Desbordado polas présas
Desbordado polas opcións. Desbordado polas présas. Aconteceu hai uns días, cando o ceo asomaba con nubes de algodón e, ós cachos, mares de néboa facían poñerme en tensión ó conducir camiño da aldea da muller, alá na parroquia de Macendo. Ó chegar, axiña empezou toda a carallada agrícola desta época. É dicir, que o paisa que escribe logo tivo que dobregar o lombo para poñer unhas gavias con verza do país (o

paduán e a muller, todo hai que dicilo). Esta, como é a que manda, tanto na súa casa coma na dos demais, dixo de botar as patacas logo de poñer a horta. Algo cedo pero, que carallo, hai que aproveitar ó paspán, non vaia ser que asome o mal tempo e se alongue a sementeira dos tubérculos. Así é que, antes de xantar, aínda houbo tempo para sementar tres regos. Logo, media hora cunhas cabezadas e volta á faena. Con présas. Porque sabía que me quedaban aínda algúns asuntos que tiña que resolver: ver o Huesca-Sevilla ás seis e pico, porque todo o mundo sabe que no equipo aragonés xoga ese veciño e crack chamado David Ferreiro; ver o clásico Real Madrid-Barcelona; ver algunha película (se a había) e escribir o Recuncho Hebdomadario para este xornal. Por iso é que baixei o carrelo e deixei que os cadrís apandasen co sacho. Vaia se apandaron!
Os heroes de Barbadás
Chove. Tamén choveu toda a tarde. E non obstante, os heroes de Barbadás saíron a desfilar pola Avenida de Celanova, pola Valenzá. Así hai que chamarlles: heroes. Porque hai que ter peito para botarse á rúa en tales condicións. E botáronse. Para facer a delicia dos espectadores que, estes si, estaban acochados baixo paraugas, balcóns ou lonas de terrazas. Tarde desapracible para un desfile de Entroido que, ante as

adversidades, os galácticos, velutinas e diversos seres mitolóxicos puxéronlle boa cara ó mal tempo e, animados por músicas e bailes, tiraron cara á adiante e racharon a escuridade dunha tarde xarota e moi chuviosa. Chove. Chovía no desfile. Unha auténtica carallada. Principalmente para eses nenos que van como van vestidos e cos traxiños enchoupados e o frío arrabuñando nas súas peles. Emporiso, eles, co sorriso nos beizos, lanzaban caramelos e emocionábanse ó atoparse con amigos, con veciños, con coñecidos. Chove. Chovía no desfile. Porque a pesar dos pesares celebrouse e haille que dar todo o mérito a todas esas comparsas que lle botaron peito ó asunto e se dixeron que: aquí, de medo, nada! Tiraron para adiante. Baixo paraugas algúns, pero a maioría, baixo unha chuvia que non foi capaz de aguantar un día máis sen aparecer. Pero á que venceron con ilusión, ganas e sorrisos.