Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O martes de Entroido

lunes, 05 de marzo de 2018
Cada amencer ao que renacemos ten un leito destinado a arrequecelo coa nosa creación e orixinalidade, emporiso este Martes de Entroido chama a nosa atención pola fervenza de iniciativas que está a provocar entre nós. Todo se pon “vento en popa” a prol da maxia humana, e así a pesares do cambio climático, somos capaces de superar as súas desfeitas coa enerxía da tradición e hoxe imos queimar o entroido, é dicir, as treboadas do inverno e debecer pola primavera...

Todo un rito precedido por un “sermón” inzado de diatribas contra o escurantismo que quere engulir esta cultura de ben que estamos a protagonizar coas comparsas deste ciclo grazas ao voluntariado achegando cadaquén o seu humor e a súa arte. Estamos a falar do entroido na rúa, desa vontade por partillar a creación individual a prol da comunidade ateigando as nosas casas, rúas e corredoiras de festa. Non vou determe no labor xa clásico de colectivos coma o de Baamonde liderado polos irmáns Corral que percorreron o país coa súa maxia e gargalladas ou a Asociación Cultural “Val de Francos” que está a representar todo este mundo de andrómenas e sátiras ao xeito chairego tal coma aprendemos no libro que eles editaron: Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido (1993), coordinados polo animador sociocultural Xosé Manuel Carballo de Castro de Rei.

Arestora quero remarcar a enerxía e retranca das manifestacións máis espontáneas da nosa contorna. Nos días xa transcorridos deste tempo fun testemuña de que o entroido enfortece o sentido comunal das nosas tradicións e estreita os vencellos das nosas veciñanzas mesmo promocionando a interación entre as xeracións rachando con todo tipo de lindes. Foi esta maxia do noso pobo a que liberou esta festa do risco de converterse nunha entelequia da súa forza primixenia ameazada por un consumismo que a quixo enlatar encorsetada en formatos e locais comerciais afastados da música da natureza e do ruído da vida en común. Estamos nunha explosión de todos os sentidos dende as cores das chorimas que visten a nosa paisaxe ata o recendo da cociña das avoas froito dunha arte secular que se reproduce grazas a certames coma o do grelo de Gontán ou a filloa de Moimenta.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES