Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A democracia interactiva

viernes, 01 de marzo de 2019
Lembre o lector que hai unhas semanas, nunha colaboración, escribíamos sobre a responsabilidade do cidadán, como membro da sociedade civil, na xestión dos asuntos públicos. Pretendemos nesta aportar algo que consideramos adecuado para complementar o seu contido. Pero é que, ademais, todos os días sae a palestra a necesidade de rexenerar a democracia, e pensamos que talvez sexa, tamén, unha posible solución á hoxe coñecida como “democracia interactiva”, consecutiva ao emprego e aproveitamento da eficacia dos medios tecnolóxicos dos que dispón a sociedade civil no ámbito da comunicación.

A sociedade actual, que desconfía das institucións, manipuladas politicamente, ten nas súas mans a posibilidade de tratar de infundir os seus valores, precisamente rexeitando aquelas decisións políticas que pretenden neutralizalos, facendo uso da enorme influencia que hoxe en día posúen as redes sociais; pero é mester dotarse dunha adecuada organización, como ocorre co poder económico ao pretender eludir, ou cando menos dificultar, o seu control: É o que Javier Cremades denomina MICROPODER, nun libro que titula así e ó que enseguida faremos alusión.

Cando nos di algún político que España ten unha democracia forte, non podemos menos que pensar que se pretende colarnos un bulo, porque o sentimento común, en Europa, por non dicir no mundo, é que as democracias están máis debilitadas, pois, como escribe Cremades, cada vez están máis esvaecidas debido os diferentes modelos en que se presentan, e incluso hai analistas que lles atribúen un carácter asintótico, considerándoas non como algo logrado, acadado, senón como algo ao que se tende.

Pero todo se presenta con tal complexidade que esta tendencia tamén queda bastante imprecisa coa aparición do POPULISMO, ese inimigo da democracia representativa, e que xurde, principalmente, debido a que os cidadáns desconfían bastante dos mecanismos de representación, despreocupándose da dinámica política; pero hai que considerar seriamente que a democracia é algo máis que celebrar eleccións, posto que os gobernos que saen das urnas poden devir corruptos e irresponsables, e, aínda que non sexan necesariamente antidemocráticos, debilítana e desacredítana, e a sociedade, ante isto, non pode permanecer de brazos cruzados.

Escrebe Cremades, avogado de prestixio, o seguinte, traducido ao galego por nosoutros, con interese para España: “Está aceptado que o elemento esencial dunha democracia é o Estado de Dereito”, páx. 21, da súa obra “MICROPODER. La fuerza ciudadana en la era digital”, Espasa Calpe, S.A., 2.007, Madrid. Atacar, por conseguinte, e non respectar, ese Estado de Dereito equivale a adoptar unha conduta antidemocrática, da que temos un bo exemplo nalgúns independentistas cataláns.

Por outro costado, a multiplicación desaforada de partidos é nefasta no sistema democrático, porque non só non responde a intereses sociais ben definidos, que din cubrir, senón máis ben á visión singularizada dunha realidade que flota nunha ou noutra penumbra ideolóxica; pero cando se constitúen gobernos formados por alianzas entre os dirixentes dos partidos de ámbito estatal, impiden que os membros do gabinete poidan ser elixidos polas súas competencias, porque, como afirma a filósofa Hannah Arendt, “ vénse representados demasiados partidos e os ministros son necesariamente elixidos conforme ás alianzas de tales partidos”, páx. 373, “Los orígenes del totalitarismo 2. Imperialismo, Alianza Editorial,S.A.,1.987, Madrid.

Non son alleas a sumarse ao impulso da debilitación democrática, tampouco, as mesmas IDEOLOXÍAS, aplicadas por mentes obcecadas coa convicción de que o explican e xustifican todo. Di esta filósofa H. Arendt que tratan o curso dos acontecementos como se seguiran a mesma lei que a exposición lóxica da idea. “As ideoloxías pretenden coñecer de todo o proceso histórico – os secretos do pasado, as complexidades do presente e as incertezas do futuro – mercé a lóxica inherente as súas respectivas ideas”, páx. 694, do tomo 3, relativo ao “Totalitarismo”.

Todas as ideoloxías albergan matices totalitarios, que, como resulta evidente, emerxen na utilización, incluso no ámbito democrático, por algúns partidos, enmarcados nesta lóxica da idea, e que esgotan o tempo en cualificar de “antidemócratas” ós outros, mentres eles van dando pasos cara a ditadura, da man do populismo. Polo tanto, aquí a “sociedade civil” non pode esquecer isto nas súas intervencións na dinámica política, vixiando unha entrega a esta clase de populismo.

Consecuentemente, xa non devén suficiente a lexitimación das urnas. O “micropoder” xorde da perda de poder das institucións, que “teñen que abrirse á participación da cidadanía” para lexitimarse, posto que “os cidadáns adquiriron, desde que os medios de comunicación independentes catalizaron a aparición dunha opinión pública articulada, fai xa largas décadas nas democracias occidentais, o poder lexitimar , ou “deslixitimar”, a actuación do goberno constantemente”, páx.27, obra citada de Cremades.

Engadamos, tamén, que na actualidade as novas tecnoloxías da “interactividade” veñen a ser unhas aliadas moi poderosas dunha nova forma de democracia participada, baseada no diálogo: DEMOCRACIA INTERACTIVA, que permite, utilizando estas tecnoloxías, a actuación das persoas singulares en todos os ámbitos da vida pública, facilitando así aos cidadáns en xeral intervir nos mesmos, mediante un discurso racional.

Son tendencias que empezan a asomar nas sociedades, máis o menos definidas, e que a súa evolución cara a unha maior fortaleza parece que vai estar condicionada a que as institucións, en mans dos políticos destas xeracións, respondan as necesidades do cidadán, quen, neste sistema interactivo, irá adquirindo conciencia da problemática da gobernación dun país, algo moi necesario para formar adecuadas opinións.

En España empezamos, na miña opinión, a ter algún exemplo, como o feito de que en cuestión de horas se organice unha manifestación relevante, e que Podemos se faga eco desta tendencia cando consulta por internet cos seus afiliados, aínda que sexa revertendo a función social no seu interese partidista.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES