Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (7)

martes, 12 de marzo de 2019
…/…

¡Por fin, un DOGa chamou á súa porta: As tan esperadas oposicións…!

-Romeu, díxome o Xefe que agora non vale asomarse á ventá para velas vir, que houbo reclamacións de pesos pesados, e que…, que se acabaron os escándalos, así que cómpre chapar…, e mellor será facelo antes de que perdámo-los hábitos!

A partires daquel día, daquela lectura, nin piano nin café das catro. Nesta ocasión a opinión deixou de ser dual para pasar á máis absoluta unanimidade.

-Cariño, daquela xa lle podes dicir a teu pai que deixe en paz a teu tío, pois desta, que tamén mo advertiron, acabouse o de, Tío, pásame o río!

-Meu caro Romeu, e non entendas mal pois o de caro vai polo que levo aguantado en ti con iso teu, cotián, de, ¡Quero un fillo, aínda que sexa femia! ¿Con tanta práctica matrimonial e aínda non sabes que iso dos fillos Y ou X depende do pai, só do pai, pois as mulleres só damos, só temos, X? De propósito, no sucesivo, para que eu poda opositar sen un neno no colo, ¡ou latex, ou nada!

-¿Luvas, no verán? ¡Daquela, sexa, que xa me aplicarei o, Salus pópuli suprema lex est! Todo pola Patria xa que a saúde do pobo é a primeira das leis, pero, unha vez aprobados, Patria, patria ou matria, que nolo mandou o Cura!

-O Cura tamén che dixo que, Compañeira e non serva, e ti, en vez de compracerme, en vez de gozala oíndo música de anxos, a miña, veña Café da Esquina!

-¡Egoísta, que es unha egoísta! ¿Quen botou a quen da casa? ¡Ti, aporreando no piano, que era un xeito simbólico, ou non tanto, de aporrear ao teu marido…, nas orellas, que é onde máis doe!

-¿Si? ¡Pois agora o verdugo vai ser este DOGa, que en vez de dobrarte no dominó, vante dobregar os apuntes!

-¿Amada Xulieta, dámonos un bico para…, para pactar unha tregua, que boa falta nos fará!

-¡Os abrazos, en Vergara!

-A min gústanme os de Lugo…, particularmente se mos dá unha tal Xulieta…, no alto da escaleira!

-Esa escena da escaleira está moi vista: no teatro, no cine… ¿Non será mellor na cociña…, que Aisa vai no Súper! ¡Ti, que es tan amigo das cousas raras, nunca me bicaches na cociña!

-Na cociña heite bicar o día que aprendas a cociñar, pero, de momento, mellor te quero estudiando…, polo perigo de que me podas envelenar!

Bico houbo, e tregua tamén, pois, para afiuza-lo seu porvir, o deles, e co deles o do seus fillos, eses parentes que se facían rogar…, cumpríalles poñer en práctica aquel imperativo de, Pátere quam ipse fecisti legem, sufrir a propia lei, esa lei de vida que esixe sacrificarse polo porvir…, e aínda así, tantas veces evasivo!
-.-

Un DOGa púxoos en corentena, e outro anuncioulles a boa nova: ¡aprobaron, ámbolos dous! Daquela si que houbo bicos e apertas; apertas e…, saltos dende o armario! ¡Todo pola Patria! Aquel éxito…, ¡o que ben se sementa non é éxito, senón froito! Aquel éxito propiciou un pacto de familias, confirmando o da voda. ¿Onde? ¡Mellor lonxe, que logo volve a haber comicios, e que non se diga que…, que todos son uns, que todos son iguais! ¡Non era político! Xa que tan saboroso era o porquiño da Mealhada, pois…, á Mealhada, Capuletos e Montescos, Montescos e Bailando na punta dun fuso (7)Capuletos, nun deses buses dos nenos da escola, que chaman menos a atención que un desfile de “haigas”, e sempre están dispoñibles os fins de semana! O peor foi que no hotel de Bussaco só tiñan dúas suites…, pero como os do PSOE, os Montesco, eran máis humildes, ou lles cumpría pasar por tales, invitaron aos PP, aos Capuleto, a gozar da segunda, subíndose eles ao terceiro andar! ¡Peor habitación, pero…, mellores vistas, todo o bosque de Bussaco!
-.-

Como tódolos santos deben ter oitava, ou pouco santos son:

-Pregunteille ao Xefe se podíamos, as vacacións, adiantar, agora que temos ese aprobado para celebrar…

-¡Que casualidade: eu tamén!

-O meu díxome que mellor antes do verán, para non ter que, as oficinas, baleirar!

-¡O meu tamén!

-¿Onde?

-¡Na Fonsagrada, agora que están os montes floreando, e nós, un Montesco…, coa Capuleta senlleira! ¡Fillos da Fonsagrada, carreira asegurada!

-Ou o piano de Chopin…; Valldemossa! ¡Faino por min!

-Por esta vez…, sen que sirva de precedente! E nas outras, tamén, aínda que, pola paz familiar, adoito calar!

¿Hotel mallorquino? ¿Onde mellor que no Calma, no hotel da Calma, agora que, sen fumadores, ou con eles escasos, o C´an Pastilla está calmado? De restaurante, ¡o Centro Bailando na punta dun fuso (7)Gallego! ¿Primeira visita? ¿Á catedral? ¡Si, á da música, Valldemossa chamada!
-.-


Nota:
Antes de ir a Mallorca ao tun-tun pásense, s´il vous plaît, por

http://gomezvilabella.blogspot.com
De mámoas e de talaiots.
Septiembre – 2013

unha guía que tanto sirve para vellos como para novos. ¡Grazas! ¡De nada: obsequio da casa!
-.-

Á volta de Mallorca, Madrid, capital das Españas, que diría o Manco de Lepanto. Primeira visita, obrigada, ad limina para un Xunteiro: A Casa de Galicia, a Casa da Acollida, a Casa da Simpatía, a Casa de Xosé Ramón… ¿Seguidamente?

Xulieta, moreniña de tanta praia mediterránea, e por tanto, suave, derretida:

-¿Que prefires, amor, ti, que ets la meva vida, o meu corazón, e case o meu cerebro, a miña conciencia…, polo que me corrixes; que prefires, Zoo ou Moncloa? ¡Despois non digas que sempre elixo!

-¡Coidado co que dis, miña encantadora encantada, pois as comparacións son odiosas, odiosas e perigosas!

-¡Este galego, sempre pensando mal! No Zoo, loros e cotorras; na Moncloa, negros! E para negros chegamos nós, na nosa Xunta, nese Olimpo dos deuses galegos!

-Daquela…, ao Cuartel da Montaña, ou ao Parque de Artillería de Monteleón!

-¿Por que, meu encanto, meu…, cascarrabias? ¡Douche a elixir, e ti elixes traxedias!

-¡Polo simbolismo que teñen para nós, dous guerreiros, dous alzados!

-¡O alzado es ti, pero, nin así, alzado de mala semente! ¿Oes, e non sería mellor que foses ao Especialista, aquí en Madrid, que aquí non te coñecen, e daríache menos vergoña se che din que es…, como se dicía? ¡Xa o teño, eunuco!

Boa a fixo, pois o desairado Romeu parou un taxi, e acabaron no restaurante dun hotel, mudos, temporalmente mudos! Feitas as paces, outras, outras máis, dispuxéronse a visitar Madrid; agora si! Segundo expresión do propio Romeu, tratábase de visitar as súas propiedades, tal que facía seu pai coas que lles tiña confiadas aos caseiros, ou logo, ¿non se erixiu ese monstro cosmopolita cos cartos, coas achegas, cos impostos das cincuenta provincias? Neste caso, deles, dos lugueses, era unha cincuentava parte, o suficiente para, nunha retrocesión, converter Lugo nunha nova capital da Gallaecia romana!

Mercaron unha guía “Trotamundos” nun quiosco, e comezaron a súa andaina na mesmísima Porta do Sol, dese sol que só fecunda España cando lle abren a porta os madrileños, encabezando o ano con doce uvas. Despois puxéronse de pé no Km 0, e desde alí, Xulieta, esta vez sen ás, quixo provocar ao seu Romeu, agora de bo humor:

-¡Todo isto che darei se es capaz de darme un bicazo, un bico de morreo, nesta acera de Gobernación!

¡Como se ía resistir o veronés, nesta enésima lúa de mel! E tampouco se lles resistiu aos Municipais, dous, dous auténticos osos, que saíron nin souberon de onde, acaso de detrás do madroño, do érbedo monumental, que o levaron detido á Comisaría máis próxima por…, ¡por escándalo público! ¿Por escándalo, no Madrid dos escándalos…? Cando o interrogaron, aínda que non habilmente, pois aquel sistema, o franquista, pasara de moda:

-¿Desde cando é escándalo amar, amar con frenesí, un amor dos que tanto se levan enxalzado aquí, aquí na Corte, que non houbo corrala na que non se representasen os máis célebres?

-Aquilo era romántico, señor. Vostede, que di estar licenciado en Dereito, non sabe que, tempus édax rérum, que o tempo destrúe as cousas? –Desculpouse o Cabo, dándose de erudito, como tódolos cabos deste mundo militarizado!

-¡Máis romano cá min, ninguén, que nacín en Lugo, e ademais diso, fun matrícula en Romano!

-Daquela, vostede é un Avogado ilustre? ¿Ilustre, e non é Parlamentario, deses que teñen bula…?

-Eu son dos que en Galicia chaman, “das Silveiras”.

-Debeu comezar por aí, que vostede si que é un Avogado ilustre, que llo denota a súa humildade; daquela váiase en paz, en paz e en graza de Deus, e goce larga vida con esta muller tan fermosa, un anxo, pero aquí non permitimos competencias coa nosa Cibeles!

-Entón, ela…, ¿ela, non ten delito? ¡Provocoume, e por iso a biquei! Daquela, préndea!

-Vostede será Avogado, será, que polos falares, trazas diso ten, pero burro, tamén! ¿Onde naceu unha muller, unha muller fermosa, que non sexa provocativa! ¡É unha atenuante; sempre o é!

Romeu aprobara as oposición da Xunta, pero aínda lle queda moito sen saber, sen aprender. ¡Para Madrid non daba a talla: tiña que seguir practicando no Multi de Lugo!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES