Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A chave dos soños

miércoles, 06 de marzo de 2019
I - Un apalermado Luís cruzou o marco da porta de entrada do piso como alma en pena. Arrastrando os pés polo parqué, pasou por diante da porta da cociña, cos cristais embazados polos vapores da cea, de camiño cara o seu cuarto.

Naquel intre, a voz da nai asomou polo corredor inquirinte:

- Neno, que tal che foi no dentista?
- Ben, - dixo Luís coa desgana de sempre - aínda veño de alí agora.
- Agora? Pero, tanto tardou en atenderte?
-Psss!

Xa no cuarto, escoitou un chisco de música heavy tirado por enriba das mantas. Estaba baldado. Unha rapaza loura, vestida cun tanga pequerrecho e deitada sobre o capó dun Ferrari amarelo, reparaba con indiferenza a escena dende a parede. Naquel DIN A2 plastificado estaban representados todas as aspiracións dun rapaz de dezanove anos.

Achegouse de novo ata a porta da cociña e sen entrar de todo dixo con cara de canso:
- Vou para a cama, que non podo coas pálpebras.
- Xa!? E non ceas?
- Non, xantei ben a mediodía. Ademais teño a boca e a gorxa reseca, con sabor a non sei que.
- Normal! Canto che cobrou Daniel?
- Dixo que xa lle pagarías ti.
- E pola mañá, gañastes?
- Perdemos co Polvorín 4-3

- E sen máis rodeos encamiñouse cara o cuarto.

O cadente peteirar das gotas de chuvia contra a ventá de PVC arrolou a un Luís acochado entre as cálidas sabas de flanela. Aquel decembro de 1999 non estaba dando respiro á poboación luguesa, e o Miño ameazaba con roubar definitivamente as marxes máis inmediatas.

Concha, a nai de Luís, estaba afeita ás contestacións monosilábicas do fillo máis novo. Antes non era así, era riseiro e bromista, pero aquel fatídico día marcara un antes e un despois na vida de todos. Ela tampouco estaba para conversas transcendentais, a empresa de construción, na que traballaba como administrativa dende había dez anos, pasaba por malos momentos.

Aló polas dez e media, o móbil de Luís remexeuse inquedo por enriba da mesa de noite coma un becho dixital en celo. Ao intentar collelo tirou co reloxo ao chan e o ruído espertouno de todo.

-Siii.
- Luís, son Leticia... estabas durmindo?
- Que che parece? - Dixo retranqueiro.
- Pois que me vai parecer! Sabes que día é hoxe?

Luís decatouse de que esquecera algo importante, pero as súas neuronas movíanse con pés de chumbo por aquel lamacento cerebro. Sen dar moito tempo, Leticia continuou a rosmar cabreada:

- Luís, flipo contigo! hoxe fai cinco meses que saímos xuntos! Ou é que xa non che importo? - Sen agardar resposta, Leticia seguiu recriminándolle a súa actitude pasiva - Chameite a mediodía e non dixen nada agardando que te lembrases pola tarde, pero nada, es un puto desastre!

- Síntoo, de veras…
- Como que o sentes! sempre fas o mesmo! se o sentiras, acordaríaste algunha vez. Pero sabes o que che digo, que paso de ti – e cortou o teléfono.
- Merda!

Un Luís, consciente do erro que cometera, decidira non volver a chamar a Leticia. Estaba demasiado canso para seguir discutindo e cabreado á vez porque lle reprochasen esas parvadas. Mañá sería outro día e con sorte estaría máis serena.

II

Luís achegouse, como moitas outras tardes, ao cíber da rúa Vilalba, pero desta vez cunha encarga ben específica da nai, “Luís mira as oposicións para Garda Civil, ou seica vas estar sen facer nada toda a vida. Polo menos alí pagaranche!”. Levaba repetíndollo tantas veces que por non aturala máis, estaba disposto a seguirlle o conto das oposicións.

Á vez que abría a páxina dunha academia de Lugo que as preparaba, iniciou o chat e a páxina de tuning de moda. Fervía por ter coche de seu e vacilar cos colegas. Calquera automóbil de segunda man, por moi ruin que fose, podía dar de si nas mans dun autentico especialista.

Na páxina web, había cumprida información sobre as oposicións, pero ler todo aquilo traíalle lembranzas amargas que aínda o magoaban por dentro. O seu pai fora Garda Civil, antes de que aquel lamentábel suceso lle rabenase a vida.

Criárase nun cuartel do País Vasco con outros moitos rapaces e a súa infancia mudou de súpeto o día que se trasladaron de volta a Lugo. Nunca rematou de afacerse á gran vila amurallada.

No chat, unha rapaciña que se facía pasar por Jessi, rosmaba nunha linguaxe cibernética gabando o seu físico. Luís non quixo entrar ao trapo. Hoxe non. Botou unha ollada no apartado de rallyes e o enlace abriulle unha páxina con contidos eróticos. Pechouna sen darlle importancia, pero aos poucos segundos outra xanela agromou no medio da pantalla. Un rapaz moreno e corpulento tapaba o paquete coas dúas mans, nun típico anuncio para alongar o pene. Unha erección repentina oprimiulle os axustados vaqueiros de marca na entreperna.

Confuso, pechou todas as páxinas web, menos a da academia e tratou de non darlle máis importancia ao asunto concentrándose no temario das oposicións. El tiña ben claro o que quería na vida, de feito levaba con Leticia máis de sete meses, todo unha marca de estabilidade sentimental, iso si, con algún que outro quebracabezas polo medio.

III

Afonso aparecera na súa vida cando Luís tiña doce anos. Era amigo da súa tía Matilde, a irmá de Concha, e dende aquela, convertérase no maior conselleiro de Luís. Afonso era psicólogo e tratara a toda a familia despois da morte do pai.

Fora tremendamente horríbel. Andrés metera a pistola na boca e marchara sen despedirse, deixando como herdanza un océano de interrogantes entre os seus achegados.

Seguírao tratando ata os quince anos e, dende aquela, quedaran un par de veces para tomar algo e falar amigabelmente. Depositara tanta confianza nel, despois do rexeitamento inicial propio dun rapaz da súa idade, que vía en Afonso a algo máis que o pai que acababa de marchar, a un irmán maior, a un confidente.

A calor do incipiente verán facía que estivese incómodo naquela estreita sala de estar con diplomas de cursos e congresos de psicoloxía por todas as paredes. Cando sucedera o accidente, Afonso era un rapaz que acababa de rematar a carreira e consultaba na sala-comedor do piso dos pais. Coma sempre, os comezos profesionais tenden a ser difíciles.

Pensou nos acontecementos dos últimos meses, intentando ordenar as ideas para axilizar a consulta e sentíase incómodo coas lembranzas. Limpaba as mans suorentas contra as perneiras dos vaqueiros mentres repasaba cada un dos pesadelos con detalle.

Todo comezara dous meses atrás cun soño sen importancia que axiña esqueceu. Nel, vía en branco e negro, dende o recanto superior dun cuarto con pouca luz, como un home bicaba a outro aparentemente máis novo. Non había máis, todo era moi impreciso e non se apreciaban sentimentos por ningures, nin sequera nel, que reprobaba con xenreira os escasos xestos de homosexualidade que vía polas rúas.

Semanas máis tarde, volveu a aparecer ese mesmo soño e puido percibir con máis detalle como o home maior, despois de bicalo, espía ao rapaz da cintura para arriba. O mozo, que parecía non inmutarse na escena, estaba sentado nunha butaca dun cuarto con máis luz que no anterior pesadelo e carente de mobiliario.

Aquilo coincidiu cunha forte liorta na parella que continuou cunha tempada de reflexión sobre a relación, con cada un pola súa parte. Luís non lle dixera nada a ninguén pero sentíase fatal ao pensar que puidera ser homosexual. El, Luís, o rapaz máis “machote” do instituto, El, que cativara a atención das mellores rapazas de Lugo, El, que desprezara unha e outra vez aos homosexuais coma se leprosos foren.

De novo, o pesadelo recorrente fixo acto de presenza no enleado caletre de Luís. A película, da que era fiel espectador dende había unha tempada, proxectábase cada vez máis nítida. O home maior semellaba un médico, pola bata branca que vestía, e o cuarto onde se desenvolvía a acción, unha típica consulta da seguridade social. Sen ver a faciana de ningún dos personaxes, observou como o home espía paseniño ao rapaz, aloumiñando o seu torso rexo con sensualidade.

El parecía cómodo sendo público daquel filme erótico. Desabotooulle o pantalón vaqueiro e meteu a man para xogar con picardía e nese momento un estourido de pracer e fluídos espertou a Luís no medio da noite. Chorou desconsoladamente de impotencia e xurou pórlle remedio con urxencia. Non estaba disposto a aturar máis as dúbidas que o asoballaban. As cousas con Leticia seguían mal e a súa vida sexual era máis escasa que nunca, cousa que non o tranquilizaba en absoluto.

Ao pouco, asomouse a rapaciña da recepción na saliña,

- Luís, xa podes pasar. O doutor estate agardando dentro.
“Hai que ver o ben que lle foi a Afonso neste tempo”, pensou Luís para quitarlle ferro ao momento.

IV

O verán murchara e xa apetecía pór unha mantiña no leito. Luís seguía cada vez máis convencido de sacar a praza e darlle un sentido á súa vida aos vinte anos acabados de cumprir. O que comezara como un xogo para que a nai o deixase en paz, rematara enganchando a un rapaz que nunca estivera motivado polos estudos. Viviu sempre con todas as comodidades dunha familia de clase media que quere que os fillos non pasen as penurias que pasaran os pais de novos, pero parecíalle lamentábel depender a súa idade dos ingresos da nai. El quería ser libre, mercar un coche, arranxalo, vivir sen dar explicacións de se vas ou se vés, e dérase conta naquel preciso intre da súa existencia. A relación con Leticia rematara e en vez de lamentarse sentíase ceibe coma un corvo mariño, con ganas de comer o mundo.

Aquela noite remexérase no leito ata caer da cama. Fora unha beizón rematar daquel xeito o seu pesadelo. Ergueuse suorento e acendeu a luz do cuarto.

Estaba pálido e non sabía se berrar ou non. Era tal o seu desconcerto que lle tremían as pernas. Aquel pesadelo era a trabe de ouro dos males dos últimos tempos. A chave dos soños.

Era noxento pero vírao todo ata o detalle máis ínfimo. Deixara de ser espectador para converterse no rapaz novo do soño. Vira a faciana energúmena daquel home que non deixaba de tocalo espido. Lembraba con todo detalle os recunchos daquel cuarto sinistro.

Que facer? Non tiña probas nin testemuñas de nada, só os seus soños. Aquela noite non durmiu reflexionando todas as posibilidades. Nunca pensara que algo así lle podía ter acontecido.

V

Sorteando a balloada daquela dura tarde de inverno, Luís achegouse ata o dentista de sempre na rúa de San Roque. O vello paraugas marrón, que roubara no ateigado pub O Estalo a semana anterior, fora incapaz de protexelo dunha auga que batía furiosa contra a beirarrúa e non tiña visos de remitir tan axiña.

Estivera na consulta a semana anterior facendo unha revisión rutineira e consultando unhas molestias nunha moa. O doutor dixéralle que antes de empastala era preciso baixar a infección e receitoulle uns antiinflamatorios.

Daniel levaba sendo o dentista da familia Silvosa dende que regresaran a Lugo. Coñecía os pormenores das súas vidas como se dun familiar próximo se tratase; os estudos, os amores, os medos… Tiña un corpo moldeado no ximnasio máis caro de Lugo que disimulaba a súa escasa estatura, e aos corenta e un anos, separado xa da dona, decidira tinguir as canas e engomar o pelo cara atrás, nun aspecto de dandi digno de ver.

Concha, pasado o mal trago do marido, deixábase seducir polas verbas sempre atentas de Daniel. Non había máis nada, pero Concha soñaba con recobrar a ilusión dos amores de antano. Era iso o que a ataba a unha xuventude deteriorada polos anos e as malas xogadas da vida.

Aquela mesma tarde, Concha acompañaría a Luís ao dentista se non fora por unha inesperada chamada do xefe para que se achegara urxentemente polas oficinas. Luís, agardou na sala de espera lendo unha revista de coches. Coa estrita puntualidade de sempre e co mellor sorriso, Daniel fíxolle un aceno para que entrase.

Mentres preparaba o instrumental preguntoulle pola nai e pola irmá maior que estaba rematando en Santiago Enxeñaría Química, coa familiaridade que dan tantos anos de consulta. Sentou no butacón mentres Daniel facía unha exploración previa.

- Parece que xa baixou a infección. O que non entendo é como tardaches tanto en vir por aquí.

Luís saltárase a recomendación da revisión cada medio ano, era certo. De feito había máis de dous que non pisaba a consulta, e se o fixo nesta ocasión, foi por insistencia materna. Se por el fose aguantaría máis tempo sen ir, coma se o tempo conseguira curar todas as doenzas. Luís odiaba os médicos, sobre todo, porque temía as picadas. O que non lograba entender era como podía estar tan afectada aquela moa; a el non lle doía tanto.

- Desta vez téñoche que durmir a zona, senón vaiche doer moito.

Luís puxo cara de sufrimento. Daniel sabía dende sempre que Luís tiña fobia ás xiringas, pero entre a nai e el íano reducindo. Aquel día a vítima estaba soa.

- Luís, se non queres pasar un inferno en vida, compre durmirte.

Luís volveu a torcer a cara tremelicante. Non fora moi tranquilo á consulta pero nunca pensara que a cuestión derivase por eses vieiros. Pese a que se cría moi maior, naquel intre botou de menos a nai.

- Pero se queres - seguiu falando Daniel - hai outro procedemento menos doloroso… pero non vai ser boa idea.
- Daniel, por favor, dime cal é. Prefiro calquera cousa antes que a picada.
- É mellor que non, poderíame traer problemas.
- Veña Daniel, que hai confianza, pídocho por favor. Calquera cousa en vez da picada!
- Ben, cóntoche, hai moito tempo os dentistas, e os médicos en xeral, empregaban para anestesiar éter. Botaban unhas gotas en algodón e o paciente ao inhalalo durmíase.
- Coma nas películas! - dixo un inocente Luís medio sorprendido, medio ilusionado por albiscar unha saída.
- Efectivamente. Ben hai veces que aínda se emprega - dixo Daniel para quitarlle ferro ao asunto - pero non é moi habitual. A ver, déitate para atrás e respira fondo.


FICHA TÉCNICA
Idioma: galego.
Xénero: narrativo (relato).
Público:xuvenil-adulto.
Ano creación: 2007.
Publicación:“O asegurador de OVNIS e catro contos máis, Premio Ourense de Contos para a Mocidade 2007”. Xunta de Galicia. I.S.B.N.: 978-84-453-4551-1. Páxinas: 68.
Outros:accésit no “XXIII Premio Ourense de Contos para a Mocidade”, organizado pola Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense no 2007.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES