos seus puntos de orixe, logo de realizar os rituais e ofrendas establecidos entre éstes e a imaxe sagrada.

VI. As rogativas e as promesas
“ O Santo Cristo -dicía o Sr. Castro- é avogoso para todo. Así, o Farruco de Outeiro, de volta do veterinario cunha vaca, que tiña unha mazá atragantada na gorxa sen remedio posible, en chegando á igrexa dixo: “ Que o Santo Cristo de Goián me vaia” e, no intre, a vaca tusiu con forza e golsou a mazᔠ(3). Non embargantes, os devotos adoitan vir na actualidade por doenzas humanas; por problemas da facenda familiar; e por outros problemas, que perturban o espirito da persoa. Ademais, ás veces tamén acoden ofrecidos por outras persoas, que non poden acudir por causas de índole físico preferentemente; ou tamén aproveitan a ocasión para realizar unha ofrenda por algúns familiares e amigos.

No que atinxe a promesa esta pode consistir nun contacto directo e sagrado de forza moral entre a persoa e Deus por medio de advocacións cristolóxicas, marianas e de santos. «Para chegar con máis seguridade a ese Deus, non sempre persoal, o galego bota man dos santos e da Virxe...». Sen embargo, o santo non sempre é un intermediario ante Deus, como o define a igrexa, senón que ten un poder inherente ao seu ser . « O Santo pode ser un ente con poder que lle son propios».

Neste santuario cómpre facer alusión a tres arquetipos de interacción entre os devotos e a advocación cristolóxica: así, o máis habitual é que a promesa sexa « a posteriori», é dicir , a entidade sacra outorga a petición ao devoto e, logo, éste realiza a promesa. Esta modalidade recibe tamén o nome de «ofrenda condicionada» (4). Sen embargo, hai devotos que levan a cabo unha serie de rituais e ofrendas no intre de pregar a mediación da divindade ante un problema determinado; trátase dun cumprimento «a priori», xa que os diferentes rituais e ofrendas teñen lugar denantes de que sexa concedida a petición. Esta forma de relación recibe o nome de « devoción peticionaria» (5). Finalmente, outro modo de interacción dos devotos coa entidade sacra e acudir todos os anos en gratitude ao don concedido antano. Sería, polo tanto, unha ofrenda de acción de gracias.

As promesas máis usuais, que se realizan neste santuario, están ligadas ao cumprimento de diferentes rituais e ofrendas. Os devotos levan a cabo unha serie de rituais, xa que están convencidos da súa eficacia e de que é posible relacionar a súa acción a un sentido valioso para a súa vida persoal. Os diferentes rituais teñen un carácter colectivo ou individual, segundo o grao de participación dos devotos. Tamén poden pertencer a unha liturxia de carácter oficialista ou popular.

1. Rituais colectivos propios dunha liturxia oficialista
1.1. O Novenario

Segundo a tradición, séguese celebrando un novenario os oito días festivos denantes da festividade do Santo Cristo, rematando o sábado anterior á conmemoración. Lévase a cabo os domingos e días festivos ao mediodía , e o sábado anterior á festividade as sete e media da tarde. “Ano de 1903. Quince ptas, que se dieron de limosna al Sr. Sacerdote, que predicó en la novena, que de antiguo se viene haciendo durante los ochos días festivos, esto es, dominicas y fiestas de guardar, que preceden a esta festividad, siendo el último día de dicha novena la víspera de dicha festividad al anochecer” (6). O novenario consta dos seguintes actos:
- Unha misa, que o pregador oficia os domingos e días festivos ao mediodía.
- Unha oración introductoria do acto, que é común para todos os días.
- Unha oración específica para cada día, recollida dun paso do Vía crucis.
- Rezo dun Painoso e intencións dos devotos asistentes.
- Como remate, unha oración ao Santo Cristo, que é común para todos os días.

Os pregadores do novenario eran e son elixidos polo párroco da freguesía, sempre e cando non exerza él como oficiante. Antano interviron pregadores, pertencentes a diferentes Ordes. Así, no ano 1915, foi pregador o Pai Serratosa, mercedario do convento de Sarria. No ano 1929, o pregador resultou ser o Pai Estevo, franciscano de Lugo. No ano 1938, Pedro Damián, monxe da Orde de San Bieito (7).

A celebración deste ritual amosa algunhas peculiaridades que é mester salientar: participa nel un número importante de fieis, superior ao que asiste habitualmente aos normais cultos parroquiais; a razón deste feito radica en que ao ser unha festividade, que se conmemora unha vez ao ano, desperta intérese a solemnidade con que se realizan os seus actos. Asi mesmo desperta sentimentos, lembranzas e vivencias relixiosas moi arraigadas. Tamén, constitue unha oportunidade para revitalizar o culto (8).

1.2. As Misas
Na actualidade, o primeiro domingo de setembro, festividade do Santo Cristo, ofícianse misas rezadas dende as 8,30 horas da mañá ata as 13 horas da tarde, que é o momento no que se concelebra unha misa solemne; ésta é presidida polo Vicario da diócese, ao que acompaña o párroco da freguesía . Pola tarde, o párroco oficia unha misa as 18 horas. O lúns, día considerado como local debido a asistencia preferente dos membros da freguesía, ofíciase unha misa rezada ao mediodía e as 13 horas, concelébrase unha misa solemne. Antano as misas iniciábanse máis cedo. “Así, no ano 1929, a primeira misa oficiouse ás 5 da mañá e, logo, cada media hora ata as 11, que foi cando se concelebrou a misa solemne. No ano 1936, oficiaronse misas rezadas as 5,8,9,10,11, e as 12 concelebrouse a misa solemne” (9). Na actualidade, debido a falta de cregos e a que moitos dos que fican teñen xa certa idade, resulta difícil encontrar algún axeitado para oficiar misa. Isto motiva que todo a tarefa recaia no párroco.

1.3. Ritual Procesional
Logo da misa solemne das 13 horas sae a procesión e vai ata un cruceiro, distante uns 150 metros, circundandoo e retornando ao santuario, onde percorre o seu perímetro dúas veces. Nela participan unha serie de elementos:

- Unha cruz parroquial, portada por un fregués da parroquia.
- Un estandarte do Santo Cristo, levado por un devoto da freguesía.
- As advocacións marianas da Inmaculada e das Dores, portadas nas andas por catro mulleres da freguesía.
- As imaxes do San Miguel e dun pequeno Santo Cristo, levadas nas andas por catro homes da freguesía.
- A imaxe do Santo Cristo, portada por catro fieis da comunidade parroquial, que levan nos seus ombros unha capa mourada, símbolo do Nazareno.
- Os cregos concelebrantes e un grupo de gaiteiros, que van amenizando o acto relixioso.
- Finalmente, os devotos dispostos sen ningunha orde; éstes adoitan estar tamén nun dos flancos do camiño polo que transcurre a procesión.

Un dos obxectivos básicos da procesión é que a imaxe de devoción saía temporalmente do seu espazo sagrado para renovar e potenciar a súa acción protectora e purificadora de cara ao exterior. Deste xeito a imaxe acada a plenitude da súa funcionalidade.

NOTAS:
1. Datos aportados polo ex-cronista de Sarria, Xaime López Arias, da publicación “Sarria” dese ano.
2. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Manuel.: Viaxes con Anxel Fole, en www.manuelrodriguezlopez. org., páx. 58.
3. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Manuel.: Ob. cit., páx. 58.
4. GONDAR PORTASANY, , Marcial.: Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e nós-outros , Vigo: A Nosa Terra, 1993, páx. 153.
5. WILLIAM CRISTHIAN, A. Jr .: Religiosidad popular . Estudio antropológico en un valle español. Madrid: Tecnos, 1978, páx. 134.
6. Confraría. Ob. cit., páx. 117.
7. Datos proporcionados polo ex-cronista de Sarria, Xaime López Arias, da publicación “Sarria” deses anos.
8. ÁLVAREZ GASTÓN, Rosendo.: La Religiosidad Popular, Madrid: B.A.C, 1981, páx. 7.
9. Datos proporcionado polo ex-cronista de Sarria, Xaime López Arias, do xornal “Sarria”, dos anos 1929 e 1936.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania