Dicir 8 de marzo, Día Internacional da muller, non é suficiente. O noso colectivo, estou a referirme ás mulleres con diversidade funcional, forma parte do conxunto homoxéneo dos discapacitados e somos máis visibles como discapacitadas que como mulleres.
A Convención de Nacións Unidas recoñece que a discriminación contra calquera persoa

por razón da súa discapacidade constitúe unha vulneración da dignidade e o valor inherentes ao ser humano. Un apartado do preámbulo considera que las mujeres y las niñas con discapacidad suelen estar expuestas, dentro y fuera del hogar, a un riesgo mayor de violencia, lesiones o abuso, abandono o trato negligente, malos tratos o explotación. En definitiva, diversas formas de discriminación.
Formamos un grupo social illado e invisible no que a discapacidade tapa outras dimensións. Algunhas formas non se perciben como violencia de xénero porque se asocian a marxinacións por motivos da discapacidade. Precisamente por iso moitas mulleres chegan a ver normais situacións de abuso e ademais cun risco menor de ser descuberto. Así o número de denuncias é irrelevante. Por outra banda, teñen menos alternativas para escapar, poñer fin ao abuso ou defenderse por si mesmas. Lembremos, a modo de exemplo, un titular recente entre outros tantos
Pena mínima por abusar en grupo de una discapacitada intelectual que no resistió lo suficiente. As palabras exactas foron que le faltó contundencia a la hora de frenar una situación no deseada. A rapaza ten un grao de discapacidade dun 69%.
Os programas dirixidos a informar e asesorar contra a violencia tampouco teñen en conta as nosas peculiaridades, converténdose así en inalcanzables. O xénero e a discapacidade case non se consideran. Quizais hai unha maior concienciación para atender a mulleres con algunha discapacidade consecuencia dalgún acto de violencia, e non así para as que sofren violencia precisamente por tela. Tampouco podemos esquecer as barreiras físicas dos propios recursos.
As mulleres con diversidade funcional son ante todo mulleres, sobre as que as desigualdades inciden da mesma maneira. As maiores taxas de desemprego fan que vivan nunha situación de dependencia económica e, como consecuencia, de maior vulnerabilidade. Os datos falan de que a violencia pode ser cinco veces maior.
Cansamos de repetir que somos dobremente discriminadas. A nosa reivindicación é, unha vez máis, que se nos considere mulleres por encima de calquera limitación e que os distintos foros nos dean a oportunidade de expresar ou debater a nosa problemática específica. Remato lembrando que unha forma de violencia é a institucional. Ten moitas caras aínda que actúa de maneira menos visible e quizais pasa máis desapercibida. Falarei dela máis detidamente na próxima ocasión.