Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Empresarios que escorrentaron o medo

miércoles, 13 de marzo de 2019
En 1934 , Massó, a máis moderna conserveira de Europa do seu tempo, tiña a súa sinalética interior en lingua galega. Décadas despois, nos cincuenta, os Laboratorios Zeltia publicaban o “ Calendario ZZ”, íntegramente en galego, cando estaba prohibida a utilización do noso idioma nas relacións comerciais e publicitarias, distribuído por feiras e establecementos de comercialización dos seus produtos.

Anos máis tarde, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, retomou aquel discurso de galeguidade empresarial con notabre éxito. Por primeira vez escenificouse a constitución dun grupo de empresas que se deu a coñecer na publicación “A empresa en galego”, unha edición moi coidada, na que unha ducia de directivos anunciaban a incorporación da lingua galega a algunhas das súas actividades. En COVSA (Construcións Obras e Viais), Construcións Malvar, mesmo chegaron a ter no cadro de persoal a figura do normalizador lingüístico. Supermercados Vego, nun período ben curto de tempo fixo visible o proceso galeguizador nos seus supermercados. Pero a Empresa Castromil fora a máis mediática. Nas hemerotecas queda constancia da celeridade daquel proceso que contou co entusiasmo do director xeral da empresa, don Ramón Castromil.

Editáronse os “Contos do Castromil” e puxéronselles cos nomes de escritores e
personaxes da historia de Galicia a toda a frota de autobuses; accións merecentes da louva dos usuarios daquel medio de transporte.

Aquela eclosión de galeguismo empresarial desenvolveuse coa indiferenza das escolas de negocios das caixas de aforros galegas encargadas de formaren a directivos empresariais, e das facultades de económicas das tres universidades galegas, que aínda seguen ignorando nos seus plans de estudos a historia do pensamento económico galego e dunha tradición empresarial galega precursora da filosofía da responsabilidade social corporativa.

Malía estas actitudes, o máis difícil estaba feito. Para dar continuidade a ese labor encargouse o Foro E. Peinaddor. Nese camiño é de salientar a excepcional colaboración de don José Francisco Viñas, presidente do Estaleiro Hijos de J.Barreras e de don José Domínguez, presidente de ACLUNAGA (Clúster do naval).

En dúas ocasións celebráronse senllos actos de investidura de galeguidade empresarial, paralizando a actividade laboral para que obreiros e convidados ao acto participasen naquel feito sen precedentes na historia de Galicia e noutras comunidades autónomas con lingua de seu. De todo aquilo quedou constancia audiovisual en www.galeguizargalicia.com (“Barreras galeguízase” e “Embarcamos coa lingua”).

Parello a este labor, o Foro E. Peinador desenvolvía outras accións para galeguizar as empresas do sector agroalimentario, nomeadamente o sector vinícola que tan bos resultados deu, secundado por outras do mesmo ámbito que incorporaron o noso idioma á etiquetaxe dos seus produtos. Deste xeito conseguíuse a visibilidade da lingua galega nos mercados, mesmo nos internacionais.

O próximo día 27 a Vermutería de Galicia, que fabrica o coñecido Vermú Petroni, e a prestixiosa Conservas Friscos de Catoira, presentarán a primeira marca de mexillóns etiquetada en galego. Estamos no certo ao afirmar que o seu exemplo terá o arrastre suficiente para que dentro de pouco tempo outras conserveiras segan o exemplo.

Agora teñen a palabra os consumidores; os que están preocupados pola nosa economía e un futuro mellor para a nosa lingua.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania