Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 01 de marzo de 2019
: O birlibirloque dun conto

Pingas de OrballoRapidiño e correndo. O birlibirloque dun conto está na forma de contalo. Podo contalo cos dedos das mans ou a través dunha canción de Cyndi Lauper. Así de simple. Tamén podo oulear desde un outeiro facendo de lobo pero sen ser lobo. Non é tan fácil ser lobo! Facemos mellor de cordeiros. Somos máis mansiños. Queren e desexan que sexamos máis mansiños. Así de sinxelo. E nós, por arte de encantamento, facemos maxia bailando sobre a punta dun dedo, é dicir, ó son que nos tocan. Xa quixera eu saber tocar o son de Miles Davis, por exemplo. Rapidiño e correndo miro o reloxo e vexo que é tarde, moi tarde. A unha menos cuarto da noite. Así é que non queda outra que dicir que todo ten o seu principio e a súa fin. Isto empezou e tamén acabará. Que remedio! Tamén empezan e a acaban os temas ou as bandas sonoras do mestre Morricone. Tan só non quero que acaben os contos, aínda que non os saiba contar, ou aínda que os conte de distinta maneira. É bonito que algunhas cousas teñan dúas versións. Tamén é un crime que a algunhas obras mestras lles fagan unha versión ou continuación. Menos mal que eu nunca deixarei caer sobre o papel nin tan sequera un chisme ben contado; polo que, cando remate aquí, rematará para sempre. Rapidiño e correndo xa foi. Ou xa o contei.

Promesas sen feitos

Estamos na etapa das promesas. Das promesas que se lanzan ó vento. Despois, a realidade dinos que os feitos traen tempestades. Ai esta política nosa! Ou estes políticos nosos. É un dicir iso de chamarlles políticos. Menos mal que temos a Paquiño Sinatra que, de cando en vez, sosega moito as tensións. Polo menos a min axéitame ese estrés que me entra cando escoito, cando vexo ou cando leo o que din a maioría dos políticos. É un dicir iso de chamarlles políticos. Certo que a eles non lles preocupan os nosos pensamentos, eles van e veñen por toda a xeografía española para lanzarnos esas promesas que nunca chegarán a feitos. Certo que durante a campaña electoral Pingas de Orballopercorren o demo e máis de sitos. Percorren tantos que cansan e, despois, durante catro anos xa se esqueceron por completo deses lugares. Ou sexa, que sempre se acordan de Santa Bárbara cando trona. Logo de deixar de tronar, e dicir, logo das votacións só se acordan do patrón dos nugalláns; uns din que é San Isidro e outros que Santo Domingo. É igual, vós ben sabedes por onde van os tiros. Realizan debates, berran nos mitins, inauguran se fai falta refachos de aire ou arames de alta tensión para que pousen os paxaros. O caso é cortar cintas. Estes políticos... É un dicir iso de chamarlles políticos.

Nun tronco de carballo

Sento nos restos dun tronco de carballo camiño do muíño do Dositeo e dáseme por pensar nun neno africano cruzando o Mediterráneo. A vida ás veces dá labazadas que te enterran. Ou que te afogan. Sinto o canto da rula e deixo que o meu pensamento choute do neno africano á fermosura do paxaro. Como cambian os soños en centésimas de segundo! Ou nun impo. Por moito que tratemos de pensar no anverso da moeda, en algún momento, aínda que só sexa nun salouco, tamén asoma o reverso. Ou viceversa. É certo aquilo dos prós e contras, do bipartidismo, do si ou non, do branco ou negro, do amor ou xenreira. Empezo a mover os pés porque un tema musical de Vangelis viaxa polos auriculares e a música calma ás feras. Ou che deixa a mente en branco e desaparece por fin a imaxe do neno africano cruzando o Mediterráneo. Miro de novo para a esquerda e alí segue a rula ollándome desde unha pedra da parede. Desa parede chea de mofo na que recosto as costas e deixo que o asubío do aire me leve polo carreiro que baixa ata o muíño do Dositeo. Antes chifra un tren na estación de Baños de Molgas para, nun amén, notar como penetra no túnel que hai antes da ponte das Cepas. Ergo do tronco do carballo, espanto á rula e alá se acabou a inspiración, o anhelo, o desexo, o devezo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES