Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermón de entroido 2019

miércoles, 27 de febrero de 2019
Moi boas, xentiña,
volvo, un ano máis,
predicar para todos
novos e vellos, fillos e pais.

O 2018
foivos mal ano para caraduras
o río da corrupción
desembocou en moción de censura.

Aquilo era insoportable
cada día un ladrón,
Ali Baba tiña un palacio
e a todo o pobo de peón.

Non lles tremaba o pulso
á hora de recortar,
nin tiña fondo o seu peto
á hora de roubar.

Foi un avesío
sacalos do poder
mais andade con tino,
aínda queren volver.

Disque veñen con novas ideas,
tamén con nomes renovados,
mais escarvas un pouco
e todos están ben apadriñados.

Toda a vida en política,
xeración tras xeración
non teñen medo a nada:
eles son a lexislación.

Por moito que doia
hai que lembrar
cantas ostias non levaron
os que querían votar.

Agora no Entroido,
poñen época electoral,
se decidimos ó chou
teremos unha lexislatura coresmal.

Algúns usan a constitución
para impoñer a súa vontade,
os mesmos que se saltaron
os dereitos da nosa dignidade.

Cómpre saber o que queremos
xogámonos vivir en liberdade
pleno acceso á educación
dependencia e sanidade.

Os dereitos sociais
gañounos a cidadanía
porque os precisaba para vivir
e vencer á tiranía.

Non son agasallos
que fan os de traxe e garabata,
son conquistas dos de abaixo
que o capital abarata.

A ninguén lle importa
a vida do pobre
mentres os caciquiños
sigan cobrando en sobre.

O gran exemplo deste ano
déronolo os pensionistas
de todos eles,
os de Bilbao sonvos os máis activistas.

Cunha ristra de chourizos
tanto ao Psoe como ao PP
reclámanlles por dignidade
que as pensións se equiparen ao IPC.

Non loitan por eles,
aínda que van moi xustiños
para chegar a fin de mes
e axudar aos seus filliños.

Loitan por unha vida mellor,
para que os que han vir
teñan benestar
e atopen porvir.

Merecen un aplauso
estes avós de pancarta,
que loitan por un país
que a súa riqueza reparta.

Ía falar de certa xente,
que quere cambiar polas bravas
pero, que lle dean polo cu,
non merece as miñas palabras.

Cos que si me vou meter
e se se ofenden non lles teño perda,
son cos que teñen can
e non lle limpan a merda.

Despois imos pola rúa
os das sillas de rodas
temos que ir mirando para o chán
HOME, NON ME FODAS!!!

O mundo está tan revolto
minte ata o telediario,
que entre o xénero periodístico
haivos moito mercenario.

Entre a poboación mundial
hai moi pouca memoria,
precisaban todos os pobos
unhas clases de historia.

Este mundo, meus amigos,
entre periodistas e politicastros
estamos quedando sen ética
habemos ter que volver aos castros.

Hai moitos candidatos
aduladores do autoritarismo,
cada un que sae novo
aproxímanos máis ao abismo.

Recórdanme a un home pequeno,
cun ridículo bigote,
que esfolou a un pobo
deixándoo sen carne no pote.

Todos son demócratas,
con ideas moi claras
pero xa pasou na historia
que as ideas saíron caras.

Agora que temos que ir votar,
Deus nos dea cabeciña,
non se vaia desbocar Atila
e nos entre ata a cociña.

Tamén, teño que falar
dos avariciosos do monte
que ven no puto eucalipto
un sustancioso horizonte.

Fan do torto dereito,
buscan homes de palla,
pero nós berramos máis forte
O MONTE PARA QUEN O TRABALLA!!!

Gardádevos ben
de fotos e de notas
non vaia vir o Villarejo
e vos pille en pelotas.

Xa sabedes como funciona,
non fan falla sermóns,
a máis de un e de dous
amarrounos polos collóns.

Habían cobrar ben,
cun carro de bostas,
propietarios e anunciantes
das casas de apostas.

Ben sabemos todos
que abusan da súa fama,
son a perdición de moitos
son un auténtico drama.

Se non saben gañar a vida
(dunha ou doutra maneira)
que proben a botar nabos
cadaquén na súa leira.

Non hai como a vida humilde,
ser pobo traballador
e nos días de festa
un bo bailador.

Para estes días imos,
aí ven Don Carnal ,
na Coruña falta o Vences
Que era o máis principal.

Pouco a pouco,
adivíñase o que vén,
xa vibra no peito
música de Montealto a cien.

Don Carnal, forte e baril,
achégase como un xigante
para rachar as costuras
coa liberdade por diante.

Prepárense os políticos
para que lles ardan as orellas
Don Carnal berra forte
non é coma os contos das vellas.

Eu vou calando
porque me teño que ir,
e vós ídevos erguendo
que vos vou bendicir:

Se queredes un mundo mellor,
tédesvos que implicar
berrade, manifestádevos
e en abril TODOS A VOTAR!!!
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES