Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bibliotecas singulares

lunes, 11 de marzo de 2019
Plinio dicía que nas bibliotecas falaban as almas inmortais dos que xa deixaran este mundo. Algo así deberon de pensar os recolledores do lixo de Ancara, en Turquía, cando Bibliotecas singularesdecidiron hai uns meses recuperar dos contedores os moitos libros dos que a xente se desfacía e formar con eles unha gran biblioteca. E velaí como, nas instalacións dunha vella fábrica abandonada hai máis de vinte anos, estes varredores bibliófilos crearon un espazo bibliotecario no que xa poden consultarse cinco mil volumes, para os que mesmo teñen servizo de préstamo.

O caso desta orixinal biblioteca salvada das gadoupas do lixo que estes días ocupou a atención de moi diversos medios informativos non é único. Existen polo planeta adiante outros curiosos exemplos de bibliotecas que, pola súa funcionalidade, conformación, orixe, localización ou particular continente son verdadeiramente singulares.

Polo lugar no que se atopan, chaman a atención a Biblioteca Liyuan, ás aforas de Beijing, toda ela feita con paredes de madeira, ambientación zen e situada no medio e medio dun frondoso bosque; ou a Undergroud Library que dispensa libros nos vagóns do metro de Nova York.

Non menos curioso é o tanque-biblioteca que o artista Raúl Lemesoff creou como arma para combater a ignorancia no interior dun antigo Ford Falcon 1979, un vehículo de combate con torreta xiratoria e espazo abondo para case un milleiro de libros.

E velaí o Biblioburro ideado polo profesor colombiano Luis Soriano. Mercé a este infalible e ancestral sistema de transporte, son ducias as aldeas máis remotas de Colombia que puideron achegarse aos libros de préstamo.

Xenuína tamén é a Biblioteca Urbana de Saint-Étienne, en Francia, onde unha intervención deseñada polo artista Didier Muller deixa pendurando das árbores unhas caixas transparentes con libros no seu interior que calquera persoa pode levar baixándoos por unha corda; iso iso, a cambio de deixar no seu lugar outros libros de seu, nun perfecto modelo de xestión de intercambio sostible.

Visualmente moi atractiva resulta a coñecida como The Book Mountain, a Biblioteca de Spijkenisse, en Holanda, unha montaña de libros amoreados baixo unha estrutura piramidal de cristal semellante á do Louvre que forma unha ruta de escaleiras de case medio milleiro de metros e varios niveis de altura que convidan á lectura cun só golpe de vista.

Entre as iniciativas bibliotecarias máis espectaculares debe citarse a Logos Hope, un barco enteiro que funciona como biblioteca ambulante e solidaria por iniciativa da OM Ships Internacional e que dende hai unha década ten viaxado por medio mundo cunha tripulación constituída por voluntarios de máis de sesenta países. O barco, que supera os cento trinta metros de eslora, serve tamén como espazo para eventos culturais e leva a cabo doazóns a escolas desfavorecidas, tendo chegado xa a case cincuenta millóns de usuarios.

A todas estas insólitas bibliotecas habería que sumar moitas outras que poden atoparse ao aire libre en diferentes cidades; tamén as bibliopraias; as que están no interior de caixas de correos para bookcrossing ou en antigas cabinas telefónicas; as de intercambio veciñal, como a Little Free Library de Nova York con forma de casiña de bonecas chea de libros, ou a das estacións de metro londinense, coñecidas como Book Swaps for London; en fin, as futuristas e xeométricas Bibliotecas Públicas de Stuttgart (Alemaña) ou Seattle (EE. UU.)

Tesouros bibliográficos galegos
En Galicia existe unha notable rede de bibliotecas públicas e de institucións diversas, tamén non poucas particulares de mérito indiscutible.

Bibliotecas singularesAgora ben, pola importancia dos fondos bibliográficos galegos que atesouran -e tamén pola beleza e emblematicidade dos espazos que as albergan- coido que deben salientarse catro delas: a Biblioteca da Real Academia Galega, a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, a Biblioteca Penzol de Vigo e mais a Biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, tamén en Compostela.

A Biblioteca da RAG acolle un valiosísimo fondo, con legados bibliográficos e documentais de moitos próceres de noso. Está situada nun edificio que leva o número 11 da Rúa Tabernas da Coruña, un senlleiro inmoble que foi pazo de dona Emilia Pardo Bazán.

A Biblioteca Xeral da USC ten o maior dos catálogos de libro galego actual e antigo e está situada nada máis e nada menos que no Colexio fundado polo arcebispo de Compostela Alonso Fonseca III a principios do século XVI.

A Biblioteca Penzol de Vigo, con algo máis de medio século de vida, custodia o fabuloso fondo fundacional do benemérito bibliófilo galeguista Fermín Penzol, ao que foron adicionándose moitos outros materiais que inclúen dende textos medievais ata manuscritos dos máis grandes escritores galegos. A súa sede está nun edificio nobre da popular Praza da Princesa de Vigo.

Finalmente, a Biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (centro de investigación do CSIC) herdou o fondo histórico do mítico Seminario de Estudos Galegos que en 1923 axudaran a fundar Castelao, Otero Pedrayo e tantos outros. Localizada no hoxe pazo e antigo Hospital de San Roque en Compostela, é tamén un centro de referencia para investigadores e estudosos de toda parte.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES