Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Finlandia

miércoles, 12 de diciembre de 2007
Na xeración pasada, Finlandia tiña para os peninsulares unhas características de descoñecemento ás veces bordadas por tópicos como o país do Papá Noel, a sauna, grandes bosques, frío... poucas eran as persoas que, ademais, sumaban os lagos ós bosques, a guerra coa Unión Soviética e posterior fronteira a modo de Finisterre na guerra fría e cousas polo estilo.

Nesta xeración xa soa máis o finlandés, de man de Nokia e as papeleiras, ó que se engade a sustentabilidade dos bosques, o alto nivel de vida e, relacionado, os primeiros postos na economía do coñecemento. Agora tamén se engade PISA. E pasa o país da realidade a moderno mito de terra onde atan os cans con longanizas. Todo, ó tempo no que cada vez se din cousas máis dispares sobre educación.

Rematan de sinalarme un artigo de Vicente Verdú sobre o tema PISA e a contestación (ó meu ver, moito máis atinada) de Antonio Muñoz Molina, que coido só ten un defecto: a súa cortedade, pode que debido a querer acentuar a contundencia ou por crer que non merece máis atención. Pero Finlandia si merece máis atención. Non para quedar mirando o seu sistema educativo, a súa cultura e o seu lugar punteiro en educación e en economía 'do coñecemento'.

Fálase de que en Finlandia, país campión das tres edicións do 'Informe PISA', que ademais incrementa a súa puntuación, dedícanse máis cartos á educación que aquí, que hai máis igualdade (a pesares de que aquí está demostrado que somos dos máis igualitarios), que a educación ten máis consideración que na nosa terra (e tamén os educadores teñen máis consideración). Tamén se fala de que non deixa de ser unha estatística, e polo tanto cunha marxe de erro, que os resultados non parecen depender das leis, e polo tanto de cousas como a centralización/descentralización de programas, que hai pouca variación entre os resultados das diferentes edicións (lóxico se pensamos que a formación dunha persoa non é cousa dun día, co que é previsible que os próximos resultados correspondentes a España non sexan moi diferentes dos actuais)...

Todo eso, e moitas cousas máis, parece ser certo, semellan ser 'verdades como puños'. E non digo que non o sexan, pero pararíame en algo diferente. Ó PISA dáselle moita importancia como xerador de opinións e logo de polémica, de movemento. E está ben que se teña movemento sobre educación, porque fai falta centrar o debate, pero tamén opino que boa parte desa importancia ven dada por transferencia: non se lle da directamente á educación, procúrase un chivo expiatorio e fálase. É abondo probable que os finlandeses en xeral esbocen un sorriso en pensen en seguir traballando para mellorar a educación en troques de comentar e discutir sobre a súa boa posición nos resultados do informe.

A educación é o resultado dun proceso incremental no que o que conta é o individuo. Si ou non? Se é así, a estrutura pode axudar, pero o que conta é a dedicación de todos e cada un. Se non é así, sigamos a comentar PISA e non ó día a día educativo.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES