Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia institucional

miércoles, 13 de marzo de 2019
Prometín falar de “violencia institucional”. Nada mellor que cunha historia que case podería contarlles en primeira persoa porque a sigo paso a paso. Historia que vou retomar para sumarme a unha Campaña que, de seguro, verán en varios medios de comunicación ou en redes sociais.

Non teño palabras nin me atrevo a poñerlle título a tal despropósito nun Concello que ademais alardea de superávit. Xa se darán conta que estou a referirme ao concello de Abadín. Ese superávit non chega a unha das súas veciñas que leva máis de 5 anos loitando pola eliminación dunha barreira diante da casa. Barreira que se formou con repetidas obras de asfaltado da pista. Atónitos fomos vendo como onde había certa accesibilidade “medraba” un desnivel que non pode salvar unha persoa en cadeira de rodas.
Violencia institucional
Igual se están imaxinando unha obra faraónica. É para pensalo! Pois todo se reduce a unha altura entre uns 12 e 15 cm e un desaugadoiro que, ao arrastrar lixo, provoca que tamén se lle inunde a casa. Difícil entender que se chegue a esta situación cando un informe técnico recoñece que o arranxo é viable e ademais económico. Estamos a falar duns 5600 euros. Lembren o de concello con superávit… Dáse a circunstancia de que hai uns días publican a aprobación de obras de mellora en distintas parroquias, incluída a da afectada, pero a ela aínda non lle toca.

Facendo unha pequena cronoloxía dos feitos hai que dicir que iniciou as súas protestas en solitario. Algunhas Asociacións tampouco se implicaron demasiado no tema e só algún medio de comunicación se fixo eco da inxustiza. Decidiu apelar á Valedora do Pobo sen resultados. Chegados a este punto fórmase un Grupo de apoio que decide retomar as xestións coa Valedora para reabrir o caso. Quizais confiaban en que un Grupo faría máis forza. Como diría alguén “craso error” porque só serviu para mandar e recibir escritos que completan un amplo dossier. Algunhas respostas semellaban máis unha tomadura de pelo que a mínima intención de solucionar o tema. Esta etapa vai xa para catro anos. Despois dunha entrevista coa Valedora e co compromiso de incluír o caso na memoria do ano 2018 que se remitirá ao Parlamento, acórdase facer unha Campaña de denuncia nos medios de comunicación que inclúe unha recollida de sinaturas.

Como de nada serviron escritos, reunións, comidas, estudios técnicos, referencias lexislativas… sigo a preguntarme que haberá que facer máis para que o Concello reaccione. Non se pode dicir que non se lle deron oportunidades de arranxar a barreira sen necesidade desta repercusión. Levo moitos anos, diría que toda a miña vida, loitando pola inclusión efectiva das persoas con algunha diversidade funcional. Podo asegurarlles que vin cousas de todas as cores, pero que algo tan evidente e de tan fácil solución se converta en problema non atino a comprendelo. Unha vez máis queda patente a vulneración duns dereitos elementais nunha soterrada violencia institucional que, moi de cando en cando, é noticia.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES